Extraescolares, Excursión fin de estudos ESO

O Clube de Ciencias en Ponteciencia 2022

O noso clube de ciencias participa en Ponteciencia 2022.con 3 proxectos chulísimos sobre a aplicación da tecnoloxía a resolver problemas da vida cotiá para invidentes e daltónicos, sobre o aproveitamento da auga para regar plantas e sobre sobre a producción de bioelectricidade con plantas.

 

Todos os proxectos se poderán visitar no horario de visita libre:

  • O venres 27 de maio de 2022 de 18;30 a 19:30.
  • O sábado 28 de maio de 2022 de 11:00 a 13:30

O Programa é o seguinte:

Charlas informativas para familias e profesorado

O equipo directivo do instituto e a ANPA El Pino estamos a organizar para as familias dos alumnos e o profesorado dúas charlas informativas que terán lugar a vindeira semana:

     .- Martes 27 de xaneiro (de 20.15 a 21.30 horas): charla sobre a Lei 5/2000 de responsabilidade penal

        dos menores. Será impartida por colaboradores da Asociación Arela de Vigo.

     .- Xoves 29 de xaneiro (de 20.30 a 22.00 horas): charla sobre a comunicación cos fillos adolescentes.

        Será impartida por un psicólogo colaborador de Cruz Vermella.

Estas actividades terán lugar na Aula 22 do instituto. Para que ambas charlas se poidan confirmar, é preciso contar cun mínimo de vinte ou vinte e cinco asistentes. Así, aquelas persoas que estean interesadas en participar nestas actividades poderán comunicárnolo a través do enderezo de correo electrónico do instituto: ies.torrente.ballester@edu.xunta.es. O último día para facelo será o luns 26 de xaneiro.

 

Obradoiro de prensa - A voz do Quinto

O pasado venres día 19 tivemos a ocasión de presentar no Salón de Actos do instituto "A voz do Quinto", o xornal solidario resultante do obradoiro de prensa que este curso organizamos no centro. A el asistiron sete alumnos/as, aínda que inicialmente eran trece, e tiveron a ocasión de aprender cuestións relacionadas co xénero xornalístico e coa educación en valores e para o desenvolvemento. Como monitora desta actividade actuou Carmen Novas, responsable de comunicación para o desenvolvemento de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), organización que xunto con Asemblea de Cooperación pola Paz leva xa varios cursos colaborando co noso centro. "A voz do Quinto" é un pequeno xornal cuxa intención é a de promover valores solidarios e concienciar fronte ás inxustizas. Esta edición inclúe artigos sobre igualdade entre homes e mulleres, a protección animal e ambiental, o comercio xusto, o desenvolvemento dos países do Sur... Os que queirades ler a versión completa do xornal, podedes facelo a través desta ligazón.

 

Premios no programa "Ben veñas, maio"

 
 
Como todos os anos a Concellería de Normalización Lingüística, en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega dos institutos pontevedreses, convocou unha nova edición do programa "Ben veñas, maio", dirixido ós estudantes de secundaria. Varios alumnos do noso centro participaron nos distintos certames, nos cales obtiveron unha boa cantidade de premios. Aquí tedes os seus nomes:
 
.- XXII Certame de narración curta:
  • Categoría A (ata 14 anos inclusive):
    • 1º premio: Elia Pedrosa Vidal (3º B de ESO)
    • 2º premio: Lucía González Arias (3º A de ESO)
  • Categoría B (a partir de 15 anos):
    • 1º premio: Julien Fabrice Courcier Cortegoso (1º A de Bacharelato)
    • 2º premio: Iria Tarrío Pazos (1º A de Bacharelato)

.- XIV Certame de poesía:

  • Categoría A (ata 14 anos inclusive):
    • 2º premio: Juan José Roca Ares (3º B de ESO)
  • Categoría B (a partir de 15 anos):
    • 1º premio: Iria Tarrío Pazos (1º A de Bacharelato)

.- XVI Certame musical: o primeiro premio neste certame foi obtido polo grupo Venomous pink, integrado polos alumnos Carlos Varela Hernani, Noemia Veiga Gonçalves e Laura Bravo Reguera, todos eles de 4º da ESO.

.- XIX Semana teatral: dous grupos de teatro do noso instituto recibiron un diploma conmemorativo pola súa participación nesta mostra teatral:

  • Os alumnos de 1º C de ESO, dirixidos pola súa titora Sara Valenzuela Viz, representaron a obra "O Entroido", unha adaptación dun texto de Manuel Lourenzo, docente tamén do noso centro.
  • O grupo "Os autorizados", integrado por alumnos de diferentes cursos e dirixido polo alumno de 1º A de Bacharelato Julien Fabrice Courcier Cortegoso, representou a obra "Comedia bífida", de Manuel Núñez Singala. "Os autorizados" son: Adrián López, Alexandre Balea, Celia Martínez, Cristina Rodríguez, Daniel Veiga, Esteban Carballude, Joaquín Méndez, Lucía González, Nara Mahou, Noemia Veiga e Julien F. Courcier (director do grupo).
Dende o equipo directivo e o Equipo de Dinamización da Lingua do instituto queremos transmitirlles os nosos parabéns a todos os alumnos premiados, así como ás súas familias.
 

