Blogues

PROXECTO O UNIVERSO

Este primeiro trimestre comenzamos cun novo proxecto en ciencias sociais, O UNIVERSO. Como cada inicio de proxecto facemos unha sesión anotando todo o que sabemos sobre o tema escollido e o que queremos indagar sobre el.

Durante meses estivemos investigando a través de lecturas en lingua castelá e lingua galega todos os planetas. Tamén vimos un montón de vídeos sobre cada planeta, anotando as súas características e curiosidades e na biblioteca escoitamos e vimos un pequeno planetario móbil. Por outra banda, na aula de informática en parellas tamén indagamos sobre o planeta que nos tocaba e  realizamos un montón de KAHOOTS sobre o universo para ir repasando a modo de xogo todo o que iamos aprendendo.

Da biblioteca do centro collimos un montón de libros para a nosa aula, tamén o alumnado trouxo libros da súa casa. Así compartimos diversas lecturas e aprendemos un montón de curiosidades.

Con cada lectura traballamos o vocabulario máis importante, aprendemos a subliñar aquela información máis relevante para posteriormente facer preguntas. Desta forma aprendemos a seleccionar os datos.

Para plasmar boa parte do que fomos aprendendo con este proxecto elaboramos un LIBRO DE LAPELAS, titulado O NOSO UNIVERSO.

Así foi o proceso do ben que o pasamos.

 

 

 

E CHEGOU O NADAL...

A nosa escola encheuse de festa e celebracións neste días. Cantamos panxoliñas e decoramos as aulas e corredores con manualidades feitas por nós.

 Nestes enlaces pódese ver como celebraron os máis pequenos do cole estes días.

O NADAL DOS TRASNOS

UN NADAL DOCE

VISITA DOS REIS

O último día de clase levaronse a cabo os OBRADOIROS DE NADAL en primaria, con moitas e diferentes actividades: musicais, artísticas, deportivas, de maxía, xogos en inglés... 

Recibimos aos REIS MAGOS entonando as nosas voces e frautas.

Como remate de festa celebráronse merendas nas clases tendo en conta que este colexio é un centro respectuoso co medioambente e trata de producir residuos cero. Agradecemos ás familias  o esforzo para acadar este obxectivo. O alumnado puxo nas mesas os biscoitos, galletas, magadalenas e pasteis que previamente fixeran nos seus fogares, evitando así plásticos e lixo.

Agradadecementos infinitos ás persoas que participaron para que este día resultase tan ben, e en especial, ás nais e pais que colaboraron con algún obradoiro, á ANPA por organizar a visita das súas maxestades os Reis Magos e ao Mago Ramón, por sorprendernos cada ano  coa súa maxia.

FELICES FESTAS!

UNHA TROMBA DE AUGA DESBORDA O RÍO BISPO E ASOLAGA O CENTRO DE BUEU

A tromba de choiva que se rexistrou na comarca do Morrazo entre as 22.30 e as 23.00 horas de onte desbordou o río Bispo ao seu paso polo centro de Bueu.

A subida do nivel da auga asolagou a rúa  Pazos Fontenla, entre o lavadoiro situado á beira do colexio Virxe Milagrosa e a intersección coa rúa Alexandre Bóveda, así como Rosalía de Castro.

Servizos de emerxencia en plena actuación.

Esta zona quedou completamente asolagada, coa auga por riba da beirarrúa e ameazando con entrar en vivendas e baixos.

A situación puido ser controlada pouco despois coa intervención dos propios veciños, Bombeiros do Morrazo e persoal municipal, que empezaron a abrir os sumidoiros para axudar a evacuar a gran cantidade de auga que baixaba pola canle do río e que tamén inundaba o aparcadoiro dun supermercado situado na mesma rúa.

O ALUMNADO DE 4º REXISTRA O TEMPO NO ESPECTACULARMENTE CHUVIOSO MES DE NOVEMBRO

O alumnado de cuarto tivemos a sorte de rexistrar o tempo no pasado mes de novembro.

Cada día, antes de entar nas aulas, acudiamos á caseta meteorolóxica e apuntabamos os datos da temperatura do termómetro de máximas e mínimas, os datos da presión atmosférica do barómetro. Apuntabamos a porcentaxe de humidade que nos daba o hygrómetro e a cantidade de precipitacións que sacabamos do pluviómetro.

 

Cos datos recollidos elboramos un climograma:

 

Este foi o resultado final:

 

 

Durante o mes vivimos situacións extremas, como a chegada dunha borrasca procedente de Groenlandia que activou varias alertas en Galicia por ondas grandísimas, fortes ventos, elevadas precipitacións e salientable baixada de temperaturas , con neve no interior da comunidade. Xa máis avanzado o mes outra forte borrasca de nome "Cecilia" trouxo moitísimas precipitacións, que provocou o desbordamento de varios ríos e o que máis nos chamou unha amplitude térmica de só dous graos (Maxima 15º e mínima 13ª).

Aproveitamos para facer lecturas comprensivas sobre o tema, que gardamos no noso caderno de texto.

O mes rematou, e xa non somos nós que rexistra e acude á caseta pero seguimos interesados no tema. Cada día traemos novas sobre o tempo que vemos na tele, recollemos nos xornais ou observamos.

A Terra e o universo. Glosario ilustrado

Aproveitando que no mes de outubro recollíamos os datos da nosa meteoescola e que en Ciencias Sociais estabamos traballando o universo e a Terra, realizamos un proxecto interdisciplinar de lingua galega, ciencias sociais e matemáticas. Consistiu na realización dun glosario de palabras relacionado co tema e que quedou exposto no taboleiro de cada clase de 5º. Os nenos e nenas explicaron aos seus compañeiros as palabras que lles tocaron. Algúns acompañaron as súas explicacións con debuxos ou fotografías alusivas.

