Fomento da lectura

Lecturas para o verán 2016: as bibliotecas escolares recomendan...

Albíscanse xa os días de lecer e as bibliotecas escolares ultiman as súas seleccións de lecturas para grandes e pequenos, unhas "guías de lectura" moi diversas en contido e formato que responden á intención dos equipos de biblioteca por orientar aos distintos sectores da comunidade educativa na escolla de lecturas, música ou cine para os vindeiros meses. Un servizo máis da biblioteca escolar que nalgúns centros se complementa con préstamos múltiples para o verán. Velaquí algúns exemplos.

EN COLABORACIÓN:

IX Xornada dos Clubs de lectura

O vindeiro 10 de xuño reunirase en Compostela o profesorado que coordina os Clubs de lectura acollidos á convocatoria en apoio aos Clubs de Lectura da D.X. de Centros e RRHH, que neste curso 2015/2016 chegou a un total de 239 centros de ensino con ensinanzas de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (persoas adultas, conservatorios, escolas oficiais de idiomas, etc.) de toda Galicia. 

Os Clubs de lectura acollen este curso a máis de 11.000 lectoras e lectores que, periodicamente, se reúnen para compartir experiencia lectora e realizar actividades a partir das lecturas realizadas. Aumentan cada ano os encontros entre distintos clubs e as rutas literarias que realizan, ben por iniciativa propia, ben aproveitando rutas xa deseñadas por distintas institucións. 

A IX Xornada dos Clubs de Lectura iniciaranse coa entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2016 á escritora Ledicia Costas, quen participará tamén na xornada cunha intervención en formato entrevista.

O programa previsto para o resto da xornada deseñouse con dous focos de interese principais: as rutas literarias e a poesía. Acompañarán ao profesorado Manuel Bragado, Fran P. Lorenzo, Raúl Vacas, Carlos Negro, Rosalía Fernández Rial e Darío Xohán Cabana. Tamén será ocasión para coñecer experiencias de rutas literarias desde o IES de Rodeira, de Cangas,  o IES de Porto do Son e o IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, xunto coa Fundación Curros Enríquez de Celanova. Na sesión de tarde, ademais dos obradoiros cos poetas anteriormente citados, haberá unha mesa de experiencias denominada "Xéneros e temáticas "para valentes", aproveitando o lema deste ano para o pasado Día Mundial do Libro, de autoría de Pedro Feijoo: Club de lectura de Manga Intercentros, desde o IES A Paralaia, de Moaña, e Clubs de lectura, biblioteca e poesía, con intervencións desde o IES de Poio e o IES San Paio de Tui. A Xornada rematará cun recital poético musical no que intervirán Raúl Vacas, Carlos Negro, Rosalía Fernández Rial, Darío Xohán Cabana e a cantautora Alba María. 

 

Manuel María nas bibliotecas escolares. Letras Galegas 2016

 

O alumnado de 3º e 4º de primaria do CEIP A Pedra, de Bueu, elaborou unha biografía de Manuel María para kamishibai. Esta é unha das moitas actividades que nestes días iluminan as bibliotecas escolares e os centros todos cos versos e a mirada de Manuel María sobre o mundo. Velaquí algúns outros exemplos da intensa actividade que se está a dar arredor da figura do poeta homenaxeado este 2016 polo Día das Letras: 

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares preparouse para este ano a Maleta MANUEL MARÍA que xa vai de centro en centro coa súa carga de versos. 

OUTROS ENLACES DE INTERESE

Letras Galegas 2016: Manuel María

Un ano máis, as mozas e mozos do CPI dos Dices Rois (Rois, A Coruña), baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, achégannos o telexornal sobre a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Manuel María recibe este ano a atención de institucións culturais de todo tipo pero é nos centros educativos onde a súa voz vai cantar máis alegre, nas múltiples actividades organizadas polos Equipos de Normalización Lingüística e as bibliotecas escolares. Este TELEXORNAL MANUEL MARÍA é un excelente exemplo de educación para os medios e de aprendizaxe baseada en proxectos. O propio Luís Aldegunde explícanos:
No Telexornal Manuel María participou todo o alumnado do club e lectura e outro alumnado de 3º e 4º de ESO. É o resultado de oito meses de traballo (porque xa empezamos en agosto) e para estes vinte e cinco minutos foron necesarias moitísimas horas de traballo: concertar entrevistas, asistir a varios actos na Casa Museo, participar en varios roteiros, gravación das localizacións que foron importantes na vida de Manuel María, preparación de guión con grupos de whats app co alumnado incluídos, gravación con chroma no propio centro, etc.
O telexornal Manuel María vén de ser galardoado pola Asociación Pedagóxica Galega no seu VI Certame de curtas para Rosalía.  Segundo o xurado  recoñécese o ‘Telexornal Manuel María’ “pola súa eficaz achega para o coñecemento e difusión da obra e o legado de Manuel María, co mérito acrecentado de estar protagonizada por escolares que se dan moi ben coa expresión audiovisual e axudan a construír un exemplo vivo de comunicación social galega emancipada”. + info

