You are here I Premio de Novela da Galicia Rural

I Premio de Novela da Galicia Rural


I Premio de Novela da Galicia Rural

o Concello de San Xoán de Río, co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, convoca o «I Premio de Novela da Galicia Rural» para o ano 2020.

Trátase dunha convocatoria dirixida tanto autores e autoras xa consagrados como a novos talentos da nosa literatura que, coas súas novelas, queiran contribuír a poñer en contacto aos lectores e lectoras co presente, o pasado ou o futuro do mundo rural galego.

Poderán optar ao I Premio de Novela da Galicia Rural aquelas autoras e autores que presenten novelas orixinais e inéditas, non publicadas ou divulgadas, en todo ou en parte, por calquera medio físico ou electrónico, escritas en lingua galega segundo a normativa RAG/ILG, que sitúen a súa trama na Galicia rural ou que concedan a esta un protagonismo relevante na narración.

As obras deberán ter unha extensión mínima de 100 páxinas, en letra Times New Roman 12, interliñado 1,5 e marxes inferior e superior de 2,5 cm e marxes esquerda e dereita de 3cm.

Cada proposta deberá ser presentada en papel, entregándose 6 copias, impresas a dobre cara, debidamente encadernadas baixo lema e sen ningún dato que identifique á autora ou autor. No envío incluirase un sobre pechado que deberá conter no exterior o lema elixido e no seu interior os datos de autoría correspondente: Nome e apelidos, DNI, enderezo postal, enderezo electrónico, teléfono de contacto e unha declaración xurada na que se indique que se presenta unha obra totalmente orixinal e inédita.

Estas propostas serán enviadas a:
  I Premio de Novela da Galicia Rural
  Concello de San Xoán de Río
  Praza Gabino Rodríguez Álvarez 1
  32770 San Xoán de Río
  Ourense

Prazo: ata o 30 de xuño do 2020 e o ditame do xurado farase público no mes de setembro.
O premio consistirá na edición da obra por parte da Editorial Galaxia, unha contía en metálico de 1.000€ máis a entrega dun diploma acreditativo, que será entregado nun acto público organizado polo Concello de San Xoán de Río e ao que se compromete a asistir o/a galardoado/a.

https://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=1647067&name=DLFE-20137.pdf