Actividades

VISITA DE PERE TOBARUELA

No día de hoxe recibimos a visita de Pere Tobaruela, autor do libro "Formigas: misión Camiño de Santiago". Nunha sesión moi amena debatimos sobre as lendas e como as historias de transmisión oral poden ser utilizadas na historia en beneficio duns ou doutros.

Tamén comentamos aqueles aspectos que nos resultaron máis chamativos á hora de repasar o camiño que os discípulos do apóstolo percorreron para traer os seus restos a Compostela.

O ambiente foi moi distendido e agradecemos a Pere a súa simpatía e atención.

Excursión o Aquarium Finisterrae

O último día antes das vacacións de Semana Santa, o alumnado de 1º e 2º de primaria visitaron o Aquarium Finisterrae en A Coruña. 

Foi un día cheo de diversión! 

Ver como alimentaban o tiburón Gastón e as focas, aprender sobre o dano que fai o lixo nas nosas praias, ver peixes exóticos, medusas e polbos! 

Aprenderon un montón e disfrutaron todos xuntos!! 

 

 

TELEXORNAL MIÚDO NA CRISTINA

Se de todo o que pasa no cole vos queredes enterar, o programa de radio da rapazada de primeiro tedes que escoitar!

Así comeza o "Telexornal Miúdo, Miúdo", un informativo que inclúe todo tipo de seccións: lectura, natureza, actualidade, deportes... elaborado polos máis reputados xornalistas da contorna. Se pinchades AQUÍ accederedes á retransmisión.

Noraboa por este traballo a estes alumnos e alumnas tan profesionais e a súa mestra, Carolina, por un podcast tan orixinal e unha montaxe extraordinaria!

 

CONMEMORANDO O 8M

Non hai mellor forma que conmemorar unha data tan significativa como o 8M (Día Internacional da Muller Traballadora) que convidando ás mamás do centro a que nos conten en que consiste o traballo que desenvolven. 

Neste eido, Yolanda, a mamá de Lucía e Leo, é técnica auxiliar de enfermería en partos nun hospital. Tróuxonos a indumentaria que emprega no seu día a día cando ten que axudar a traer un bebé ao mundo.

Susana, a mamá de Carmen, estudou Xeografía e Historia. Ademais de comentarnos como fora a súa experiencia estudando en Santiago e os motivos que a levaron a escoller esa carreira, falounos dunha etapa da arte moi chamativa para ela: o postimpresionismo. Fíxonos un repaso pola vida do pintor Vincent Van Gogh e convidounos a representar en tres dimensións unha réplica do cadro "La silla vacía".

Marta, a nai de Xiao, é mestra no centro. Ensínalle a ler, a escribir e a falar aos nenos e nenas. Tamén é xefa de estudos e axúdanos moito a tódolos profes e ao resto do persoal do cole. Pero o que máis lle gusta a Marta é... Contar contos! E sabedes que conto lles contou aos nenos e nenas de 3 anos? Nin máis nin menos que "El monstruo de las emociones va al cole".

 

Pili, nai de Paula, é costureira en Inditex. A súa nai tamén era costureira e de aí aprendeu o oficio. Confecciona prototipos para que logo outros profesionais decidan se se poñen á venta ou non. Ten que prestar moita atención e ser milimétrica á hora de coser unha prenda. Puidemos comprobar que o seu traballo require de paciencia e moita precisión, poñéndonos nós mesmos e nós mesmas a coser!

Raquel, a mamá de Leo, é profe de francés na Escola Oficial de Idiomas. Explicounos onde está Francia, onde se atopan os países de fala francesa e vocabulario en francés: as froitas. Xogamos a adiviñar a froita cos ollos pechados e a dicir o seu nome en francés. Tamén nos convidou a degustar uns bombóns tipicamente galos. Mon dieu, quelle richesse!

 

Laura, a nai de Carmela, traballa nunha empresa de construción facendo proxectos de obra. E... a que non sabedes que? Estache a voltas cun proxecto moi interesante que é o proxecto do parque de Razo!!

Ana Belén Varela, mamá de Ana, é contable nunha empresa e tamén dirixe unha explotación agraria familiar. Seguro que nos axuda co horto cando comecemos a plantar na primavera!

MOITAS GRAZAS A TODAS POLA VOSA VISITA!

