[Nota/ Este procedemento non lle afecta ao alumnado actualmente matriculado no centro ou ao que cursa 6º de primaria nos centros adscritos e que xa presentou a documentación de reseva de praza]
No DOG do 6 de maio publicouse a Resolución do 5 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade a diversos acordos do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 5 de maio de 2020.
Un dos apartados da devandita resolución fai referencia a un acordo sobre o restablecemento do procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso académico 2020/21. O enunciado literal é o seguinte:
Restablecerase o prazo para a presentación das solicitudes de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, polo tempo que restaba cando se declarou o estado de alarma, de xeito que se iniciará o día 11 de maio de 2020 e rematará o día 18 do mesmo mes.
Pode consultar máis detalles deste trámite nesta ligazón da nosa web. Recomendamos tamén que consulte a información específica publicada na web da Consellería o día 7 de maio [aquí].
A situación de alarma sanitaria obríganos a extremar as medidas de prevención ante calquera posibilidade de contacto social. Neste sentido, e mentres se manteñan os actuais niveis de risco, o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro prioriza que todas as xestións administrativas se realicen por vía telemática, un campo no que contamos con ampla experiencia. O medio preferente para completar todos os trámites será a sede electrónica ou, nos casos nos que esa opción sexa dificultosa, o correo electrónico corporativo (ies.pintor.colmeiro@edu.xunta.gal). Segundo as instrucións que deu a coñecer a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, as solicitudes de admisión de alumnado realizaranse segundo o modelo ED550B [versión en galego / versión en castelán]. O formulario poderá cumprimentarse na aplicación admisionalumnado, ou ser descargado e cumprimentado de forma manual polas familias.
No caso de que teña que presentar documentos que non poidan ser cubertos integramente por procedementos informáticos (por exemplo, os que levan sinaturas), recomendamos que nos remitan copias escaneadas por correo electrónico. Se non dispoñen de escáner, poden utilizar algunha das moitas apps que se utilizan habitualmente nos teléfonos intelixentes e que dan excelentes resultados (CamScanner, Genius Scan...). Deixámoslles unha ligazón na que se poden informar de varias apps gratuitas que serven perfectamente para este propósito.
De todas formas, nos casos nos que sexa absolutamente imprescindible acudir ao centro educativo, o protocolo de acceso que establecemos nesta etapa é o seguinte:
- Horario de atención ao público: de 10 a 13 h
- Traballaremos a porta pechada. Para poder acceder, deberán concertar cita previa chamando ao número 986580904.
- Só poderá acceder ao recinto unha persoa por trámite.
- Na zona de entrega de documentación poñerase a disposición dos usuarios un dispensador de xel hidroalcohólico.
- Prégase que as persoas que accedan ao recinto o fagan provistas de máscara de protección.