Skip to Content

Olla para ela!, Actividades, Novas, Plan de igualdade, Elas, Ligazóns

A enxeñeira Sabela Ramos, premio Ada Byron 2020

 O departamento de investigación de Google, un dos meirandes xigantes tecnolóxicos, desenvolve os piares sobre os que se asenta a gran capacidade da compañía para chegar a todos os recunchos do planeta. Alí traballa Sabela Ramos Garea (Padrón, 1986), doutora en Computación de Altas Prestacións pola Universidade da Coruña.

Esta enxeñeira galega é a galardoada neste ano co Premio Ada Byron do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia.

Le aquí a súa entrevista para a web de divulgación científica GCiencia: Ás nenas fáltanlles referencias para ver que poden ter éxito no sector TIC

Ángela Ruiz Robles

Mestra e inventora

Villamanín, León 1895 - Ferrol 1975

Inventou e desenvolveu o prototipo da Enciclopedia Mecánica, aparello precursor do libro electrónico.

 

Para "reducir o peso dos libros" nas carteiras e "facer a ensinanza máis atractiva para os alumnos", Doña Angelita, como era coñecida, deseñou un sistema mecánico con aire a presión, ó que se podían engadir distintos carretes correspondentes ás diferentes materias. O invento contaba cunha especie de lupa para poder facer zoom e, aínda que non se puido incluír no prototipo porque a tecnoloxía non estaba desenvolvida para acadalo en aparellos tan pequenos, tiña previsto incorporar unha calculadora, luz e son.

 Ler máis en GCiencia.

8 M, Día internacional da muller

O 8 de marzo é o día recoñecido pola ONU para reivindicar a igualdade e para facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade.

A día de hoxe, esa ollada á nosa contorna devólvenos imaxes inadmisibles, dende a da desigualdade no ámbito laboral ata a da violencia sexual ou os asasinatos de mulleres. Ata que a celebración deste día perda sentido, as mulleres seguiremos loitando pola igualdade real dos nosos dereitos. (Imaxe: Davila)

Cartas de amor

http://www.edu.xunta.gal/centros/iespedraaguia/system/files/afectoscartas_1.pngPara celebrar a Semana dos afectos, do 10 ao 14 de febreiro, e en relación co Plan Proxecta Por 365 días de respecto e iguadade, o alumnado de 2º de ESO traballou na elaboración dunha serie de cartas. A actividade implicou, ademais da Biblioteca, todos os departamentos de linguas, porque en cada idioma tratouse un tipo de afecto. En galego escribiron unha carta de amor propio; en castelán, unha de afecto a unha persoa da súa familia; en inglés, a unha amizade; e en francés, a unha posible parella ideal.

Como parte final da actividade organizamos unha exposición cunha selección de cartas, de xeito que toda a comunidade educativa puidese apreciar o traballo realizado polo alumnado de segundo.

11F, Día internacional da muller e a nena na ciencia

O Día internacional da muller e da nena na ciencia foi proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para a súa conmemoración o 11 de febreiro, co obxectivo de investir tempo e recursos na formación das nenas para corrixir a fenda de xénero nas profesións científico-tecnolóxicas, xa que tanto a ciencia coma a igualdade de xénero son fundamentais para un crecemento que responda ós Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible.

6F, Día mundial de tolerancia cero á mutilación xenital feminina

En 2012 a Asemblea Xeral da ONU designou o 6 de febreiro como o Día internacional de tolerancia cero á mutilación xenital feminina. Esta práctica supón unha negación da dignidade da muller, pon en perigo a súa saúde, causa dor e sufrimentos innecesarios e pode provocar a morte. Por iso, Nacións Unidas ten coma un dos Obxectivos para o desenvolvemento sustentable a erradicación plena da mutilación xenital feminina para o 2030.

Distribuir contido


by Dr. Radut