Así mesmo, e como as actividades deben ser diversas e variadas, os nenos e nenas de 6º de primaria empregaron o material dos Polos Creativos "Coñecendo as estrelas" neste 8M. Consistiu en facer cubos quebracabezas con imaxes de mulleres importantes no mundo da ciencia, das artes... facendo un pequeno repaso sobre a biografía de cada muller. 

 

 

 

 

Día de Rosalía

Esta semana continuamos coas celebracións do Día de Rosalía, seguindo a proposta da Asociación Galega de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. 

O alumnado de Infantil elaborou os seus propios debuxos baseados no seguinte poema de Rosalía: 

Que feira, rapaza,
si cantas faremos...!
Festiña por fóra,
festiña por dentro. (...)

Así mo pediron
na beira do mar,
ao pé das ondiñas
que veñen e van.

Así mo pediron
na beira do río
que corre antre as herbas
do campo frorido.

Cantaban os grilos,
os galos cantaban,
o vento antre as follas
runxindo pasaba.

Campaban os prados,
manaban as fontes
antre herbas e viñas,
figueiras e robres.

 

Aquí podedes ver o marabilloso proceso de creación dos nosos artistas:

 

 

O alumando de 2º EP investigou sobre a vida de Rosalía:

 

 

O alumnado de 3º e 4º foi convidado a unha actividade organizada polo Concello de Carballo no parque de Rosalía, que inaguramos xuntos o curso pasado:

 

O alumnado de 4º tamén animouse a redactar un anaco de "Adeus ríos, adeus fontes" e elaborou este mural:

 

O alumnado de 3º, 4º,5º e 6º elaboraron un podcast que podedes escoitar neste enlace á páxina web da  biblio do cole:

http://ceipacristinabiblioteca.blogspot.com/2024/02/dia-de-rosalia.html 

 

Quedou incríble! Estes nenos e nenas son todos uns artistas!!!

 

 

 

DÍA DE ROSALÍA

Xa nos estamos a preparar para celebrar o Día de Rosalía. Mais, para ir quentando motores, o equipo TIC do cole elaborou estas actividades ás que podedes acceder pinchando na imaxe ou AQUÍ e AQUÍ.

 

Son actividades para tod@s, de carácter inclusivo, variadas e dinámicas e, sobre todo, serven para que nos acheguemos á vida dunha figura tan importante na nosa literatura como é Rosalía de Castro.

Os equipos de 1º e 2º de primaria prepararon uns murais arredor da súa figura, ilustrando os versos dos seus poemas.

 

"Cantaban os prados,

manaban as fontes

antre herbas e viñas, figueiras e robres."

 

"Na beira do mar,

ao pé das ondiñas.

Na beira do río,

que corre entre as herbas

do campo florido."

 

PONTE NAS ONDAS

O CEIP Plurilingüe A Cristina celebra con outros centros o Día Mundial da Radio 2024 que este ano cadra a martes de Entroido.

A nosa aportación consistiu nunha homenaxe a Carlos "O Xestal", figura clave no noso patrimonio e coñecido por ser un humorista, músico e activista galego. Fíxose popular narrando contos e historias, as cales tiñan tintes reivindicativos contra o caciquismo. Traballou tamén por dignificar e visibilizar a música e a lingua galega. Se pinchades enriba da imaxe, accederedes directamente ao audio.

Neste podcast, faise un breve repaso biográfico para pasar despois a unha interpretación dun dos seus contos. Ollade que ben o fai a nosa montaxista, Maica, e os nosos/as locutores/as!

Este é o enlace á páxina de Ponte nas Ondas (pincha AQUÍ):

https://escolasnasondas.com/

Este é o enlace ao noso podcast en Ponte nas Ondas (pincha AQUÍ):

https://escolasnasondas.com/ceip-plurilingue-a-cristina-carballo-para-o-dia-mundial-da-radio-2024/

CELEBRANDO O ENTROIDO

Aínda que o tempo non acompañou, o pasado venres día 9 celebramos o Entroido no centro. A temática xirou en torno ao sétimo arte e as emocións que nos provocan as películas.

O alumnado de infantil disfrazouse de pintores e pintoras.

O alumnado de primeiro ciclo de emoticonos.

O alumnado de segundo e terceiro ciclo de personaxes da película "O Rei León".

Despois do desfile, compartimos a merenda cos produtos que nos trouxeron as familias. Desfrutamos un montón!

