Skip to Content

A COLECCIÓN DE TUBOS DE DESCARGA DO IES LUCUS AUGUSTI

cazon

Os tubos de descarga consisten en tubos de vidro pechados, cun baleiro alto no seu interior e nos que hai polo menos dous electrodos. Cando se lles aplica unha voltaxe suficientemente grande, poden emitir electróns nun dos electrodos, o cátodo, e o gas residual que conteñen pode ionizarse. Os exemplares da colección do IES Lucus Augusti, coma os doutros institutos históricos, tiñan a función de ser empregados en experiencias de cátedra para mostrarlles aos estudantes algunhas propiedades eléctricas da materia. Na colección hai tanto tubos de Geissler como tubos de Crookes.

 Nos tubos de Geissler, cando se aplica unha voltaxe alta entre os dous electrodos, o cal se pode facer cun carrete de Ruhmkorff, obsérvase un resplandor cuxa cor depende da natureza do gas do tubo. A orixe do resplandor é a ionización do gas e, empregando un espectroscopio, pode verse o espectro da luz emitida, característico de cada gas.

 No tocante aos tubos de Crookes, o baleiro e maior e permiten ver unha fluorescencia verdosa na zona do tubo oposta ao cátodo. Esa fluorescencia débese á corrente de electróns formados no cátodo, que se desprazan polo interior do tubo e que reciben o nome de raios catódicos.

 No IES Lucus Augusti hai unha colección dos dous tipos de tubo, a cal pode ser visitada no seu museo, no que tamén hai outros moitos obxectos de interese.

 

 Ler máis



page | by Dr. Radut