Taboleiro

Premios Extraordinarios de Bacharelato

Pódese acceder a toda a información dos premios extraordinarios de Bacharelato no seguinte enlace:

Premios extraordianrios de bacharelato 

 

RECLAMACIÓNS ÁS CUALIFICACIÓNS FINAIS DE 2º BACHARELATO

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, vén de ditar unha circular pola que se establece o procedemento que cómpre seguir nas reclamacións das cualificacións finais outorgadas no 2º curso de Bacharelato.

Toda a información relativa a este procedemento estará exposta nos taboleiros de todas as aulas de 2º BAC e no vestíbulo do noso centro a partir de mañá mesmo, mércores 3 de Maio de 2017, coa finalidade de que todos os alumnos poidan ter acceso á mesma. Igualmente, a circular mencionada anteriormente pode ser consultada e/ou descargada premendo na seguinte ligazón:

CIRCULAR nº 2/2017

BEN VEÑAS MAIO 2017

Cartel do concello "Maio, mes da lingua"

Din que as boas novas son contaxiosas, e así debe de ser, porque ultimamente o noso alumnado está a pisar forte e a conseguir que o nome do IES Gonzalo Torrente Ballester se escoite con forza en toda a cidade e, tamén, fóra dela.

Pois ben, nesta ocasión comprácenos poder felicitar a tres estudantes do noso centro que acadaron cadanseu premio na presente edición do certame literario, musical e audiovisual “Ben Veñas Maio” que, como cada ano, organiza a Coordinadora dos Equipos de Normalización da Lingua Galega dos institutos e colexios públicos de Pontevedra, en colaboración coa Concellaría de Normalización Lingüística do Concello.

Os alumnos e alumna premiados son:

ROI VARELA BERNÁRDEZ  (1º ESO A):                 2º Premio na Categoría A de Narrativa

GONZALO VALIÑAS BAÑOS  (2º ESO D):            2º Premio na Categoría A de Narrativa

PABLO BOLEAS FRANCISCO  (3º ESO C):             1º Premio na Categoría B de Narrativa

NOEMIA VEIGA GONÇALVES  (2º BAC A):          1º Premio na Categoría B de Poesía

 

Cómpre sinalar que, en realidade, Noemia presentara dúas composicións, “Altea” e “Sombras”, sendo ambas, respectivamente, a primeira e segunda poesías máis votadas polo xurado, pero dado que as bases do concurso impiden conceder ambos premios a unha mesma persoa, soamente lle foi adxudicado o primeiro deles.

Como xa sabedes, a entrega dos galardóns a todos os premiados realízase nun acto público que este ano terá lugar o Sábado 13 de Maio ás 18:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Animádevos e asistide para aplaudir a rabiar aos vosos compañeiros! Pero, ademais, se o preferides, dende as 17:00 horas poderedes gozar das actuacións dos grupos musicais participantes neste “Ben Veñas Maio”.

 

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE ESO AO ESFORZO E Á SUPERACIÓN PERSOAL

Sorriso. Optimismo. Ánimo. Son as palabras que me veñen á cabeza cando penso en Antón. E, por suposto, "GENIAL!", porque seguramente é a palabra que máis veces lle escoitei pronunciar.

-  Que tal o curso, Antón?

GENIAL!

-  Que tal o verán, Antón?

GENIAL!

- E o grupo deste ano, Antón?

GENIAL!

 

E ti sabes que un día por semana Antón ten que ir a un hospital fóra de Pontevedra. E sabes que Antón ten que pasar por operacións e por fisioterapia. Pero sabes que Antón volverá entrar no instituto co seu sorriso. E volverá contestar "GENIAL!!" cando lle preguntes. E Antón participará no Samaín e no Entroido, disfrazándose, pasándoo ben e facéndollo pasar ben aos demais.

E agora, ademais de sabelo nós, os que con el compartimos o Torrente, sábeo máis xente, porque a Consellería recoñeceulle o seu traballo e o seu esforzo cun premio.

O que igual os demais non saben e que, ANTÓN, TI SI QUE ES "GENIAL" !!

 

LISTA DE LIBROS PARA O CURSO 2016/2017

 

Premendo sobre cada nivel, accédese á información relativa aos libros de texto correspondentes ao mesmo para o vindeiro curso académico 2016/2017.

 

1º ESO 2º ESO 3º ESO 4º ESO 1º BAC 2º BAC

PRAZOS PARA AS RECLAMACIÓNS DAS CUALIFICACIÓNS FINAIS (ESO e 1º BAC)

 

O vindeiro luns 27 de Xuño de 2016, ás 10:00 horas, serán entregados os boletíns das cualificacións finais a todo o alumnado de ESO e 1º Bacharelato.

