FacebookSíguenos en YouTube

MURAL 25N: NON Á VIOLENCIA

O alumnado voluntario da nosa biblioteca realizou este mural para o 25 de novembro, día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Cada alumno/a pensou en frases e palabras representativas sobre esta data, e acompañaron a decoración coa estampa das súas mans, como símbolo característico de NIN UNHA VÍTIMA MÁIS.

Nais e pais fórmanse en igualdade e diversidade

Dentro das actividades organizadas dende o Centro arredor do 25N salientamos o taller dirixido a pais e nais impartido por David Kaplún Medina, formador e investigador en Xénero, Violencia e Diversidade. 

Comezou o relator cun percorrido pola infancia dos nenos e das nenas para distinguir os elementos da masculinidade que de xeito inconsciente son fundamentais na educación diferenciada entre uns e outras: Nos nenos cos seus xogos (fútbol, play, carreiras, pelexas...) fortalecemos as competencias da competitividade, da tecnoloxía, a rapidez, a represión emocional, a dominación, o egocentrismo... Polo contrario, as nenas (bonecas, cociñas, casiñas...) sociabilízanse de forma natural na submisión (boas nais, boas amantes. coidar a outras persoas...), na empatía, na inseguridade, na importancia do aspecto...

Polo tanto, a educación non pode estar centrada no obxectivo (=a igualdade) senón no punto de partida de cada un deles. Nos rapaces cun modelo de masculinidade moito máis marcado cá nas rapazas o percorrido é maior: son eles os que teñen que incorporar a parte máis afectiva que o patriarcado non lles permitiu facer. 

A seguir Kaplún propuxo un espazo para a interacción cos e coas participantes no que se formularon cuestións, dúbidas e reflexións relacionadas coa educación de fillos e fillas que resultaron de grande interese, e para as que o investigador propuxo diversas ferramentas para poder resolver as problemáticas suscitadas.

Dende o Centro consideramos importantes iniciativas deste tipo para camiñar xuntos/as cara unha sociedade máis igualitaria xa que os proxenitores son os principais involucrados no acompañamento de adolescentes nos seus proceso de socialización.

ENCONTRO “EDUCACIÓN FÍSICA INCLUSIVA” NO IES MAXIMINO ROMERO DE LEMA

O mércores, 17 de novembro, tivo lugar no noso Centro un encontro nacional sobre Educación Física Inclusiva organizado por COCEMFE e dirixido principalmente ao profesorado desta materia.

 

Neste curso o noso compañeiro e profesor de Educación Física, Juan Díaz, e Adrián Torrado, alumno do Centro durante moitos anos, achegaron a súa experiencia de boas prácticas na inclusión do alumnado con discapacidade, que se levou a cabo hai anos no IES Maximino Romero de Lema.

 

Deixámosvos o enlace ao blog do profesor Juan Díaz,  e tamén un arquivo adxunto coa presentación deste encontro.

 

MATEMAXIA NA BIBLIOTECA

O venres no primeiro recreo realizamos un taller de matemaxia en colaboración co departamento de matemáticas, encadrado dentro das actividades para celebrar o mes da ciencia en galego.

Os nosos magos foron Yago e Manuel, alumnos de 4º da ESO. Os días previos contaron coa axuda do profesor Suso, para preparar o espectáculo.

O público quedou encantado co show máxico e aprenderon moito sobre algunhas das mulleres matemáticas máis importantes da historia.

Moitas grazas rapaces! 

Rafael Toba recupera a memoria da historia en Alpuxarras

O pasado mércores o alumnado de 1º de bacharelato asistiu á proxección do documental Alpuxarras presentado polo seu director Rafael Toba. O acto comezou coa presentación do noso invitado por dous rapaces e unha rapaza que salientaron o papel de Toba no mundo audiovisual. A continuación tomou a palabra o realizador para dar paso á proxección da longametraxe que narra a repoboación da Alpuxarra andaluza por colonos galegos tras a expulsión no século XVI dos mouros que vivían na rexión dende facía séculos. Nel tamén se aborda a presenza musulmá en Galicia e expóñense similitudes entre tradicións comúns hoxe case esquecidas. 

Finalizamos o acto cun coloquio sobre aspectos relacionados coa realización e investigación para levar a cabo este proxecto.

O documental que foi proxectado en numerosas salas dentro e fóra do noso país (Festival Sofía de Bulgaria) permitiu que o noso alumnado descubrise un feito histórico pouco estudado que lles axudará a comprender mellor a sociedade actual na que a islamofobia é unha realidade cotiá.

Broche de ouro para AstrónomAS

O venres pasado visitounos Josefina Ling, profesora da USC e investigadora no Observatorio Astronómico Ramón María Aller, así como comisaria da mostra AstrónomAs que tiñamos exposta no noso centro, para impartir ao alumnado de 4ºESO a charla Astronomía e mulleres.

ALMORZOS SAUDABLES

Continuamos cos almorzos saudables dentro das actividades pertencentes ao Contrato-Programa Innova EDUsaúde. Hoxe tocoulle ao alumnado de 3º da ESO de gozar dun almorzo composto por tosta de pan recén feito, aceite de oliva, tomate, xamón, lácteos (iogur, leite e leite de avea), froita, mel, cereais e cacao.

SENSIBILIZACIÓN E EDUCACIÓN PARA REMATAR COA VIOLENCIA DE XÉNERO

Dentro das actividades realizadas no noso centro para conmemorar o 25N, destacamos a desenvolta durante esta primeira semana de novembro na que case a totalidade do alumnado tivo a oportunidade de asistir ao obradoiro Mulleres visibles. Violencias machistas impartido por Olalla Trigo da Asociación Visibles que loita por unha sociedade libre e igualitaria.

É este un taller que traballa na prevención, identificación e sensibilización das diferentes formas de violencia de xénero: recoñécese a súa orixe, analízase o proceso de socialización diferencial que nos marca dende o nacemento e, analízanse as distintas modalidades de violencia que se exercen contra a muller: a física, a vicaria, a cultural, a obstétrica, a psicolóxica, a estrutural... para rematar coa invisibilización da achega das mulleres ao longo da historia.

A toma de consciencia é o primeiro paso para camiñarnos de cara á erradicación das violencias de xénero. De aí a importancia deste tipo de actividade para seguirmos educando en igualdade.

Proseguindo con esta importante tarefa educativa os pais e nais do alumnado recibirán o mércores, 17 de novembro, un obradoiro impartido polo recoñecido antropólogo, formador e investigador en Xénero, Violencia e Diversidade, David Kaplún Medina.

Estas actividades forman parte dun programa de sensibilización impulsado pola Deputación Provincial da Coruña. 

Distribuir contido