Concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares - 2010

O BOE do 4 de maio publica a resolución da Secretaría de Estado de Educación pola que se convoca o concurso nacional de boas prácticas para a dinamización das bibliotecas dos centros escolares para o ano 2010. Pódense presentar todos os centros educativos sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas reguladas na LOE e que teñan desenvolvido accións de dinamización e innovación da súa biblioteca. O prazo para a presentación de memorias e documentación remata o 10 de xuño. A inscrición debe realizarse por vía telemática no enderezo:

http://www.educacion.es/horizontales/ministerio/premios/centros-educativos.html

Día Mundial do Libro 2010 - III

 

 

Rematado o mes de abril, comeza o maio das letras, o maio de Novoneyra... pero aínda se escoitan os ecos das mil e unha actividades levadas a cabo nas bibliotecas escolares galegas co gallo do Día Munidal do Libro, a festa da palabra que pasou coma unha marea, empreñando a Terra de futuro. Velaquí só unha breve mostra:

Día Mundial do Libro 2010 - I

O escritor Juan Mata, profesor da Universidade de Granada e voz particularmente lúcida no ámbito do fomento da lectura, estivo connosco nos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 09/10, o pasado xoves, 15 de abril. A súa excelente conferencia estará accesible nesta páxina proximamente.

Co gallo da celebración do Día Munidal do Libro e do Dereito de Autor - 2010, Ano do Libro e da Lectura de Galicia, o autor agasallou ás Bibliotecas Escolares de Galicia cun texto sobre o papel do lector á hora de transmitir ou contaxiar o gusto pola lectura, o papel da persoa mediadora neste ámbito tan apaixoante, e tan confuso ás veces, do fomento da lectura entre os máis novos. Con este fermoso texto publícase un marcapáxinas dedicado ao profesorado que tanto e tan ben está a facer desde as bibliotecas escolares e desde as aulas. Agradecemos a Juan Mata este agasallo e convidamos á súa lectura e difusión. 

Experiencias de interese nas bibliotecas escolares

Unha das funcións da biblioteca escolar é a de fomentar a lectura entre os distintos sectores da comunidade escolar. Preguntar ao profesorado e aos rapaces e ás rapazas sobre os seus hábitos de lectura é unha maneira de poñer en valor esta actividade. O blogue da biblioteca do CEIP Rosalía de Castro de O Grove (Pontevedra) recolle unha experiencia ben interesante neste sentido, que queremos dar a coñecer. Así podemos ler o "dontest" de Eva (alumna) ou de Elena (profe).

Outra experiencia a difundir é a que levan a cabo no IES Fontexería de Muros (A Coruña). A biblioteca acolle nos recreos a presentación de traballos elaborados polo alumnado nas distintas áreas ou materias. Esta difusión axuda a poñer en valor o coñecemento e a aprendizaxe e difunde cultura. ¿Non son estas tamén funcións da biblioteca escolar? Esta semana, por exemplo, están a a pasar, todos os recreos, a presentación "A vida cotiá na Grecia e Roma antigas", realizada por alumnado de Cultura Clásica de 4º de ESO. Parabéns por estas iniciativas!!!

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2009/2010

 

Todos os materiais dos diferentes relatorios dos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 09/10, están dispoñibles (previa autorización dos seus autores) na plataforma virtual da Asesoría de bibliotecas escolares, redeBE. Para acceder, entrar no "curso correspondente" en calidade de invitado. Aquí o enlace directo.

Proximamente estarán tamén dispoñibles as diferentes intervencións.

Encontros PLAMBE 2009/2010

Os días 15 e 16 de abril celebraranse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 2009/2010. Están convocadas as persoas responsables das 299 bibliotecas escolares incluídas no presente curso neste programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os encontros teñen como finalidade avanzar na formación específica deste colectivo nos aspectos máis variados da biblioteca escolar: o papel que xogan hoxe en día estas bibliotecas nos centros educativos e as posibilidades que ofrecer para educar a un alumnado que medra na sociedade da información. Son espazo de reflexión e de intercambio de experiencias; unha oportunidade para a creación de vínculos profesionais que posibilite traballos colaborativos entre as distintas bibliotecas, nunha dinámica xa creada e que está a demostrar a súa efectividade.

A lectura para a aprendizaxe, a educación de competencias básicas como o "tratamento da información e competencia dixital", a presenza dos soportes audiovisuais e electrónicos, a imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital, serán algúns dos contidos a tratar en maior profundidade.