No caso de que exista algún desacordo coa cualficación final outorgada nalgunha materia, estas son as normas e os prazos a ter en conta para realizar algunha reclamación:

  • Despois das aclaracións oportunas co/a profesor/a, se procede, o/a alumno/a (nos casos de maiores de 18 anos) ou o seu representante legal, pai/nai (nos casos de menores de 18 anos), poderán solicitar por escrito (existe un modelo de impreso nas oficinas do centro) a revisión da cualificación no prazo de 2 días lectivos a partir daquel no que se produciu a súa comunicación. Polo tanto, dita solicitude poderá ser presentada ata as 14:00 horas do día 29 de Xuño de 2016.
  • O Departamento correspondente resolverá a reclamación nun prazo máximo de 2 días lectivos, sendo comunicada a resolución ao/á alumno/a ou á súa familia pola Xefatura de Estudos do centro.
  • No caso de persistir o desacordo, o/a alumno/a (nos casos de maiores de 18 anos) ou o seu representante legal, pai/nai (nos casos de menores de 18 anos) poderán solicitar por escrito ao Director do centro (existe un modelo de impreso nas oficinas do centro), no prazo de 2 días lectivos a partir da última comunicación do centro, que eleve a reclamación á Xefatura Territorial.
  • O tempo máximo para a resposta da Xefatura Territorial ás reclamacións de ESO e Bacharelato será de 15 días lectivos.

 

PROCESO DE ADMISIÓN E MATRÍCULA 2016-17

No vindeiro mes de Marzo comeza o proceso de admisión e matrícula do alumnado para o curso 2016-17.

Tanto no taboleiro do centro, como nos arquivos  que van xunto a esta entrada, podedes atopar os segunites documentos:

Proceso de Admisión e Matriculacion 2016-17.

Calendario Orientativo de Admisión e Matrícula.

Criterio de Baremación complementaria do Centro

Listaxes de Admitidos e Existencia de Libros para o Fondo Solidario de Libros de Texto

Xa está á vosa disposición a Listaxe Provisional de Admitidos no Fondo Solidario de Libros de Texto , premendo aquí, a podedes  ver e descargar.

Por outra banda, se premedes aquí, poderedes  ver e descargar  as Existencias de Libros do devandito Fondo solidario dispoñibles no Instituto.

ATENCIÓN: A lista de ADMITIDOS é PROVISIONAL e, por problemas do programa informático, non se actualizará ata SETEMBRO. Os erros que podades ver nos documentos publicados, xa están emendados e non é necesario que pasedes polo centro ata SETEMBRO.

Calendarios Probas Extraordinarias - Setembro 2015

 Se premedes nestas imaxes dos calendarios, poderedes descargar e imprimir cada unha delas.

 

 

 

 

 

Libros de texto para o curso 2015-2016

Facendo clic nos enlaces que tedes máis abaixo poderedes acceder ós libros de texto de cada curso para o ano académico 2015-2016. Fixádevos ben en que nalgunhas materias non se usará libro de texto, en que noutras haberá que agardar ata os primeiros días de clase para mercalo e en que noutras quizais volo poida prestar o centro.

1º ESO        2º ESO        3º ESO        4º ESO        1º BACH.        2º BACH.

Obradoiro de prensa - A voz do Quinto

O pasado venres día 19 tivemos a ocasión de presentar no Salón de Actos do instituto "A voz do Quinto", o xornal solidario resultante do obradoiro de prensa que este curso organizamos no centro. A el asistiron sete alumnos/as, aínda que inicialmente eran trece, e tiveron a ocasión de aprender cuestións relacionadas co xénero xornalístico e coa educación en valores e para o desenvolvemento. Como monitora desta actividade actuou Carmen Novas, responsable de comunicación para o desenvolvemento de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios), organización que xunto con Asemblea de Cooperación pola Paz leva xa varios cursos colaborando co noso centro. "A voz do Quinto" é un pequeno xornal cuxa intención é a de promover valores solidarios e concienciar fronte ás inxustizas. Esta edición inclúe artigos sobre igualdade entre homes e mulleres, a protección animal e ambiental, o comercio xusto, o desenvolvemento dos países do Sur... Os que queirades ler a versión completa do xornal, podedes facelo a través desta ligazón.

 

Matrícula en 2º de Bacharelato para o curso 2015-2016

Despois da reunión mantida no centro o xoves 18 de xuño sobre a matrícula en 2º de Bacharelato para o curso 2015-2016 e das peticións recibidas de varias familias, achegámoslles a través desta publicación a presentación que se lles amosou na xuntanza. Poderán descargala facendo clic sobre este enlace.
 

