Taboleiro

Encontro literario no IES G. Torrente Ballester

O noso instituto está a organizar un encontro literario con tres dos escritores máis recoñecidos actualmente no eido da novela negra e policial. Estes son:

  • Dolores Redondo, autora da Triloxía de Baztán, da que se levan vendidos máis de medio millón de exemplares;
  • Domingo Villar, creador do carismático policía vigués Leo Caldas, protagonista das súas novelas Ollos de auga e A praia dos afogados;
  • Pedro Feijoo, autor da intrigante Os fillos do mar e da desasosegante A memoria da choiva.

Ademais, contaremos coa presenza como moderador de Ramón Rozas, periodista e comentarista cultural do Diario de Pontevedra.

O encontro terá lugar no Salón de Actos do instituto o vindeiro mércores dezaoito de febreiro ás sete da tarde; no seu transcurso os convidados debaterán sobre a novela negra e policial, sobre a creación literaria e sobre as preguntas que o auditorio lles dirixa, e farannos partícipes dalgunhas das súas anécdotas, coas que sen dúbida gozaremos... ou sufriremos. O evento estará aberto a toda a cidadanía, xa que así o aconsellaban a relevancia dos tres escritores que nos acompañarán e a ocasión especial que para o noso centro representa organizar un evento destas características.

Dende o equipo directivo e o equipo de bilbioteca do centro convidamos a participar nesta actividade a todas as persoas que poidan estar interesadas nela. Xuntamos a esta pubicación o cartel do encontro.

Presentación do libro "Corazóns e coitelos"

Onte na Casa das Campás a comunidade educativa do noso instituto puido asistir á presentación pública do libro Corazóns e coitelos, unha recompilacón dos mellores relatos presentados polos alumnos do noso centro ós certames literarios que convocamos nos últimos cursos. Foi para nós todo un orgullo poder celebrar este acto, xa que supuxo un chanzo máis na carreira literaria dunha nova fornada de escritores do IES Gonzalo Torrente Ballester. No acto tivemos a oportunidade de contar coa presenza do escritor Pedro Feijoo e do crítico literario Ramón Rozas, a quen lles agradecemos enormemente que nos acompañasen nunha ocasión tan especial para nós. Aquí vos deixamos unha foto do evento. Ademais, seguindo este enlace poderedes ver un vídeo do acto: http://vimeo.com/111724984.
 
 

Celebración do Samaín

Para celebrar o Samaín o día 29 de outubro organizamos un concurso de decoración de aulas con motivos relacionados con esta tradición popular. A través do seguinte enlace poderedes ver o vídeo que resume o que foi esta festa no noso centro: http://vimeo.com/110640960

 

Día da Biblioteca Escolar

Na semana do 27 ó 30 de outubro conmemoramos no instituto o Día da Biblioteca Escolar (24 de outubro), que este ano estaba dedicado á relación entre a literatura e as matemáticas. Con tal ocasión organizamos as seguintes actividades:

.- unha exposición con libros cuxo título e contido se relacionaban coas matemáticas e unha mostra de fragmentos de obras de escritores famosos de temática numérica;

.- un concurso de busca de libros cuxo título incluíse números do 0 ó 9;

.- un concurso de decoración de cabazas con elementos matemáticos.

Deixámosvos aquí o enlace a un vídeo que resume estas actividades: http://vimeo.com/110642595

 

Asemblea Xeral Ordinaria da ANPA El Pino

Infórmase a todas as familias ás que poida resultar de interese que o vindeiro mércores 29 de outubro ás 20.30 horas terá lugar no Salón de Actos do instituto a reunión da Asemblea Xeral Ordinaria da ANPA El Pino. Dende a súa Xunta Directiva pídennos que lles deamos publicidade á convocatoria e a orde do día, que será a seguinte:

          1.- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.

          2.- Balance económico.

          3.- Renovación de cargos.

          4.- Rogos e preguntas.

 

Material escolar para familias en situación precaria

Dende a FANPA de Pontevedra comunícannos que este curso, grazas a un acordo de colaboración coa Fundación La Caixa, poderán repartir un número limitado de lotes de material escolar para repartir entre o alumnado de educación infantil, primaria e secundaria dos centros públicos que pertenzan ás ANPA federadas. Toda a información relacionada con esta convocatoria poderá ser consultada a través do seguinte enlace web:


 

Axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Facendo clic neste enlace poderase acceder á información relacionada coa convocatoria de axudas para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso académico 2014-2015.