Viaxe de fin de estudos a Salou - REUNIÓN COAS FAMILIAS

Como xa quedan poucos días para que se inicie a viaxe de fin de estudos a Salou, dende a Vicedirección do centro convócase a todas as familias dos alumnos inscritos a unha reunión informativa para falar sobre esta actividade. A xuntanza terá lugar no Salón de Actos do instituto o vindeiro luns 31 de marzo ás 20.30 horas e nela trataranse cuestións como o itinerario que se vai seguir, as normas de organización e comportamento, cousas que non se deben esquecer, etc. Polas características dos temas que se abordarán é fundamental a asistencia a esta reunión.


 

Feira do ensino Edugal

Entre os días 26 e 28 de febreiro desenvolverase no recinto feiral de Pontevedra Edugal, o Salón da Oferta e da Formación de Galicia, que nesta ocasión vai pola súa terceira edición. Este evento pretende ser un lugar de encontro entre alumnos, profesionais do ensino, centros de formación e institucións educativas. Con esta iniciativa ofértaselles ós visitantes unha abundante información e orientación sobre a oferta académica, á vez que se presentan os aspectos máis innovadores no que fai referencia á educación. O noso centro estará representado nesta feira do ensino polo Departamento de Edificación e Obra Civil, que contará cun espazo no que alumnos e profesores facilitarán a quen o desexe información sobre os ciclos superiores impartidos no noso institituto: ciclo de Proxectos de Edificación e ciclo de Proxectos de Obra Civil (requisitos de acceso, estrutura do plan de estudos, saídas profesionais...). Ademais, os alumnos farán demostracións prácticas do traballo que levan a cabo acotío na aula e poderanse ver algúns dos deseños por eles realizados.

Dende o equipo directivo animamos a toda a nosa comunidade educativa a visitar este salón, xa que é un lugar axeitado para documentarse sobre a oferta educativa. Facendo clic neste enlace poderase consultar o programa de actividades que se desenvolverá neste días en Edugal, así como a lista de expositores alí representados.

 

Club de debate

O vindeiro sábado 22 de febreiro un grupo de dez alumnos de 4º de ESO do noso instituto vai participar no club de debate promovido polo Concello de Pontevedra. Nesta ocasión terán que competir con estudantes doutros centros da cidade e a comarca, como o Valle Inclán, A Xunqueira I, o Luís Seoane e o de Ponte Caldelas. Os debates centraranse no tema "Ence-Elnosa ten que saír da ría" e terán lugar no Pazo da Cultura.  Os nosos alumnos concentraranse alí ás 9.00 h, aínda que os seus debates non comezaran ata 12.50 (debate co IES A Xunqueira I) e as 17.20 (debate co IES Valle Inclán B) horas respectivamente (50 minutos de duración). No caso de que se clasifiquen para a final o debate que determinará o equipo gañador será ás 18.50 horas. Dende o equipo directivo animamos a todos os membros da nosa comunidade educativa a que vaian apoiar e respaldar os nosos alumnos. Ánimo rapaces.

Exames da Universidade de Cambridge

A través da FANPA e da ANPA El Pino a empresa Global Project ofrece a todos os alumnos do instituto unha serie de cursos de inglés para preparar os certificados de recoñecemento internacional da universidade de Cambridge (distintos niveis). Facendo clic neste enlace poderase consultar toda a información relativa a estes cursos.

1ª Festa do ensino público

Co fin de reclamar e defender un ensino público de calidade, a FANPA e as asociacións de nais e pais de alumnos de Pontevedra organizaron unha xornada lúdica reivindicativa, á que se lle deu o nome de I FESTA DO ENSINO PÚBLICO. Este encontro terá lugar o vindeiro sábado 23 de febreiro a partir das 16:00 horas no mirador de Monte Porreiro. Os organizadores convidan a todos os sectores da comunidade educativa do ensino público: familias, profesores, alumnos e demais persoas interesadas. Facendo clic neste enlace poderase acceder á convocatoria feita dende a FANPA e ó programa de actividades do evento. Dende o equipo directivo do IES Gonzalo Torrente Ballester aproveitamos a ocasión para animar a todos os membros do noso centro a participar nesta xornada festiva.

Distribuir contido