Premio dos Clubs de Lectura 2016 para Ledicia Costas

A escritora Ledicia Costas acadou o Premio dos Clubs de Lectura 2016, segundo se contempla na Resolución do 23 de abril do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, publicada o mesmo 23, Día Mundial do Libro, no Portal Educativo.

Con este premio, creado en 2015, a Consellería de Cultura, Educación e O.U. quere recoñecer a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandonno, ao ampliarse ao abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. 

O premio recoñece ao autor ou autora máis lido polos clubs de lectura de ensino secundario que participan no programa de Clubs de lectura desta consellería.  Revisadas as memorias de actividades destes clubs así como as lecturas realizadas no pasado curso, a vista da relación de autores máis lidos polos clubs nese curso 2014/2015, e tendo en conta os requisitos do premio, concedeuse este galardón á escritora LEDICIA COSTAS, autora de títulos moi variados tanto en xénero como en contido, que concita o interese dun grande número de lectores e lectoras de todas as idades. Os títulos máis lidos desta autora polos clubs no pasado ano foron: O corazón de Xúpiter, Escarlatina, a cociñeira defunta e Unha estrela no vento.

Ledicia Costas participará na vindeira IX Xornada dos Clubs de Lectura que terá lugar en Compostela o 10 de xuño, coa participación do profesorado que coordina os clubs de lectura en 239 centros con ensinanzas de secundaria, formación profesional, ensinanzas de persoas adultas ou de réxime especial (CMUS ou Escolas Oficiais de Idiomas), durante o presente curso, e no transcurso desta xornada seralle entregado o galardón co recoñecemento do profesorado e, por el representados, das lectoras e dos lectores. 

+ INFORMACIÓN

Os libros son para valentes! EEI Barrionovo (Arteixo)

As nenas e nenos da EEI de Barrionovo (Arteixo) demóstrannos o valentes que son: entran sen medo ningún nos libros e buscan a compaña de lobos, xabaríns, osos ou baleas, métense en covas escuras, súbense á táboa de surf cando máis forte é o temporal... 

Día Mundial do Libro 2016: "Os libros son para valentes" Pedro Feijoo

Achégase o Día Mundial do Libro, o 23 de abril, unha das datas máis significativas do calendario civil nas bibliotecas escolares galegas. Coma en anos anteriores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita un pequeno díptico cun texto orixinal agasallo dun autor ou autora galega. Desta vez, o texto co que celebramos o Día do Libro é de Pedro Feijoo, un dos creadores galegos máis lidos nos clubs de lectura dos centros de ensino, quen afirma con rotundidade no seu texto Os libros son para valentes: "... eu tamén sei que para cada un de nós hai un libro. Un que nos explicará como é que funciona isto de vivir, como se sae adiante, como se avanza. Ou polo menos como poñerlle o rabo ás cereizas..."

Materiais e actividades das bibliotecas escolares:


24 de febreiro, Día de Rosalía

Pasan naquesta vida
cousiñas tan estrañas,
tan raros feitos vense
neste mundo de trampa;
tantos milagres vellos,
tan novas insinanzas,
e tan revoltos allos
con nome de ensaladas,
que non che digo nada...
Pero, ¡vaia!
Rosalía de Castro. Cantares Gallegos
A instancias da AELG (Asociación de Escritores/as en Lingua Galega) os centros escolares levan xa varios anos celebrando o Día de Rosalía de Castro neste 24 de febreiro. Esta data aparece tamén recoñecida no Calendario do Libro e da Lectura 2016, publicado pola Secretaría Xeral de Cultura, para lembrar o aniversario do nacemento da escritora referencial da literatura galega. As bibliotecas escolares galegas comezan a publicar as súas actividades arredor deste día: 
  • Acompaña esta entrada unha ilustración de Aldara Prado, unha das novas imaxes de Rosalía que, grazas á Deputación de A  Coruña se difunden libremente a través da Rede. 