 

Premios extraordinarios de Bacharelato

No DOG do venres 20 de xuño saíu publicada a Orde pola se convocan os premios extraordinarios de Bacharelato correspondentes ó curso 2013-2014. A través das seguintes ligazóns pódese consultar toda a información relativa a estes premios: convocatoria e formulario de solicitude.

Becas do MECD (niveis de renda e contía)

Recentemente saíu publicado no BOE o Real Decreto do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte polo cal se establecen os niveis de renda e patrimonio familiar e a contía das becas e axudas ó estudo para o curso 2014-2015. A información está dispoñible a través do seguinte enlace.

Prazas de residencia para estudos postobrigatorios non universitarios

No DOG do luns 16 de xuño publicouse a orde pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso académico 2014-2015. Facendo clic neste enlace pódese acceder á orde da convocatoria.

Xornada de acollemento (Ciclos Formativos)

Con motivo da convocatoria de probas libres para obter títulos de Ciclos Formativos, o instituto convoca unha xornada de acollemento para os alumnos que teñan pensado optar ás titulacións impartidas no noso centro. A citada xornada terá lugar o venres 6 de xuño ás 12.30 horas no Departamento de Edificación e Obra Civil.

Concurso de creación de carteis sobre a prevención de condutas aditivas

Lucía González Arias, alumna matriculada no noso instituto en 2º curso de ESO, gañou o primeiro premio no concurso de deseño de carteis para a prevención de condutas aditivas. Esta actividade foi convocada pola Concellaría de Benestar Social de Pontevedra. Dende o equipo directivo do centro queremos expresarlles a Lucía e á súa familia os nosos parabéns. Achegamos a esta publicación o debuxo gañador do premio.

Auxudas para a FCT

Xúntase a través deste enlace a orde pola que se convocan as axudas da Xunta de Galicia para aqueles alumnos de Ciclos Formativos que están a realizar a FCT.

 

Probas de acceso a ciclos de grao superior - Lugares e sedes

Publicouse na sección de Formación Profesional da páxina da Xunta de Galicia a relación de lugares e sedes onde se desenvolverán as probas de acceso ós ciclos formativos de grao superior. Esta información poderase consultar a través do seguinte enlace web: http://www.edu.xunta.es/fp/node/12155.

Ademais, na páxina principal de Formación Profesional (http://www.edu.xunta.es/fp/) está dispoñible toda a información relativa á admisión nos ciclos medios e superiores, polo que é conveniente que os interesados neles a consultedes con frecuencia.

Por último, deixámosvos nesta ligazón un calendario no que se resumen as datas máis salientables en relación con este proceso.

 

Reunión sobre as PAU e os Ciclos Formativos

O vindeiro luns 28 de abril a partir das 19.30 horas o equipo directivo e a orientadora do centro ofrecerán unha charla no Salón de Actos sobre as probas de acceso á universidade e os Ciclos Formativos (oferta e condicións de acceso). Esta actividade está especialmente dirixida ós alumnos de 2º curso de Bacharelato e de Ciclos Formativos, pero polo interese dos temas que se tratarán convídase a asistir a ela a todos os alumnos e membros das familias que o desexen.


Premios no programa "Ben veñas, maio"

 
 
Como todos os anos a Concellería de Normalización Lingüística, en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega dos institutos pontevedreses, convocou unha nova edición do programa "Ben veñas, maio", dirixido ós estudantes de secundaria. Varios alumnos do noso centro participaron nos distintos certames, nos cales obtiveron unha boa cantidade de premios. Aquí tedes os seus nomes:
 
.- XXII Certame de narración curta:
  • Categoría A (ata 14 anos inclusive):
    • 1º premio: Elia Pedrosa Vidal (3º B de ESO)
    • 2º premio: Lucía González Arias (3º A de ESO)
  • Categoría B (a partir de 15 anos):
    • 1º premio: Julien Fabrice Courcier Cortegoso (1º A de Bacharelato)
    • 2º premio: Iria Tarrío Pazos (1º A de Bacharelato)

.- XIV Certame de poesía:

  • Categoría A (ata 14 anos inclusive):
    • 2º premio: Juan José Roca Ares (3º B de ESO)
  • Categoría B (a partir de 15 anos):
    • 1º premio: Iria Tarrío Pazos (1º A de Bacharelato)

.- XVI Certame musical: o primeiro premio neste certame foi obtido polo grupo Venomous pink, integrado polos alumnos Carlos Varela Hernani, Noemia Veiga Gonçalves e Laura Bravo Reguera, todos eles de 4º da ESO.

