FacebookSíguenos en YouTube

OBRADOIRO DE CIANOTIPIA

Sol Mariño foi a encargada de iniciar a alumnado de 1º Bacharelato na técnica fotográfica da cianotipia, unha técnica xurdida no século XX con múltiples usos en creacións contemporáneas. 

O obradoiro combinou unha aproximación ás orixes da cianotipia coa súa posta en práctica, consistente na realización de impresións das composicións realizadas con materia natural da contorna, plantas e algas que lles proporcionou Sol, a partir do seu revelado ao sol en ton azul prusia. 

O alumnado realmente gozou con todo o proceso que lles permitiu achegarse ao proceso fotográfico de xeito moi diferente ao que eles coñecen e usan a través dos seus móbiles.

CREANDO UNHA CÁMARA ESTENOPEICA

Alumnado de 1º de Bacharelato contou co luxo de participar nun taller de construción dunha cámara estenopeica, toma de fotografía e revelado dirixido polo artista ourensán Lois Cid, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2022 coa mostra Estrutura de fusión que é unha radiografía arquolóxica da paisaxe e das intervencións humanas e que está sendo exposta por distintas vilas e cidades.

E...que é unha cámara estenopeica? Unha cámara escura (ou cámara sen obxectivo), o sistema máis elemental de formación de imaxes utilizado por artistas do século XVI ao XIX. Consiste na substitución da lente por un orificio a través do cal pasa a luz, trasladando a imaxe no soporte fotosensible do outro extremo.

Cada participante puxo en práctica esta técnica seguindo as indicación do fotógrafo Lois Cid: construción da cámara, realización de fotos, revelado nun laboratorio ás escuras e, finalmente  puideron levar para a casa as fotos tiradas.

Resultou un taller do máis sorprendente no que o alumnado fixo unha viaxe ao pasado da fotografía e descubriron a maxia da luz!

O CULTIVO E A CONSERVACIÓN DAS ÁRBORES AUTÓCTONAS

Inauguramos a Semana Cultural en 1º da ESO coa investigadora Nieves del Pilar Vidal González. Esta Doutora en Ciencias Biolóxicas pola Universidade pola Universidade de Santiago de Compostela e Científica Titular do CSIC onde desenvolve o seu labor investigador no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG) desenvolveu ante un interesado público a ponencia A Biotecnoloxía e os bosques que versou sobre os seus temas de investigación relacionados co cultivo e conservación de especies arbóreas autóctonas. Explicou entre outras cousas como se desenvolve un cultivo en in vitro, a importancia de escoller as especies arborícolas, a preparación da substancia nutriente agar, o cultivo do castiñeiro, carballo ou sobreira en biorreactores,  o cultivo en condicións fotoautotróficas ou  o proceso de aclimatación.

Resultou unha charla moi didáctica, amena e sorprendente e algúns/algunhas dos/das alumnos/as saíron con ganas de realizar a plantación dunha árbore cultivada por si mesmos/as.

NAVEGANDO POLO UNIVERSO

Outra das actividade de gran éxito neste primeiro día da Semana Cultural foi a viaxe polo espazo interestelar dirixida por Íñigo de la Quadra-Salcedo da que puido gozar o alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO grazas a un planetario móbil de última xeración  en cuxa bóveda de 5 metros de diámetro se proxectaban secuencias dinámicas do Universo.

A bordo dunha nave espacial o alumnado viaxou polo Universo, a Vía Láctea e o Sistema Solar. Coñeceu diversos aspectos relacionados coa astronomía e o coñecemento do Universo desde a definición e historia da astronomía, os movementos planetarios, o cambio de estación, a variación entre o día e a noite, as fases lunares, eclipses, etc. Ata tiveron a oportunidade de “pisar” a Lúa cos seus enormes cráteres e que case os “esmaga”

Unha viaxe inesquecible que quedará gravada por moito tempo nas retinas dos nosos rapaces e rapazas!

OBRADOIRO DE DESEÑO E IMPRESIÓN EN 3D

O alumnado de 1º curso de Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes participou en dúas quendas nun obradoiro de Deseño e impresión en 3D impartido por Marta Diz, profesora do Departamento de Informática do noso Centro.

No obradoiro tratouse a relevancia do deseño e impresión 3D na actualidade en ámbitos como educación, sanidade, industria, arquitectura, etc. Explicouse o funcionamento das impresoras 3D de deposición de material fundido, analizando as impresoras que temos no centro: Crealite Ender 3 Pro e a Prusa MK3S. Profundouse nos diferentes tipos de materiais de impresión 3D e no proceso de deseño e impresión dun modelo.

Para rematar o obradoiro, o alumnado deseñou un chaveiro co seu nome grazas ao cal levarán consigo unha lembranza deste interesante taller!

OBRADOIRO DE INICIACIÓN AO MANEXO DE DRONS

O alumnado de 1º curso do Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes, participou nun obradoiro de Iniciación de manexo de drons impartido por Óscar Rey, profesor do Departamento de Informática do Centro.

Neste obradoiro o alumnado coñeceu a normativa que rodea o voo de drons e analizaron as características máis importante deste tipo de aeronaves. Tamén tiveron a oportunidade de ver unha simulación de voo a mans do relator, utilizando o dron do instituto DJI Mini 2; a continuación foron os propios alumnos os que probaron a súa destreza pilotándoo e hai que recoñecer que non o fixeron nada mal!

EDUCACIÓN AFECTIVO-SEXUAL

Dende a rede de asesoramento afectivo-sexual para a mocidade, Quérote +, achegouse a asesora Penélope para participar na nosa Semana Cultural cunha charla-coloquio dirixida ao alumnado de 3º da ESO e outra a 1º FPB. Nela o alumnado recibiu información obxectiva e libre de prexuízos sobre a vida afectivo-sexual das persoas. Abordaron entre outros o tema da diversidade sexual, a desigualdade entre homes e mulleres que tamén abrangue este eido da vida, a busca das relación positivas, a estima corporal... Ademais tamén informou sobre o funcionamento do servizo do programa Quérote +, do carácter gratuíto, anónimo e confidencial para quen o utilice.

 

Resultou unha charla moi interesante para todos e todas. Non esquezamos que saber sempre é positivo e o benestar integral das persoas inclúe o afectivo-sexual.

ENREDOS MUSICAIS

En 2º da ESO e 1º FPB a Semana Cultural iniciouse cun obradoiro a cargo do gaiteiro Emilio Lois no que o alumnado aprendeu a construír enredos musicais empregando obxectos e materiais que se atopan na natureza, igual que facían os nosos avós cando eran pequenos, nun tempo no que non había tantos xoguetes nin eran accesibles, nin por suposto había móbiles nin aparellos electrónicos coma os actuais para encher o noso tempo de lecer.

Nesta ocasión, empregando unha casca de noz, na que ll fixemos un rebaixe cun papel de lixa, un pauíño de cana e un fío, fabricamos un enredo de percusión que emite un son moi parecido ao dun carrizo. E tamén fabricamos un chifre a partir dunha abelá, desgastándoa contra o papel de lixa.

Desta maneira tan sinxela e enxeñosa, e guiados polas hábiles instrucións de Emilio, conseguimos pasar un tempo moi entretido enredando como seguramente fixeron os nosos avós. E con ese mesmo enxeño e habilidade pódense fabricar multitude de instrumentos musicais, coma as variadas gaitas de cana que Emilio Lois nos amosou. Foi moi entretido o proceso de fabricación, pero non menos o foi empregalos unha vez rematados co que constitúen unha pequena iniciación ás habilidades musicais.

Distribuir contido