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2015/2016

O Portal Educativo publica  o Resolución da D. X. de Centros e RRHH de 21 de decembro de 2015 pola que se conceden as contías para apoiar o funcionamento dos CLUBS DE LECTURA nos centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, formación de persoas adultas ou ensinanzas de réxime especial (escolas oficiais de idiomas e conservatorios de música...), dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. En total, para o curso 2015/2016, distribúense 200.000€ entre as 239 solictiudes presentadas en tempo e forma. 

Lémbrase a posibilidade de facer uso do "banco de libros" das bibliotecas que os ofrecen en préstamo temporal a través do blogue  LIBROS A EITO.

Na imaxe, lectoras e lectores dun dos grupos de lectura  (4º de ESO) do Club do IES de Poio

Lecturas para tempos fríos - 2015

Achégase o tempo de vacacións e as bibliotecas escolares comezan a difundir as súas recomendacións de lectura (tamén de cine, música, fontes dixitais de interese...). Diferentes en propostas, en contido, en deseño... todas elas responden ao interese dos equipos de biblioteca por facilitar ás familias unha escolla axeitada á hora de agasallar libros. Buscan, tamén, que as lectoras e os lectores desenvolvan autonomía á hora de seleccionar as súas propias lecturas, aprendendo a mirar nos libros máis aló da súa capa e das estratexias do mercado, aprendendo a escoller con criterio.  Son propostas de lectura feitas desde a especialización dos integrantes dos equipos de biblioteca. E como din no CEIP Santiago Apóstolo, de Mugardos, "Como somos espelidos, na Nadal pedimos... libros!

EN COLABORACIÓN:

Convocatoria de clubs de lectura. Curso 2015/2016

O Portal Educativo publica hoxe a Convocatoria de 1 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, destinada a incentivar o funcionamento de CLUBS DE LECTURA nos centros públicos, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universtiaria, que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial. 

Esta iniciativa encádrase no programa para o fomento da lectura nos centros de ensino, Hora de ler, e trata de apoiar ás comunidades educativas no seu empeño por espertar e consolidar o gusto pola lectura entre os seus integrantes: alumnado, profesorado, familias ou persoal non docente.  É tamén un apoio á construción da sociedade lectora que precisamos para avanzar como colectividade. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2015.

ACCESO AO TEXTO DA CONVOCATORIA

Para o envío da documentación en formato dixital á Asesoría, empregar o formulario aquí enlazado.

Na imaxe, alumnado de CPI Dr. López Suárez, de Friol, nunha sesión do club de lectura. 

Guías de lectura Verán2015

Remata o curso escolar e as bibliotecas escolares galegas  comezan a difundir as súas recomendacións de lectura para este tempo de verán con títulos para toda a familia. Se alguén anda despistado e non sabe que ler, unha ollada a estas "guías de lectura" e poderá acudir a bibliotecas ou librarías cun bo feixe de recomendacións tanto de lectura como de música, cine, espazos web... Os profesionais das bibliotecas escolares axudando a construír sociedade lectora.  Velaquí algúns exemplos: 

COLABORACIÓNS:

VIII Xornada dos Clubs de Lectura - Materiais

 

O pasado 5 de xuño celebrouse en Compostela a VIII Xornada dos Clubs de Lectura, coa asistencia do profesorado que coordina clubs de lectura en 238 centros públicos de ensino postobrigatorio de Galicia (IES, CPIs centros de FP, Escolas Oficiais de Idiomas, CMUS e centros de ensinanzas de persoas adultas).

No transcurso da xornada, o escritor Agustín Fernández Paz recibiu o Premio dos Clubs de lectura 2015. 

Os materiais da xornada están dispoñibles no espazo redeBE. En breve completaranse cos vídeos gravados nas diferentes sesións.

 

Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015

Agustín Fernández Paz. Premio dos Clubs de Lectura 2015 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Gravación realizada na casa de Agustín Fernández Paz co gallo da concesión do Premio dos Clubs de Lectura 2015, que lle foi entregado no transcurso da VIII Xornada dos Clubs de Lectura, o pasado 5 de xuño en Compostela. Agustín non puido estar presente e no seu lugar recolleu o premio o seu amigo e editor, Manuel Bragado. Porén, os asistentes puideron escoitar ao escritor  as súas palabras de agradecemento e unha pequena disertación sobre o poder e a necesidade da lectura. 

VIII Xornada dos Clubs de Lectura

O venres 5 de xuño reunirá en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura presentes en máis de 230 centros educativos que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas e ensinanzas de persoas adultas).

