FacebookSíguenos en YouTube

blogue deadmin

Irene Mira debulla a arte da ilustración

O IES Maximino Romero de Lema segue coa programación do VI Mes do Libro  e hoxe foi a quenda do alumnado de 1º ESO que tivo a sorte de recibir a visita da ilustradora, Irene Mira, que foi alumna do centro.

 

O Xefe de Estudos, Pablo Balsas, presentou o acto con especial ilusión polo agarimo que lle ten. Acto seguido Irene Mira introduciu o obradoiro explicando como chegou a dedicarse á ilustración. Contou como no instituto sempre pensou en Medicina, pero acabou estudando Enxeñería de Deseño Industrial. Ao mesmo tempo que traballaba de enxeñeira formouse en deseño de personaxes 3D e animación e, finalmente, decidiu retomar a súa paixón que é o debuxo e estudou un ciclo de ilustración. E aí deuse conta de que ese era o mundo que lle gustaba: hoxe en día traballa nunha empresa que se dedica ao deseño gráfico. A súa arte impregna varios libros publicados para un público infantil.

 

Irene Mira destacou a importancia da ilustración que, ademais de reforzar o texto, achega novos matices que non se advirten na escrita. Explicou o proceso da ilustración que leva a cabo a través do seu traballo en Pituca en busca da súa identidade. Primeiro: pensar a historia e compartimentala nas ilustracións coas que se conta o libro. Segundo: estudar os personaxes. Terceiro: levar a cabo o story board, isto é, os bosquexos da historia dun xeito sinxelo para ver como se distribúen as páxinas. En cuarto lugar estaría a creación de cada ilustración  e finalmente estaría a maquetación: a colocación do texto en cada páxina e a preparación de todos os arquivos para mandar a imprimir.

 

Rematou o obradoiro pedindo a todo o alumnado que debuxara unha ilustración seguindo unhas pautas. 

 

Desde o IES desexamos agradecer a amenidade da súa intervención e acompañamos a súa presenza con fotos do grupo como lembranza do seu paso polo noso centro. 

Visita do alumnado de 2ºCM ao CIS

A saída consistíu en visitar as diferentes estancias do CIS, onde o alumnado puido comprobar como a realidade virtual, a realidade aumentada e inmersiva contribúen á mellora do tecido económico galego. 
Probaron simuladores de pintura de carrocería de automóbiles ou de pezas eólicas, entre outros. 
Recibiron tamén unha charla do responsable de CESENA - Siemens Spain onde poideron ver as contribucións que o Centro de Exeelencia do sector naval galego fai coas súas investigacións a este sector económico tan importante na comarca de Ferrol-Terra.
A nosa actividade está encadrada dentro do programa Edutecemprende, onde participa o centro. 

VIAXE A ATAPUERCA/CAREX/MEH-BURGOS (12 e 13 DE ABRIL)

Os días 12 e 13 de abril, o alumnado de 1º e 2º Bach. B fixo unha viaxe a Burgos organizada por Ana Baneira, profesora do departamento de Filosofía. 

O primeiro destino foron os Xacementos da Serra de Atapuerca, declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A visita realizouse a través da denominada "Trincheira do Ferrocarril" (na que se atoparon os distintos sedimentos de fósiles), un paso artificial de rocha calcaria aberto na serra a principios do século XX e que sacou á luz os numerosos restos arquexopaleontolóxicos; podendo visitarse a "Sima do Elefante", "O Complexo Galería" e a "Gran Dolina". Fósiles de especies distintas e que se sucederon no tempo destacando, pola súa importancia, os do "Homo Antecessor" e "Homo Heidelbergensis", que permitiron documentar un longo e importante período da secuencia da evolución humana en Europa. 

Tras a visita guiada ás escavacións, dirixímonos ao CAREX (Centro de Arqueoloxía Experimental) para que o alumnado se poidera situar no contexto a través das diferentes actividades que se realizan no mesmo, poñendo así en práctica os diversos coñecementos sobre o tema. 