As maletas viaxeiras camiño dos CFR

Onte, 6 de abril, reuníuse a Comisión de bibliotecas escolares, da que forman parte os asesores e asesoras especialistas de bibliotecas escolares , ou colaboradores, dos distintos Centros de formación e recursos do profesorado, xunto coas responsables da Asesoría de bibliotecas da consellería. O moitvo da reunión, preparar os últimos detalles dos vindeiros Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2009/2010, que terán lugar en Santiago de Compostela os días 15 e 16 de abril.

Na volta á casa, os compañeiros e compañeiras levaban canda eles as maletas viaxeiras que xa están a disposición dos centros interesados:

  • A Coruña: Banda deseñada (secundaria). contactar con Javier Pintor
  • Ferrol: Lectura (profesorado traballando sobre o tema). contactar con Ánxela
  • Lugo: Poesía (primaria) e Banda deseñada (secundaria). Contactar con Teresa
  • Pontevedra: Poesía (primaria), Lectura (profesorado). Contactar con Consuelo
  • Ourense: Lectura (profesorado). Contactar con Guillermo
  • Vigo: Lectura (profesorado). Contactar con Manuel.
  • Santiago: Poesía (primaria), Lectura (Profesorado), Banda deseñada (secundaria). Contactar con Leonor.

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Xa está ás portas abril, mes de moita celebración arredor do libro e a lectura. Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on Books for young people) vén de editar o cartel conmemorativo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, correspondente ao ano 2010. Nesta ocasión, a responsable da ilustración é a debuxante Noemí Villamuza e o autor do texto é o escritor Eliacer Cansino, ámbolos dous españois e de recoñecido prestixo no ámbito da literatura que xa poden ler os máis novos. Pódese ler a mensaxe nas catro linguas oficiais do estado e tamén en inglés.

O reverso do cartel que distribúe a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) recolle a relación de centros educativos que se sumaron á celebración deste día mediante accións específicas. Hai unha boa representación galega.

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía, unha data que serve para lembrar a importancia da Palabra poética, e para espallala. A directora xeral da UNESCO, Irina Bukova, é clara na súa declaración:  

«A diversidade poética bríndanos outro xeito de dialogar. Permítenos descubrir que todos e cada un de nós, en calquera punto da Terra, compartimos os mesmos interrogantes e sentimentos. É unha faceta da nosa liberdade, é a nosa humanidade. Por iso a poesía debe ocupar o lugar que lle corresponde nos programas de educación de calidade. Mediante o acceso á poética do mundo enteiro, os mozos poden dispoñer dun instrumento máis, diferente, sutil e fluído, para mellorar o seu coñecemento e comprensión dos demais. O descubrimento dun novo poema constitúe un acto de inmersión na lingua, pero tamén na emoción e na sensibilidade do outro, por moi distante que se atope en termos xeográficos.»

As bibliotecas escolares galegas contribúen a esta cuestión a través das súas propostas, que poden coñecerse visitando os seus blogues (Primaria - Secundaria). A modo de exemplo, algunhas destas actividades:

Maletas viaxeiras: Lectura, Banda deseñada, Poesía

 

 

A Asesoría de bibliotecas escolares pon a disposición dos centros unhas maletas viaxeiras co fin de achegar, ao profesorado que as solicite, uns materiais que sirvan para reforzar e apoiar as súas propias iniciativas de formación no ámbito do fomento da lectura, e outras actividades destinadas ao alumnado. As maletas están a dispoñibles nos Centros de Formación e Recursos do Profesorado, e poderán solicitarse, en préstamo, a través da persoa asesora en materia de bibliotecas escolares.

Bibliotecas escolares, espazos de aprendizaxe

Cada día, todos os días do curso, as bibliotecas escolares ofrecen recursos e oportunidades para a aprendizaxe: aprendizaxe guiada e, de forma paulatina, aprendizaxe autónoma. Velaquí dous exemplos de distintos niveis educativos: No CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña), as rapazas e rapaces dos distintos ciclos andiveron a investigar sobre as mulleres científicas e, logo de recoller información en distintas fontes, prepararon unhas "conferencias" para os seus compañeiros e compañeiras. Pódemos coñecer esta actividade no blog da biblioteca: HIPATIA (6º B) - MARIE CURIE (5º B)  - MARY ANNING (3º A) - SALLY RIDE (3º B) - ENHEDUANNA ( 2º)

Hora de ler e de escoitar

 

A Fundación Germán Sánchez Ruiperez vén de publicar un recurso para a selección de materiais para a colección das bibliotecas escolares: La música en la literatura infantil y juvenil.