Esta VIII Xornada dos Clubs de lectura é unha oportunidade para a profundización en temáticas relacionadas coa lectura e os xéneros literarios, tamén para reflexionar sobre o papel dos clubs de lectura do ámbito educativo na construción da sociedade lectora, así como para intercambiar experiencias e actividades. Este encontro anual dos coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura é un espazo para reflexión conxunta, tamén para a creación e reforzo de vínculos profesionais arredor dos libros, a lectura e, finalmente, a educación. 

Esta VIII Xornada será tamén ocasión para entregarlle a Agustín Fernández Paz o Premio dos Clubs de Lectura 2015, tal e como se recolle na resolución do pasado 23 de abril, da D.X. de Centros e RRHH, pola que se establece este premio que se concederá cada ano ao autor ou autora galego que foi lido por un maior número de clubs de lectura no curso inmediatamente anterior. Agustín Fernández Paz recibirá pois este galardón dos lectores e das lectoras, e impartirá a conferencia inaugural da xornada. Acompañarán ao profesorado asistente, así mesmo, o xornalista e crítico literario César Lorenzo Gil, director de Biosbardia, e o escritor e crítico de cine e televisión, Miguel Anxo Fernández, que impartirá a conferencia final. Haberá ocasión para o intercambio de experiencias e a reflexión compartida arredor de diferentes temáticas que ocupan e preocupan ao profesorado que coordina os clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. 

Letras Galegas 2015

Maio, Mes das Letras tamén nas bibliotecas escolares galegas. Alumnado e profesorado do CEIP Eduardo Pondal, de Vigo, fannos as súas recomendacións de lectura, como unha achega a esta festa das Letras que se estende por todo o país. Velaquí algúns exemplos da intensa actividade que se xera nos centros educativos, e concretamente nas bibliotecas, arredor desta data significativa para a valorización da lingua e a cultura de Galicia: 

Premio dos Clubs de Lectura 2015 ao autor máis lido nos clubs de lectura

O Portal Educativo publica hoxe, co gallo da celebración do Día Mundial do Libro, a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 23 de abril de 2015, pola que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo no curso precedente, galardón que se entregará nesta ocasión a Agustín Fernández Paz, no transcurso da que será a VIII Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar o próximo 5 de xuño en Santiago de Compostela.

Profesoras e profesores que coordinan estes clubs de lectura nos centros de ensino secundario e postobrigatorio, amosaron o seu interese por recoñecer a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción dos lectores. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Establécese así o Premio dos Clubs de Lectura que, cada ano, outorgarase ao autor ou á autora de obra en galego que resultase seleccionado polo maior número de clubs de lectura no curso precedente.

Na VIII Xornada dos Clubs de Lectura, Agustín Fernández Paz recibirá a homenaxe do profesorado asistente e, por el representados, de todos os lectores e lectoras  participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia. 

Día Mundial do Libro 2015

Coma en anos anteriores, as Bibliotecas Escolares de Galicia celebran o Día Mundial do Libro coa edición dun pequeno marcapáxinas en forma de díptico que acolle un texto inédito, neste caso da escritora María Solar, sobre a maxia dos libros, con referencias literarias evocadoras de aventuras e viaxes. Agradecemos a María Solar a súa xenerosidade e a súa recomendación para este día: "Ás veces o destino está no libro que tes ao lado. Só tes que abrilo e gozar". 

O mes de abril ferve xa nas bibliotecas escolares cunha gran variedade de actividades arredor do libro e a lectura. Velaquí algúns exemplos: 

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

Os carteis e os textos que anualmente edita a IBBY (International Board on books for Young People), xunto coa OEPLI e as entidades colaboradoras (en Galicia, GALIX), arredor do mes de abril, permítennos coñecer autores e ilustradores de distintas sensibilidades e procedencias. Neste ano 2015, o Día Internacional do Libro Infantil, que se celebra o 2 de abril, en memoria do nacemento de Hans Christian Andersen, lévanos aos países árabes e á palabra e á imaxe creada por dúas mulleres representantes da literatura infantil e xuvenil desa parte do mundo: 

  • Moitas culturas, unha historia, é un texto  de Marwa Obaid Rashid Al Aqroubi, escritora e difusora dos libros infantís nos Emiratos Árabes Unidos.  Traballa pola creación dunha cultura de lectura e por proporcionar libros para nenos e nenas afectadas pola guerra, a inestabilidade política ou os desastres naturais na rexión de Asia Central e Norte de África:

"Falamos diferentes linguas e vimos de diferentes orixes, máis compartimos as mesmas historias"

Lectura de primavera 2015

Achégase un breve período vacacional e as bibliotecas escolares galegas aproveitan para publicar as súas recomendacións de lectura, cine, música, recursos electrónicos... Son as "lecturas de primavera":

 

 

 

 

 