.- XIX Semana teatral: dous grupos de teatro do noso instituto recibiron un diploma conmemorativo pola súa participación nesta mostra teatral:

  • Os alumnos de 1º C de ESO, dirixidos pola súa titora Sara Valenzuela Viz, representaron a obra "O Entroido", unha adaptación dun texto de Manuel Lourenzo, docente tamén do noso centro.
  • O grupo "Os autorizados", integrado por alumnos de diferentes cursos e dirixido polo alumno de 1º A de Bacharelato Julien Fabrice Courcier Cortegoso, representou a obra "Comedia bífida", de Manuel Núñez Singala. "Os autorizados" son: Adrián López, Alexandre Balea, Celia Martínez, Cristina Rodríguez, Daniel Veiga, Esteban Carballude, Joaquín Méndez, Lucía González, Nara Mahou, Noemia Veiga e Julien F. Courcier (director do grupo).
Dende o equipo directivo e o Equipo de Dinamización da Lingua do instituto queremos transmitirlles os nosos parabéns a todos os alumnos premiados, así como ás súas familias.
 

Viaxe de fin de estudos a Salou - REUNIÓN COAS FAMILIAS

Como xa quedan poucos días para que se inicie a viaxe de fin de estudos a Salou, dende a Vicedirección do centro convócase a todas as familias dos alumnos inscritos a unha reunión informativa para falar sobre esta actividade. A xuntanza terá lugar no Salón de Actos do instituto o vindeiro luns 31 de marzo ás 20.30 horas e nela trataranse cuestións como o itinerario que se vai seguir, as normas de organización e comportamento, cousas que non se deben esquecer, etc. Polas características dos temas que se abordarán é fundamental a asistencia a esta reunión.


 

Probas de acceso a ciclos formativos

Facendo clic neste enlace poderedes consultar o calendario segundo o cal se desenvolverá a convocatoria que regula as probas de acceso ós ciclos formativos de grao medio e grao superior. Estas probas terán lugar de acordo coa Orde do 5 de marzo de 2014, accesible a través deste enlace.

Feira do ensino Edugal

Entre os días 26 e 28 de febreiro desenvolverase no recinto feiral de Pontevedra Edugal, o Salón da Oferta e da Formación de Galicia, que nesta ocasión vai pola súa terceira edición. Este evento pretende ser un lugar de encontro entre alumnos, profesionais do ensino, centros de formación e institucións educativas. Con esta iniciativa ofértaselles ós visitantes unha abundante información e orientación sobre a oferta académica, á vez que se presentan os aspectos máis innovadores no que fai referencia á educación. O noso centro estará representado nesta feira do ensino polo Departamento de Edificación e Obra Civil, que contará cun espazo no que alumnos e profesores facilitarán a quen o desexe información sobre os ciclos superiores impartidos no noso institituto: ciclo de Proxectos de Edificación e ciclo de Proxectos de Obra Civil (requisitos de acceso, estrutura do plan de estudos, saídas profesionais...). Ademais, os alumnos farán demostracións prácticas do traballo que levan a cabo acotío na aula e poderanse ver algúns dos deseños por eles realizados.

Dende o equipo directivo animamos a toda a nosa comunidade educativa a visitar este salón, xa que é un lugar axeitado para documentarse sobre a oferta educativa. Facendo clic neste enlace poderase consultar o programa de actividades que se desenvolverá neste días en Edugal, así como a lista de expositores alí representados.

 

Club de debate

O vindeiro sábado 22 de febreiro un grupo de dez alumnos de 4º de ESO do noso instituto vai participar no club de debate promovido polo Concello de Pontevedra. Nesta ocasión terán que competir con estudantes doutros centros da cidade e a comarca, como o Valle Inclán, A Xunqueira I, o Luís Seoane e o de Ponte Caldelas. Os debates centraranse no tema "Ence-Elnosa ten que saír da ría" e terán lugar no Pazo da Cultura.  Os nosos alumnos concentraranse alí ás 9.00 h, aínda que os seus debates non comezaran ata 12.50 (debate co IES A Xunqueira I) e as 17.20 (debate co IES Valle Inclán B) horas respectivamente (50 minutos de duración). No caso de que se clasifiquen para a final o debate que determinará o equipo gañador será ás 18.50 horas. Dende o equipo directivo animamos a todos os membros da nosa comunidade educativa a que vaian apoiar e respaldar os nosos alumnos. Ánimo rapaces.

Distribuir contido