Completando estos recursos: Música galega, unha selección realizada pola biblioteca do CEP Xosé Mª Brea Segade (Taragoña-Rianxo, A coruña) e unha guía de lectura sobre música do IES Río Cabe (Monforte, Lugo)

8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas

Un ano máis, chegado o mes de marzo, as bibliotecas escolares enfocan a súa actuación na conmemoración do Día Internacional da Muller, con finalidade educativa no amplo sentido do termo. A biblioteca do IES Río Cabe (Monforte de Lemos, Lugo) achéganos un dos seus excelentes carteis, con rostro de muller.... e os múltiples blogs das bibliotecas escolares de Primaria ou de Secundaria abren as súas fiestras e permítennos coñecer a intensa actividades destes días. A título de exemplo, esta interesante actividade, cunha persecptiva colaborativa, levada a cabo no IES Alexandre Bóveda (Vigo, Pontevedra):"Bata por fóra, muller por dentro" e que podemos coñecer a través do blog da biblioteca.   

Colaboradores da biblioteca

 

 Son moitos os centros educativos que teñen equipos de colaboradores: rapazas e rapaces que, desinteresadamente e de forma voluntaria, se comprometen coa biblioteca do seu colexio ou instituto, participan dos labores para mantela ordenada, realizan o préstamo aos compañeiros, axudan e orientan na busca de libros, na busca en Internet, na elaboración de traballos... As imaxes corresponden ao equipo de colaboradores do CEIP Curros Enríquez, de Celanova (Ourense)

 

 O profesorado do Equipo de Biblioteca forma a estes rapaces e conta coa súa colaboración. Son un activo máis para as bibliotecas escolares e, nesa actividade que realizan, vanse formando tamén como usuarios de bibliotecas e como lectores. Algunhas guías para colaboradores, elaboradas polas Bibliotecas que contan con estes equipos, poden verse aquí

As bibliotecas escolares forman usuarios de bibliotecas

Entre as funcións da biblioteca escolar está a formación do alumnado como usuarios de bibliotecas de diferente tipoloxía. Cando para a organización se empregan sistemas estandarizados, de uso na meirande parte das bibliotecas (como é a CDU para a clasificación dos materiais), ou se realizan prácticas de busca de información con fin de que o alumnado aprenda a moverse con fluidez polo mundo dos libros e dos recursos electrónicos, estáselle a educar para o uso dos instrumentos culturais que a sociedade pon ao seu servizo.

As bibliotecas escolares galegas programan, xa de forma cotiá, actividades neste ámbito. Tamén difunden, mediante guías específicas, as posibilidades e os recursos da biblioteca. Así podemos ver este exemplo de guía de usuarios da biblioteca, do CEIP Mestres Goldar, de Vigo (Pontevedra).

Aquí poden verse outros exemplos.

As biblotecas escolares recíclanse...

 

E non é só a mudanza que están a vivir as bibliotecas escolares galegas o que pode lerse neste titular... falando de reciclaxe puro e duro... as lonas que serviron para difundir as actividades de formación do profesorado nestes últimos anos (xornadas, encontros, encontros PLAMBE...) cobran nova vida e van pasear as rúas galegas. A Asociación Pro Saúde Mental, A Creba, de Noia (A Coruña), que mantén obradoiros con enfermos mentais da zona, recolleunos estes materiais e elaborou unhas bolsas que dá xenio velas. As persoas interesadas poden contactar coa asociación.

   

Novo blogue de biblioteca escolar

Nace un novo blogue nunha biblioteca escolar galega. Nesta ocasión trátase do BIBLIOANTIOQUÍA, do IES Cidade de Antioquía, de Xinzo da Limia. Con este son xa 86 os blogues de bibliotecas escolares de secundaria. Pola súa parte, os centros de infantil e primaria que contan cun blogue de biblioteca escolar son 65. En total, 151 fiestras polas que asomarse a unha realidade: a das bibliotecas escolares galegas, en proceso de transformación cara ao novo modelo de biblioteca escolar, centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe no que se integra o mellor da cultura impresa e da cultura dixital, ao servizo dun ensino máis acorde coas necesidades do alumando actual. Algúns exemplos de bibliotecas escolares de secundaria:

Colaboración interbibliotecaria

Un dos ámbitos de cooperación entre as bibliotecas escolares e as bibliotecas públicas da súa zona de referenicia, é a coordinación na formación de usuarios destas bibliotecas, dándoas a coñecer ao alumnado, facéndoas visibles e procurando con elas vínculos de participación, de forma que se favoreza o achegamento da rapazada, de forma autónoma e cotiá, a estes espazos culturais do seu medio, que tantos momentos gratos e tantas posibilidades de formación lles poden proporcionar. 

