FacebookSíguenos en YouTube

blogue deadmin

O IES Maximino Romero de Lema participa nos retos do Programa InnovaTech FP

O venres 1 de decembro tivo lugar no CIFP Universidade Laboral (Culleredo) a xornada de lanzamento dos retos do Programa InnovaTech FP. Un programa que ten como obxectivo principal impulsar a innovación tecnolóxica e o emprendemento industrial, fomentando a creación de empresas de base tecnolóxica entre o alumnado de Formación Profesional.

O noso Centro deberá abordar a resolución do reto proposto pola empresa Diesemm:  Desenvolvemento dunha solución dixital para a optimización de experiencias en eventos deportivos.

O equipo participante está formado por dúas alumnas (Nerea e Cristina) do 2º curso do CM Sistemas Microinformáticos e redes e por dous alumnos (Carlos e Cristian) do 1º curso do mesmo Ciclo Medio. Estarán coordinados e capitaneados polo profesor do departamento de Informática Carlos Rosado.

Agradecémoslles aos cinco a súa participación e implicación neste programa que “busca enriquecer a experiencia educativa e conectar o alumnado coas realidades e necesidades do sector industrial, ao tempo que fomenta un enfoque colaborativo e inclusivo”.

Caravana morada, Tarxeta vermella e Detecta as túas relacións tóxicas

O xoves 30 de novembro pechamos toda unha serie de actividades organizadas no Centro con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. 

Durante toda a mañá, o alumnado visitou a “Caravana morada”, tendo a oportunidade de entrar no vehículo e ver os seus itinerarios e puntos de partida, xa que esta caravana está presente en diferentes eventos de ocio nocturno para garantir “unhas festas sen agresións e sen abusos sexuias”.

Asemade participaron en dous obradoiros: “Tarxeta vermella” e “Detecta as túas relacións tóxicas”.

Agradecemos ao Concello de Zas a través do Centro de Información á Muller (CIM) a oferta destas actividades no seu intento de concienciar á poboación nova sobre esta problemática.

A violencia machista non cesa, chegando a 53 o número de mulleres asasinadas. 

O IES Maximino Romero de Lema seguirá, seguiremos comprometidos coa eliminación desta lacra social a través da concienciación e sensibilización do noso alumnado para soñar cun día no que desapareza.

2º Bacharelato B pon o broche final ao programa de Almorzos Saudables

Coa participación o pasado venres do alumnado de 2º Bacharelato B rematamos o programa “Almorzos Saudables”. 

 

Cómpre lembrar a importancia dun almorzo saudable diario, de que o alumnado concentre unha terceira parte da inxestión de comida entre o almorzo e a media mañá, de que se conciencien en bos hábitos alimenticios, distanciándose o máis posible da “bollería” industrial e das bebidas azucradas. Por iso lle ofrecemos ao alumnado un menú a base de pan fresco con aceite, tomate e/ou xamón serrano; lácteos (leite de vaca, sen lactosa ou de avea ou ben iogur) ao que lle podían botar cacao 100% ou ben mel; cereal integral e sen azucre engadido (avea) que lles proporcionará unha fonte de enerxía estable e duradeira. E para que o almorzo fose de sobresaliente tamén podían elixir unha peza de froita (mazá, plátano ou mandarina).

 

Que máis se pode pedir? Pois que despois sigan almorzando así nos seus fogares para afrontar con enerxía a xornada de aprendizaxes que teñen por diante.

 

Esperamos que con este programa contribuamos ao fomento dunha alimentación saudable e á concienciación polo consumo de produtos locais.

 

Debido á boa acollida que unha vez máis tivo esta iniciativa, repetirémola para o próximo curso 2024-2025.

 

Moitas grazas a todas e a todos!

PARTICIPACIÓN NO CAMPIONATO ESCOLAR DE BÁDMINTON

O alumnado do IES Maximino Romero de Lema participou, cun notable éxito, na fase de grupos do Campionato Escolar de Bádminton, na categoría cadete, celebrado en Outes o pasado día 30 de novembro.

