Actividades

PONTE NAS ONDAS

O CEIP Plurilingüe A Cristina celebra con outros centros o Día Mundial da Radio 2024 que este ano cadra a martes de Entroido.

A nosa aportación consistiu nunha homenaxe a Carlos "O Xestal", figura clave no noso patrimonio e coñecido por ser un humorista, músico e activista galego. Fíxose popular narrando contos e historias, as cales tiñan tintes reivindicativos contra o caciquismo. Traballou tamén por dignificar e visibilizar a música e a lingua galega. Se pinchades enriba da imaxe, accederedes directamente ao audio.

Neste podcast, faise un breve repaso biográfico para pasar despois a unha interpretación dun dos seus contos. Ollade que ben o fai a nosa montaxista, Maica, e os nosos/as locutores/as!

Este é o enlace á páxina de Ponte nas Ondas (pincha AQUÍ):

https://escolasnasondas.com/

Este é o enlace ao noso podcast en Ponte nas Ondas (pincha AQUÍ):

https://escolasnasondas.com/ceip-plurilingue-a-cristina-carballo-para-o-dia-mundial-da-radio-2024/

CELEBRANDO O ENTROIDO

Aínda que o tempo non acompañou, o pasado venres día 9 celebramos o Entroido no centro. A temática xirou en torno ao sétimo arte e as emocións que nos provocan as películas.

O alumnado de infantil disfrazouse de pintores e pintoras.

O alumnado de primeiro ciclo de emoticonos.

O alumnado de segundo e terceiro ciclo de personaxes da película "O Rei León".

Despois do desfile, compartimos a merenda cos produtos que nos trouxeron as familias. Desfrutamos un montón!

ENTROIDO GALEGO


 
É tempo de ENTROIDO, de festa, de máscaras, de filloas, de cocido... É tempo de coñecer un pouquiño máis sobre esta longa tradición que en Galicia non deixou nunca de celebrarse. 
Sempre convén ir disfrazado... do que sexa! Aquí o que se valora é o espíritu participativo e as ganas de pasalo ben. Dependendo de onde nos atopemos, sen disfraz corremos o perigo de sufrir uns golpes de fusta; de que nos boten fariña ou formigas vivas; ou de ter que convidar a unha ronda. É a lei!
Como o Entroido vívese de forma diferente nos distintos lugares de Galicia, a nosa compañeira Irene, titora de 2º de  primaria, elaborou unha presentación do máis interesante sobre as pantallas, os cigarróns, os peliqueiros...
Que traballazo!
Por enriba, é unha gran artista! Mirade as plantillas que fixo para que poidamos decoralas a nosa maneira. Son xeniais!
 


Podedes descargar as presentacións en formato pdf.

PICASSO POLA PAZ

O alumnado de educación infantil e 1º ciclo de primaria centrou os seus traballos para a paz na figura do pintor Pablo Picasso, imitando e reproducindo algunhas das súas obras máis emblemáticas.

O alumnado de 5 anos experimentou coa luz para facer a súa pomba.

 

 Ollade tamén como traballaron a figura de Picasso os nenos e nenas de 2º de primaria. Fixeron a súa propia interpretación do "Guernica" e dos autorretratos. As obras quedaron espectaculares!

 

O alumnado de 3 anos participou tamén na actividade coa súa visión da pomba da paz.

OS MANDADIÑOS DO MECO

Xa chegou o Entroido un ano máis e, con el, os Mandadiños do Meco. O venres día 9 celebraremos un desfile na pista exterior e disfrutaremos dunha merenda exquisita pero antes debedes botarlle unha ollada ao cartaz para saber como temos que vestirnos do luns 5 de febreiro ao xoves 8.

Desexos para o 2024

Comezamos o 2024 amosándovos  "O cofre dos desexos" do alumnado de 2º de Educación Primaria, que estiveron a traballar baixo o lema do proxecto de centro "Emocionarte". 

 

Os nenos e nenas traballaron a empatía con desexos para todos os membros da comunidade educativa. 

 

 

 

Desexamos que os nosos desexos e os vosos se cumpran no 2024!

ENTREVISTAS EN RADIOCRISTINUNA

Que mellor maneira de comezar este 2024 que retomando a rolda de entrevistas radiofónicas ás integrantes do equipo directivo do centro. A través das sempre incisivas preguntas dos entrevistadores coñeceremos algo máis sobre o traballo destas mulleriñas.

Sabedes cal é a tarefa que máis satisfacción lle produce a Marta, a xefa de estudos? Dende logo, non ten nada que ver con cubrir horarios!

E... a todo esto, quen se encarga da xestión económica do colexio? Que coordinou Carolina antes de asumir a secretaría?

A resposta a todas estas e outras preguntas acharédela aquí. Pinchade en ENTREVISTA A MARTA, XEFA DE ESTUDOS ou ENTREVISTA A CAROLINA, SECRETARIA.