A memoria das mulleres

Os alumnos de 3º de ESO participaron este curso, baixo a coordinación da profesora Cristina Corral do Departamento de Lingua Castelá, no programa A memoria das mulleres. É esta unha iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra, en concreto pola área de Patrimonio Cultural, coa que se pretende crear un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra. Os nosos alumnos recolleron información e fotografías das mulleres de maior idade da súa familia e da súa contorna, material co cal elaboraron unha exposición no centro e que foi remitido posteriormente ás persoas responsables do proxecto no Concello de Pontevedra. Facendo clic neste enlace poderase ver un vídeo sobre o traballo realizado. Ademais, incluímos nesta publicación o blog onde están colgadas todas as entrevistas realizadas (http://mulleresmatriarcas.blogspot.com.es/) e
o enderezo da páxina de Facebook do programa A memoria das mulleres (https://www.facebook.com/amemoriadasmulleres).
 

Representacións teatrais

Dentro da mostra de teatro organizada con motivo do "Ben veñas, maio", dous grupos de teatro do noso instituto van representar cadansúa obra. As actuacións terán lugar o vindeiro xoves 7 de maio. Por unha banda, ás 12.30 horas todos os alumnos de 1º C de ESO, dirixidos pola súa titora Sara Valenzuela, representarán a obra O Entroido, unha adaptación dun texto de Manuel Lourenzo. Por outra banda, ás 18.00 horas o grupo "Os autorizados", formado por alumnos de diferentes cursos, representará a obra Comedia bífida, de Manuel Núñez Singala. "Os autorizados" son: Adrián López, Alexandre Balea, Celia Martínez, Cristina Rodríguez, Daniel Veiga, Esteban Carballude, Joaquín Méndez, Lucía González, Nara Mahou, Noemia Veiga e Julien F. Courcier (director do grupo). As funcións serán no Teatro Principal de Pontevedra e dende o equipo directivo convidamos a todos os membros da nosa comunidade educativa a asistir a estas actividades.

           

II Certame de fotografía matemática - Premio popular

O pasado 15 de abril rematou o prazo de entrega de fotografías para participar no "II Certame de fotografía matemática" do noso instituto, organizado polo Departamento de Matemáticas. Máis abaixo deixamos un vídeo no que se recollen todas as imaxes presentadas ó concurso xunto co seu título.
Tal e como establecían as bases do certame, este ano haberá un premio popular, que será escollido por todos os membros da comunidade educativa (alumnos, profesores, persoal non docente e familias). Para participar na súa elección, será preciso encher un cuestionario online, ó que se poderá acceder facendo clic neste enlace. Cada persoa poderá votar soamente unha vez e o último día para facelo será o vindeiro 1 de maio. Animámosvos a todos a participar na votación.
 
 
 
 
 

Probas PISA (abril-maio de 2015)

O IES Gonzalo Torrente Ballester, xunto con outros cincuenta e oito centros públicos e privados de toda Galicia, foi seleccionado para participar nas probas PISA do ano 2015, que se desenvolverán en máis de setenta países de todo o mundo. Estas probas de carácter trianual, que avalían a capacidade do alumnado para aplicar os seus coñecementos a cuestións relacionadas coa vida cotiá, terán lugar entre o 20 de abril e o 30 de maio. A data exacta de realización no centro está aínda por determinar.
PISA avaliará nesta convocatoria de 2015 o alumnado que naceu no ano 1999, o que no noso centro afecta un total de setenta e un alumnos/as; entre estes serán seleccionados finalmente corenta e dous para a realización da proba. Esta selección non será feita polo centro.
Nesta edición de 2015 a competencia avaliada prioritariamente será a de "ciencias", pero tamén se incluirán nas probas cuestións referentes a "matemáticas", "lectura" e "resolución de problemas en grupo". Unha das características máis destacadas neste ano consiste en que o alumnado realizará as probas cun ordenador portátil. Ademais, as familias do alumnado seleccionado para a participación nas probas cubrirán (en papel) un cuestionario de contexto.
As familias e o alumnado directamente afectados recibirán información máis detallada nos vindeiros días nunha reunión que se convocará no centro para estes efectos.
 
O director
 
 
 

PROCESO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO (curso 2015-2016)

O luns 2 de marzo comezará o prazo de solicitude de prazas para o curso 2015-2016. Este proceso estará regulado pola Orde do 12 de marzo de 2013 (DOG do 15 de marzo de 2013). A través deste artigo poderanse seguir todas as novidades relacionadas co proceso de admisión e tamén se terá acceso a toda a información relativa a esta convocatoria. En todo caso, lémbrase a todos os interesados que o PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES ESTARÁ ABERTO DO 2 Ó 23 DE MARZO, ambos os dous días incluídos.

 

Distribuir contido