Participaron en total 20 alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO e de 1º FP Básica, dos que 6 gañaron os dous partidos que disputaron e outros 9 gañaron un deles.  Desta maneira, teremos de novo representación na seguinte fase competitiva.

Moi bos resultados e sobre todo unha moi boa xornada na que gozamos do deporte e do compañeirismo.

VISITA Á CASA MUSEO DE PICASSO NA CORUÑA

Onte, o alumnado de 1º ESO visitou a Casa Museo de Picasso na cidade da Coruña. Durante dúas horas visitamos a casa na que o pintor viviu coa súa familia durante a infancia e asistimos a unha visita teatralizada polos lugares máis emblemáticos que percorría o pintor no seu día a día.

Deste xeito, a nosa rapazada puido coñecer que Galicia ten moito que ver con Picasso, ese artista universal do que este ano se cumpriron os 50 anos da súa morte. 

1º BACHARELATO PARTICIPA DOS ALMORZOS SAUDABLES

No día de onte o alumnado de 1º de Bacharelato participou do programa “almorzos saudables” e degustou produtos variados, frescos e de calidade. Unha vez máis insistimos, na pequena charla que inicia a actividade, na importancia de realizar na casa un bo almorzo; en caso contrario diminuírase a eficiencia física e mental, a creatividade, o traballo e o rendemento escolar durante a mañá; ademais, realizar correctamente a primeira comida do día, tamén axuda a controlar o sobrepeso e a calidade da dieta.

Quedaron tan contentos, que repetirán!!

CARNÉ XOVE PARA TODO O NOSO ALUMNADO

Hoxe un representante da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política realizou a todo o alumnado que o solicitou o Carné Xove.  A iniciativa, que tivo un enorme éxito, fora difundida entre o alumnado nos días previos polos/as correspondentes xuvenís do noso Centro.

Foron tamén estes e estas informantes do Maximinio, os e as que deron a coñecer as características deste documento: con el pódese acceder a descontos e vantaxes en múltiples entidades e establecemento en Galicia, no resto das comunidades autónomas e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo. É gratuíto e ten unha vixencia  indefinida entre as idades de 12 a 30 anos, ambos os dous inclusive, polo que non cómpre renovalo. 

Con esta iniciativa preténdese fomentar o desenvolvemento, a mobilidade e a mellora de condicións de vida cotiá da xuventude galega. Os e as correspondentes xuvenís cumpriron moi ben coa súa función de antena informativa das fontes oficiais para que chegue ao maior número de usuarios; así o demostra a gran demanda de solicitudes que houbo para realizar o carné.

ORIENTACIÓN VOCACIONAL LIBRE DE ESTEREOTIPOS

O alumnado de 3º e 4º ESO participou hoxe do programa educativo Que non te líen, ti elixes que ten como obxectivo contribuír a que o noso alumnado valore e respecte as diferenzas de sexos e a igualdade de dereitos, e rexeite estereotipos que supoñan unha discriminación entre homes e mulleres.

Comezaron a actividade visualizando varios vídeos nos que as protagonistas eran mulleres de distintos ámbitos profesionais caracterizados pola escasa representatividade feminina: construción, madeira, metal, granito, sector do mar, do audiovisual...finalizando coa análise do papel da muller no mundo da informática, campo ao que pertencen Rosa e Fani, relatoras da charla.

Ambas as dúas transmitíronlle ao alumnado que o traballo non depende do xénero das persoas, senón da súa motivación, das súas habilidades, das súas capacidades e actitude. As limitación están no cerebro, debemos desprendernos delas! As rapazas poden realizar calquera tipo de estudos de ciencias, tecnoloxía, enxeñarías, artes, matemáticas... e dedicarse a calquera profesión porque non depende do seu sexo, e si das ganas de traballar, de emprender, de loitar, de aprender dos erros, de rodearse dun bo equipo...  Só así poderemos acadar a igualdade de oportunidades.

Distribuir contido