Traballando o vocabulario de Nadal

Boa tarde! Estas últimas semanas de cole, como xa temmos moitas ganas de vacacións,  os nenos e nenas estiveron a mellorar o seu vocabulario en galego cun material elaborado pola mestra Irene.

Tarxetas autocorrectoras para aprendernovos vocablos, realización de oracións con tarxetas de vocabulario e creación de historias sobre o Nadal. Deixámosvos algunhas fotos do traballo nas aulas.

Seguimos aprendendo!

 

Cartas para as nosas maxestades

Bo día a todos, dende o EDLG queremos compartir as nosas propostas para as cartas do Nadal. Como estamos a traballar baixo a metodoloxia DUA, temos diferntes propostas que se axusten ós diferentes ritmos de aprendizaxe. 

As dúas primeiras son creación completa por parte do EDLG e a última unha adaptación atopada en internet.

As dúas primeiras serían para imprimir en tamaño A4 e a última en A3 para que teñan suficiente espazo apra imprimir e facer o sobre.

Podedes encontrar os arquivos en PDF adxuntos a este post. 

 

Esperamos que vos gusten!

BO NADAL DENDE O EDLG

O VOO DA BOLBORETA

O 25N é unha data moi marcada no noso calendario. Estes días máis ca nunca, a comunidade educativa do CEIP Plurilingüe A Cristina di:

"NON a seguir sumando vítimas"

"NON ás agresións sexistas"

"NON a normalizar actitudes que non son normais"

"NON a pasar de largo ante comportamentos violentos"

En definitiva,

NON á violencia de xénero!

Este ano, a bolboreta é o noso símbolo para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A bolboreta morada e o seu voo. Voemos xuntas! Voemos escapando de mans que aprisionan. Voemos cara a liberdade! 

 O alumnado do noso centro tamén participou na elaboración dun vídeo versionando a canción "Yo sólo quiero bailar".

A mensaxe que transmitimos é o máis importante!

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Velaiquí uns recursos que o equipo TIC recopilou para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Entre eles, atopamos a proposta de actividades da UNESCO.

Pinchade na imaxe para ir á páxina.

Así mesmo, o programa Coeducando en Red propón reflexionar sobre certos estereotipos de xénero a partires do visionado de pequenas curtametraxes, pero tamén sobre a crudeza desta forma de violencia contra a muller.

SARA Y LAS GOLEADORAS

 

EL CHUBASQUERO DE AURORA

Adxuntamos tamén unha guía didáctica que nos pode dar ideas sobre como plantexar este tema na aula.

 

SAÍDA AO ECOMUSEO FORNO DO FORTE

O venres pasado os nos@s alumn@s de educación infantil visitaron as instalacións do Eco Museo Forno do Forte en Buño. Ademais de portarse de maravilla, pasárono xenial traballando o barro!

ENREGUÉIFATE

O xoves pasado os regueifeiros Lupe Blanco e Josinho da Teixeira pasaron a mañá botando unhas coplas na Cristina.

Axudáronnos a facer uns versiños ben xeitosos,mentres que practicabamos a rima e coñecíamos algo máis sobre a arte de improvisar de forma melódica e, por suposto, con retranca.

 

 

UNHA BREVE VIAXE COA REGUEIFA POLO MUNDO

 GRAZAS POR UNHA MAÑÁ TAN LÍRICA E DIVERTIDA!!

 

CERTAME DE TEATRO LIDO

GAÑADOR@S!!!!

O XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís xa ten aos seus gañadores. O noso centro foi o CAMPIÓN da 1º categoría coa obra "Cataventos e Cía" do grupo "Os Cristinatreiros" formado por Roque, Carmen, Paula, Victoria, Ana, Iria, Luna e Lucía de 5º de primaria. 

Noraboa aos nos@s compañeir@s!! Amosaron unha gran capacidade de improvisación, ademais dunha coordinación, un ritmo e unha entoación perfectas. Sodes incribles!

Boísimo traballo e moitas grazas a Maica, coordinadora da biblioteca e da radio, por asesorarnos sempre sacando o mellor de nós e a tódolos docentes por deixarnos ensaiar.

Pinchade AQUÍ para acceder ao enlace na prensa.

 

 

 

 

 

CELEBRANDO SAMAÍN!

Canto trouleamos o martes celebrando o Samaín! Que disfraces máis terroríficos os da nosa rapazada! 

Despois do tempo de lecer celebramos o Magosto. Disfrutamos comendo castañas e xogando a todas aquelas actividades que nos propuxo a equipa de EDLG.

O alumnado de terceiro tamén aproveitou a xornada para meter todas esas sensacións angustiosas na "Caixa dos Medos". Non obstante, o medo é unha emoción moi necesaria xa que nos permite reaccionar ante os perigos.

 

 

Distribuir contido