 

RECOLLIDA DE DATOS 4º PRIMARIA

O alumnado de cuarto tivo a sorte de rexistrar o tempo no pasado mes de novembro.
Cada día, antes de entar ás aulas, acudian á caseta meteorolóxica e apuntaban os datos da temperatura do termómetro de máximas e mínimas e os datos da presión atmosférica do barómetro. Anotaron, tamén, a porcentaxe de humidade e a cantidade de precipitacións. Preme na imaxe para saber máis:

 

GUÍAS DE LECTURA + MÚSICA 2019

 
Xa están aquí as sempre esperadas recomendacións de lectura e música en galego para agasallar no Nadal ou en calqueira época do ano. 
O venres, 22 de novembro, todo o alumnado do noso centro levou nas súas mochilas o tríptico coas novidades.
Este ano temos moito que agradacer á parella formada por Ana Valuja e Esteban Tarabelos. A Ana por facer, como cada ano, a montaxe e a Esteban por agasallarnos por tan fantástica ilustración. Moitos foron os nenos e nenas que recoñeceron os seus debuxos e recordaron con ilusión a bonita actividade que fixemos con el o pasado curso.
Tamén, dende estas páxinas, agardecer a excelentísima Deputación de Pontevedra que imprimiu as guías de xeito gratiuto. 
Lembramos que estas guías están confeccionadas, con moito agarimo, pola Coordinadora de equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo e que o noso cole participa sempre de xeito moi activo na súa elaboración.
Esperemos que sexan do voso agrado e que vos resulten útiles.

 

CELEBRANDO O MAGOSTO

Esta semana  celebrouse a festa do Magosto no noso cole, primeiro para o alumnado de primaria, o martes 12, e despois para o de infantil, o venres 15 de novembro.
Esta é sen dúbida unha das festas favoritas deste centro porque ademais de degustar tan saboroso manxar, tradicionalmente, gozamos cos xogos populares organizados pola asociación Corredoiras de Bueu.
Non puido ser, nas dúas datas a chuvia non nos deu tregua. Así que tivemos que consolarnos con comer as castañas dentro das aulas e prescindir dos xogos.

 

 Porén, non deixamos de realizar actividades en torno a este froito do outono.

Esta foi a canción elixida polos máis pequenos do colexio para cantar todos xuntos.
Asemade fixéronse traballos plásticos:
 

 Tamén se recitaron poesías, como a tantas veces recurrida de Manuel María:

 

 Dende estas páxinas mandar o noso agradecemento á asociación Corredoiras, coa que esperamos contar de novo o próximo curso.

 Tamén agradecer a Ramón e Martín por asar tan ben as castañas.

ESTABAN DELICIOSAS!!!

VISITA Á ETAP DE PONTEVEDRA E AO ENCORO DO PONTILLÓN DE CASTRO

O alumnado de cuarto visitou, o pasado 23 de outubro, a estación de tratamento de auga potabilizada de Pontevedra. Preme nas imaxes para coñecer todos os detalles da visita:

ALERTA POLA CHEGADA DUNHA BORRASCA DE GROENLANDIA, CON NEVE E ONDAS DE 9 METROS

 

O alumnado de 4º de primaria observou e traballou sobre esta borrasca que nos chegou dende Groenlandia.

A borrasca provoca o primeiro aviso de nivel vermello do outono, debido a ondas de máis de oito metros na costa entre Corrubedo e Ribadeo.

Mapa de avisos previsto para o xoves, coa chegada de Cecilia.

 Galicia vivirá no que queda de semana unha situación de pleno inverno, con fortes ventos, chuvia, neve e grandes ondas no mar. A  responsable desta situación haina que buscar en Groenlandia, de onde procede a borrasca Cecilia, o nome que lle corresponde ao temporal que se deixará notar nas vindeiras horas. A principal novidade é a do primeiro aviso de nivel vermello do outono, que estará activado o xoves desde as 12 do mediodía e ata a medianoite na costa de Muros a Ribadeo, debido a mar combinada con ondas de máis de oito metros.

Tal e como explica desde MeteoGalicia Juan Taboada, “é unha borrasca que vén polo Atlántico desde Groenlandia e desprázase rapidamente ata o norte da Península, porque nas Azores hai un anticiclón que xera un corredor e trae este temporal directamente cara a Galicia”. A situación máis perigosa, con todo, estará no mar, xa que se combina a forza das ondas que viaxan polo atlántico co impulso do vento na mesma dirección, o que as fará medrar por riba dos citados oito metros.

O  xoves chegará o máis intenso con Cecilia: ademais da auga, o vento superará os 80 km/h nas provincias atlánticas, e a neve deixarase ver en gran parte do país. O aviso amarelo activouse por agora só no leste de Lugo e Ourense, pero algúns modelos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) apuntan a que se poderán ver folerpas en gran parte das dúas provincias, mesmo nas zonas máis altas de Pontevedra e A Coruña. Juan Taboada anticipa que as nevaradas por riba dos 800 metros van ser “bastante considerables” en Galicia.

A propia Aemet emitiu no mediodía do martes un aviso especial  que fala de espesores de ata 30-50 centímetros nas zonas máis altas, e de 5-10 cm entre 800 e 900 metros. A precipitación en forma de choiva podería sumar en poucas horas máis de 100 litros por metro cadrado.

Agárdase que a partir do venres a situación sexa máis estable, pero é posible que para a fin de semana regresen as chuvias e o vento con intensidade.

A partires deste texto traballaron a comprensión lectora.

 

Distribuir contido