ENTROIDO GALEGO


 
É tempo de ENTROIDO, de festa, de máscaras, de filloas, de cocido... É tempo de coñecer un pouquiño máis sobre esta longa tradición que en Galicia non deixou nunca de celebrarse. 
Sempre convén ir disfrazado... do que sexa! Aquí o que se valora é o espíritu participativo e as ganas de pasalo ben. Dependendo de onde nos atopemos, sen disfraz corremos o perigo de sufrir uns golpes de fusta; de que nos boten fariña ou formigas vivas; ou de ter que convidar a unha ronda. É a lei!
Como o Entroido vívese de forma diferente nos distintos lugares de Galicia, a nosa compañeira Irene, titora de 2º de  primaria, elaborou unha presentación do máis interesante sobre as pantallas, os cigarróns, os peliqueiros...
Que traballazo!
Por enriba, é unha gran artista! Mirade as plantillas que fixo para que poidamos decoralas a nosa maneira. Son xeniais!
 


Podedes descargar as presentacións en formato pdf.

PICASSO POLA PAZ

O alumnado de educación infantil e 1º ciclo de primaria centrou os seus traballos para a paz na figura do pintor Pablo Picasso, imitando e reproducindo algunhas das súas obras máis emblemáticas.

O alumnado de 5 anos experimentou coa luz para facer a súa pomba.

 

 Ollade tamén como traballaron a figura de Picasso os nenos e nenas de 2º de primaria. Fixeron a súa propia interpretación do "Guernica" e dos autorretratos. As obras quedaron espectaculares!

 

O alumnado de 3 anos participou tamén na actividade coa súa visión da pomba da paz.

OS MANDADIÑOS DO MECO

Xa chegou o Entroido un ano máis e, con el, os Mandadiños do Meco. O venres día 9 celebraremos un desfile na pista exterior e disfrutaremos dunha merenda exquisita pero antes debedes botarlle unha ollada ao cartaz para saber como temos que vestirnos do luns 5 de febreiro ao xoves 8.

Desexos para o 2024

Comezamos o 2024 amosándovos  "O cofre dos desexos" do alumnado de 2º de Educación Primaria, que estiveron a traballar baixo o lema do proxecto de centro "Emocionarte". 

 

Os nenos e nenas traballaron a empatía con desexos para todos os membros da comunidade educativa. 

 

 

 

Desexamos que os nosos desexos e os vosos se cumpran no 2024!

ENTREVISTAS EN RADIOCRISTINUNA

Que mellor maneira de comezar este 2024 que retomando a rolda de entrevistas radiofónicas ás integrantes do equipo directivo do centro. A través das sempre incisivas preguntas dos entrevistadores coñeceremos algo máis sobre o traballo destas mulleriñas.

Sabedes cal é a tarefa que máis satisfacción lle produce a Marta, a xefa de estudos? Dende logo, non ten nada que ver con cubrir horarios!

E... a todo esto, quen se encarga da xestión económica do colexio? Que coordinou Carolina antes de asumir a secretaría?

A resposta a todas estas e outras preguntas acharédela aquí. Pinchade en ENTREVISTA A MARTA, XEFA DE ESTUDOS ou ENTREVISTA A CAROLINA, SECRETARIA.

Traballando o vocabulario de Nadal

Boa tarde! Estas últimas semanas de cole, como xa temmos moitas ganas de vacacións,  os nenos e nenas estiveron a mellorar o seu vocabulario en galego cun material elaborado pola mestra Irene.

Tarxetas autocorrectoras para aprendernovos vocablos, realización de oracións con tarxetas de vocabulario e creación de historias sobre o Nadal. Deixámosvos algunhas fotos do traballo nas aulas.

Seguimos aprendendo!

 

Cartas para as nosas maxestades

Bo día a todos, dende o EDLG queremos compartir as nosas propostas para as cartas do Nadal. Como estamos a traballar baixo a metodoloxia DUA, temos diferntes propostas que se axusten ós diferentes ritmos de aprendizaxe. 

As dúas primeiras son creación completa por parte do EDLG e a última unha adaptación atopada en internet.

As dúas primeiras serían para imprimir en tamaño A4 e a última en A3 para que teñan suficiente espazo apra imprimir e facer o sobre.

Podedes encontrar os arquivos en PDF adxuntos a este post. 

 

Esperamos que vos gusten!

BO NADAL DENDE O EDLG

Distribuir contido