Durante o sábado, visitamos o  MUSEO DA EVOLUCIÓN HUMANA DE BURGOS, onde poidemos gozar e experimentar cos achados atopados en Atapuerca, completando ademais as explicacións cos diferentes recursos sobre a Historia da Evolución Humana, entrelazando constantemente a natureza e a cultura. O edificio é un proxecto arquitectónico, deseñado polo arquitecto e pintor español Juan Navarro Baldeweg. Algúns dos fósiles orixinais procedentes dos Xacementos da Serra de Atapuerca exhíbense neste museo; proveñen da colección do Museo de Burgos e cedéronse ao MEH en forma de depósito.

Ao saír do museo visitamos o  Paseo do Espolón, a Porta de Santa María e a Catedral de Burgos, unha das obras máis significativas e representativas da arte gótica española.

Foron dous días moi intensos que nós permitiron entre outras cousas, comprender a importancia de Atapuerca para o estudo da evolución humana; coñecer o modo de vida das sociedades do Paleolítico; coñecer as implicacións filosóficas da evolución, así como a dialéctica na interacción natureza-cultura no proceso da Antropogénesis; recoñecer e reflexionar sobre a interacción dialéctica entre o compoñente natural e o cultural que caracteriza ao ser humano en canto tal; coñecer e valorar as interaccións da ciencia coa sociedade e o medio ambiente, con atención particular aos problemas aos que se enfronta hoxe a humanidade e a necesidade de procura e aplicación de solucións; recoñecer o carácter tentativo e creativo das ciencias da natureza, así como as súas achegas ao pensamento humano ao longo da historia, apreciando os grandes debates superadores de dogmatismos e as revolucións científicas que marcaron a evolución cultural da humanidade e as súas condicións de vida.

NAVEGAMOS CON RUMBO

O pasado martes tanto o alumnado de 1ºESO como as súas familias participaron da charla divulgativa Navega con rumbo co obxectivo de que os nenos e as nenas realicen unha navegación segura en Internet, e de facer partícipes ás familias desas recomendacións para que tamén sexan transmisores de boas prácticas aos menores.

 

Abordáronse as vantaxes das redes, pero tamén os potenciais riscos que resultan dun mal uso das mesmas: o ciberacoso, o tema da privacidade, os contidos falsos, os virus, os troianos... e indicáronse unha serie de pautas para navegar con seguridade: protexer a nosa privacidade; protexer os nosos ordenadores e rede; ser crítico -non todo hai en Internet é bo-; ser respectuoso e responsable na rede; dosificar o uso da rede e, por último, falar con pais, nais ou co profesorado se teñen algún problema.

 

Esta charla está incluída dentro dun programa sobre uso responsable de Internet do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia e a Xunta.

AS MALAS MULLERES DE MARILAR ALEIXANDRE

Hoxe á primeira hora da tarde, Marilar Aleixandre visitou o Club de Lectura de Adultos  para compartir reflexións e impresións arredor da  lectura de As malas mulleres, novela gañadora do Premio Blanco Amor 2020 e do Premio Nacional de Narrativa 2022.

Neste acto encadrado dentro da programación do VI Mes do Libro, a autora iniciou a sesión aclarando que son as malas mulleres e cal foi o xérmolo da novela; explicou o proceso de documentación en plena pandemia, subliñando as dificultades que tivo para atopar probas do cárcere da Galera en plena cidade da Coruña. Comentou os delictos sociais da época (non ter un domicilio fixo recoñecido, roubar pan...).

Na conversa sinalouse que é un texto literario poderoso e potente no que versos de Pondal, Curros ou Rosalía insírense de maneira brillante na trama da historia, así como documentos reais da época.

A través das respostas ás cuestións e aos comentarios que se formulaban, aclarou aspectos das tres personaxes principais: de Concepción Arenal que co apoio de Juana de Vega intentou dignificar as condicións das reclusas, ofrecéndolles unha oportunidade de alfabetización e de aprender un oficio. E por outro lado, a historia de Sisca, unha adolescente de familia moi pobre, encarcerada por acompañar a súa nai a realizar un aborto -personaxe ficticio pero que narra unha historia real sucedida un século despois-.

Coma na novela, nesta xuntanza literaria quixemos ir contra a desmemoria do labor feminista de Concepión Arenal e de Juana de Vega ou desas 300 mulleres do cárcere La Galera  que ficaron completamente borradas da historia. A autora interesáballe escribir sobre as violencias que sufriron todas elas.

Esta novela non vai de malas mulleres, senón de mulleres excepcionais algunhas marcadas polas circunstancias adversas que lles tocou vivir.

XVII Feira Matemática

Este sábado, 6 de abril, celebrouse na Coruña a décimo sétima edición da Feira Matemática, organizada pola Universidade da Coruña e Agapema. O Club de Ciencias do Maximino Romero de Lema participou con dous stands que fixeron as delicias dos asistentes. Ofertamos ao público xeral xogos matemáticos que divertiron desde a nenos de 3 anos ao mismísimo reitor (que é un matemático de prestixio). Non só traballamos, tamén disfrutamos das actividades propostas polos demáis participantes, cun papel estelar de Óscar, coma o ano pasado. As 13 horas fixéronse curtas e todos estamos dispostos a repetir na próxima edición.

Viaxe a Madrid (M. del Prado e M. Nac. Arte Reina Sofía) e parada na catedral de León. 5-7 abril 2024. Historia da Arte, 2 Bach.

Hai fins de semana nos que se da clase. Nos que as pantallas dos proxectores están nas paredes dos museos, tamén percorrendo as rúas dunha cidade ou entre as vidreiras góticas dunha catedral. Hai días nos que os cadernos de clase son libretas de debuxo, stickers, planos de museos ou selfies de grupo. Hai días que aprendemos a importancia da convivencia nun apartamento ou en preguntar "estamos todxs?" para seguir ata os vintemil pasos no día!
Grazas... a todo o grupo de Historia da Arte de 2 Bach. Grazas por compartir xuntxs esta experiencia!

XOSÉ MARÍA REI LEMA REIVINDICA O DÍA DAS LETRAS GALEGA PARA LABARTA POSE

Este venres, dentro dos actos do VI  Mes do Libro organizado polo Equipo da Biblioteca do noso Centro, o alumnado de 1º Bach acudiu á presentación do libro Antoloxía Poética. Enrique Labarta Pose que foi publicada recentementeO mestre de cerimonia foi Xosé María Rei Lema, un dos editores xunto con Xosé María Varela. 

Confesou o investigador que decidiron realizar esta recompilación de corenta poemas en galego do escritor baiés porque xa era case imposible acceder á súa creación poética pois hai trinta anos que non se publicaba nada del. Ademais esta iniciativa encádrase dentro das que desenvolve o Concello de Zas para conseguir que se lle dedique a Labarta Pose o Día das Letras Galegas 2025. 

A  seguir Rei Lema centrouse na figura do noso ilustre paisano cun percorrido pola súa traxectoria vital que ía acompañando de textos e fotos referentes aos feitos que relataba. A continuación detívose na faceta de autor, destacando a sona de bo escritor que tivo na súa época, con numerosos premios e cuxa poesía humorística foi a máis celebrada. Pero sinalou o estudoso que  Labarta era máis que un poeta humorístico: nos seus poemas hai temática social, defensa da muller, reinvindicación do uso do galego, denuncia das pésimas condicións na inmigración, rexeitamento do maltrato animal, das corridas de touros... O relator ía apoiando a información co recitado de poemas.

Na presentación, Claudia e Bruno, agradecéronlle ao invitado por  transmitirnos a historia e o labor literario deste persoeiro destacado da nosa vila e que cómpre divulgar para poñer a Baio no mapa da literatura galega. Este tipo de actividades son esenciais para coñecermos o noso patrimonio cultural que serve para cohesionarnos ao redor dos nosos símbolos.

A obra foi publicada pola Editorial Galaxia grazas a un convenio de colaboración co Concello de Zas como parte da colección Letras Galegas Clásicos. Agradecemos ao Concello de Zas, que tanto esforzo está adicando para impulsar a figura de Labarta Pose, con exposicións e publicacións diversas,  que nos doara catro exemplares do libro para que toda a Comunidade Educativa poida achegarse a vida e obra de Labarta Pose.

Distribuir contido