Moitas bibliotecas públicas e escolares do país levan a cabo este tipo de colaboración. Un exemplo podémolo ver na prensa de hoxe: a Biblitoeca Municipal de Sanxenxo (Pontevedra) acolle ao alumnado do IES de Sanxenxo, nunha actividade máis para a formación dos lectores e lectoras.

Biblioteca escolar, espazo de creación - II

Ao longo de todo o ano, as bibliotecas realizan propostas de creación: contos,  poesía, cómic, ilustración, fotografía, regueifas (ou rap á galega)... As fórmulas poden ser diferentes pero a finalidade é a mesma: estimular a expresión oral, escrita e gráfica do alumnado. É tamén unha forma de incitar á lectura. Os exemplos multiplícanse a estas alturas do curso:

Así conta Emilio, da biblioteca do IES Pedra da Aguia (Ponte do Porto, Camariñas) a xestación da narración colectiva "O misterio do exame desaparecido": Alá por novembro ou decembro, deume por retar a algúns dos habituais da biblio a darlle continuidade a unha historia. Engancharonse varios rapaces de 4º e algún profe/a. Estes días dinlle remate, porque a cousa xa se complicaba de máis e podíase poñer rancia. Pero o experimento funcionou bastante ben. Houbo que correxir moi pouco, que
foron moi coidadosos, máis que nada cuestións de formato, para igualar letras e tamaños. agora que rematou algún queixouse de que non fixera o seu capítulo, o cal me parece estgupendo, non hai mel.lor que deixalos con fame.

Premios de boas prácticas na dinamización e innovación das bibliotecas escolares 2009 (Ministerio de Educación)

O BOE do 21 de xaneiro de 2010 publica a resolución do concurso nacional de boas prácticas na dinamización e innovación das bibliotecas dos centros educativos, correspondente ao ano 2009, convocado polo Ministerio de Educación. Novamente, os centros galegos teñen unha importante presenza na relación de centros galardoados, con cinco premios. Este é un síntoma máis de que algo (moi bo) está a pasar nas bibliotecas escolares galegas:

Parabéns ás comunidades educativas destes centros!!

As bibliotecas escolares, espazos de creación

 

As bibliotecas escolares poden asumir, como unha das súas funcións, a de estimular a creación literaria (e a expresión artítstica en xeral), entre o alumnado. Así o están facendo os centros educativos de todo o país mediante concursos de poesía, cómic, narración, fotografía, ilustración, artigos xornalísticos ou textos teatrais....

Unha destas bibliotecas é a do IES Fontexería, de Muros (A Coruña) que nestes días fixo entrega dos premios correspondentes á 2ª Recollida de Nanocontos, un certame de creación moi especial e que está a ter gran éxito na comunidade educativa. A través do seu blogue podemos coñecer esta experiencia e acceder aos nanocontos.

30 de xaneiro, Día Internacional da Paz

O calendario civil proporciona oportunidades de aprendizaxe moi valiosas, que o profesorado sabe aproveitar na consecución dos seus obxectivos. Unha destas datas é o 30 de Xaneiro, Día Internacional da Paz e da Non Violencia. Comezan a chegar materiais elaborados ou recompilados polas bibliotecas escolares, exercendo a súa función de proporcionar recursos ao profesorado do propio centro para o tratamento dos contidos curriculares, a educación das habilidades de uso da información (educación documental/ALFIN) e o fomento da lectura.

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura- 2009/2010

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 30 de decembro de 2009, da convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos de ensino secundario,  para o curso 2009/2010.

Un total de 177 clubs de lectura reciben axudas por mor desta resolución, o que representa que nun 48% dos centros públicos que albergan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, ou ensinanzas de réxime espacil, funciona un club de lectura. Algúns  clubs acollen varios grupos, en función da idade ou dos intereses dos participantes; en varios centros funcionan, ademais, círculos de lectores de pais, nais, profesorado e persoal non docente. Cómpre salientar o papel que nesta realidade está exercendo o profesorado que, sen compensación algunha máis ca satisfacción profesional e humana, están dispostos a poñer en marcha un club de lectura, e a involucrarse desta forma na construción dunha sociedade lectora, tan necesaria para a pervivencia dos espazos democráticos e para a mellora da calidade de vida de todos os cidadáns.

2010, Ano do Libro e da Lectura en Galicia

cartel muller lendo - ano da lecturaA Consellería de Educación e Ordenación Universitaria continúa, neste ano 2010, declarado Ano do Libro e a Lectura en Galicia, coa súa dinámica de fomento da lectura nos centros, a través do programa Hora de Ler, e de mellora da infraestrutura básica para a lectura no ámbito educativo: as bibliotecas escolares. Entre outras accións, destacan: