|
PENÉLOPE
Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move. A espranza nos teus ollos se esperguiza. Aran os bois e chove. Un bruar de navíos moi lonxanos che estrolla o sono mól coma unha uva. Pro tí envólveste en sabas de mil anos, i en sonos volves a escoitar a chuva. Traguerán os camiños algún día a xente que levaron. Deus é o mesmo. Suco vai, suco vén, Xesús María!, e toda a cousa ha de pagar seu desmo. Desorballando os prados coma sono, o Tempo vai de Parga a Pastoriza. Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
DÍAZ CASTRO, José María, Nimbos, Vigo, Editorial Galaxia, 1961.
|
|