Presentación

O noso centro

O IES Gonzalo Torrente Ballester foi creado como tal no curso 1989-1990, iniciando naquel momento a súa actividade nas instalacións do IES A Xunqueira II para trasladarse ó edificio actual en xaneiro de 1990. Atópase situado nunha zona de expansión da capital da provincia, nunha contorna que nos últimos trinta anos pasou de ser case rural ou periurbana a estar plenamente integrada no núcleo urbano.

O instituto vén contando nos últimos cursos cun número de estudantes próximo ós seiscentos, residentes na súa maioría no propio concello de Pontevedra, aínda que tamén recibe unha importante cantidade de alumnado procedente de concellos veciños (Soutomaior, Vilaboa, Marín, etc.) e algúns chegados do estranxeiro (Marrocos, Colombia, Armenia, México, etc.). Atendendo á procedencia académica do alumnado, o noso instituto conta con tres centros adscritos: o CEIP A Carballeira de Lourizán, e o CEIP San Martiño e o CEIP de Cabanas de Salcedo. Non obstante, nos últimos anos están a aumentar notablemente as solicitudes de matrícula de estudantes procedentes doutros centros de Pontevedra ou de municipios lindeiros.

En relación co equipo humano que traballa no centro, o claustro de profesores está formado por cincuenta e nove docentes, ós que hai que engadir unha coidadora de alumnos con necesidades educativas especiais, dous administrativos, tres conserxes e tres persoas que se encargan da limpeza das instalacións.

Distribuir contido