 

21 de marzo, Día Mundial da Poesía

A primavera entra cun sorriso poético nas bibliotecas escolares galegas. O 21 de marzo, declarado pola UNESCO en 1999 como Día Mundial da Poesía, é unha data clave nas bibliotecas para tratar de vincular ao alumnado a un xénero literario dos que moitos adultos din "gustar" e poucos len. Existe tamén (nos adultos), o preconcepto de que "aos rapaces non lles gusta a poesía", que cae polo seu peso en canto se lles acompaña no acceso aos textos poéticos e se lles permite achegarse de forma libre á poesía. Velaquí algunhas das actividades levadas a cabo nestes días nas bibliotecas escolares do país: 

Maletas viaxeiras - Actualización

Dado o elevado número de maletas viaxeiras dispoñibles (xa son 29 coa última incorporación da maleta de Ciencias Secundaria A), fixemos unha pequena modificación na páxina.

Agora podemos ver a lista completa das maletas dispoñibles desde a parte superior da web, para facilitar así a busca desexada.

Nas vindeiras semanas seguiremos engadindo novas maletas a esta colección. Calquera suxerencia que nos desexedes facer chegar sobre este programa será benvida.

Aproveitamos para lembrar que estas maletas están localizadas nas dependencias da consellería, na Asesoría de Bibliotecas escolares, en Santiago de Compostela, polo que os centros que desexen participar deberán vir a recoller e devolver a maleta a esta localización (persoalmente ou a través dunha axencia de transporte), agás cando se desexe facer un intercambio directo entre os centros, tal e como se describe no Protocolo de  intercambio (PDF), previa consulta aos responsables da Asesoría de bibliotecas escolares. 

 

Novas maletas viaxeiras: Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Poesía...

Son xa 28 as maletas viaxeiras postas a disposición dos centros educativos a través da plataforma MALETAS VIAXEIRAS, dispoñible tamén a través desta páxina. Incorpóranse agora 6 novas maletas: Poesía (2-Primaria), Física e Química (2- Secundaria) e Bioloxía e Xeoloxía (2- Secundaria).  

Estes materiais están tendo moi boa acollida por parte das bibliotecas escolares. No que levamos de curso 2014/2015, desde setembro ata hoxe, 5 de marzo, houbo un total de 99 solicitudes para distintos momentos do curso escolar e xa se levan feito un total de 69 préstamos. 

Lembramos que as maletas viaxeiras levan unha selección de materiais sobre determinadas materias co fin de apoiar as actividades das bibliotecas (exposicións, proxectos e outras iniciativas), así como dar a coñecer algúns materiais que poidan ser de interese para profesorado ou alumnado.  Estas maletas ofrécense en préstamo temporal máximo de un mes  e os centros deben asumir os custos de transporte. 

Novas maletas viaxeiras de ciencias

As maletas viaxeiras están a curmprir a súa función: apoiar as actividades programadas desde as bibliotecas escolares. Velaquí o exemplo que nos chega desde o IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra), onde a biblioteca programou 15 días de BD, en colaboración co departamento de Plástica e co apoio dunha das maletas de Banda Deseñada que a Asesoría de bibliotecas escolares pon a disposición dos centros interesados. 

Nestes días incorporáronse tres novas maletas, todas elas de CIENCIAS, destinadas aos centros de Primaria. Na páxina de MALETAS VIAXEIRAS (cun enlace na parte superior desta páxina) pódese acceder aos materiais de cada unha das maletas e, a través do botón RESERVAR, ás instrucións para xestionar a reserva e ao formulario de solicitude de préstamo. 

Desde este mes de xaneiro amplíase o prázo de préstamo que pasa a ser de un mes (aínda que se poden solicitar por menos tempo).  O centro encargarase,  coma sempre, da recollida e entrega da maleta. 

Resolución da convocatoria dos Clubs de Lectura para o curso 2014/2015

O Portal Educativo publica a Resolución de 26 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se asignan contías para o funcionamento dos clubs de lectura para o curso 2014/2015, segundo a convocatoria de 15 de setembro. Reciben axudas un total de 228 centros que contan con un ou varios grupos de lectura, integrados no club de lectura do centro. Segundo as estimacións recollidas nas solicitudes, durante o curso 14/15 beneficiaranse desta iniciativa uns 8.570 alumnos e alumnas, e están directamente implicados máis dun milleiro de profesores e profesoras. 

Na imaxe, un grupo de lectura "A poza da moura", do IES A Paralaia (Moaña) nunha sesión dedicada ao libro "A evolución de Calpurnia Tate", durante o curso 2013/2014.