Nota informativa - COVID-19

Enviado por Secretaría o Xov, 22/10/2020 - 05:56

Comunícolles que se confirmou un caso de COVID-19 no centro educativo ao que acode o seu fillo ou filla. 

Detectouse o caso positivo, mediante unha proba PCR, o 15 de outubro (data na que o centro activou o protocolo e informou á comunidade educativa).

Dende o Servizo de Alertas Epidemiolóxicas da Xefatura Territorial de Sanidade de Pontevedra, notificóusenos que non é preciso facer corentena nin de alumnado nin de profesorado, xa que o último día de asistencia as aulas da persoa contaxiada foi o pasado 9 de outubro. Por un erro do sistema informático, os rastrexadores puxéronse en contacto con familias e profesorado, dando instrucións contraditorias e con datas erróneas.

As autoridades sanitarias consideran que non houbo posibilidades de contaxio e, polo tanto, a partir do vindeiro luns, día 19, todo o alumnado e o profesorado deberán acudir ao centro no seu horario habitual.

O  SARS- CoV-2 é un virus que se transmite principalmente de persoa a persoa a través do contacto estreito e das pingas respiratorias que se emiten ao  tusir ou esbirrar. Os síntomas poden aparecer ata 10 días despois de estar en contacto co caso. A infección  pode cursar con síntomas respiratorios como febre, tose ou sensación de falta de aire; con síntomas inespecíficos como a alteración do gusto, do olfacto, dores musculares, diarrea, dor torácica ou dor de cabeza entre outros; ou tamén pode cursar de forma  asintomática.

A comunidade educativa pode seguir acudindo ao centro, extremando as medidas  de precaución e vixiando a aparición de síntomas compatibles con COVID-19. Se algunha persoa ten condicións de especial vulnerabilidade para o COVID-19, pode acudir ao centro, sempre que a súa condición clínica estea controlada e o permita, e mantendo medidas de protección de forma rigorosa, salvo indicación médica de non asistir.

Recordamos a toda a comunidade educativa que as instrucións sobre as medidas a tomar nestes casos veñen ditaminadas polas autoridades sanitarias, xa que os centros educativos non teñen potestade para tomar este tipo de decisións. En todo caso, sentimos as molestias causadas ás familias e ó profesorado.

 

A dirección do IES Illa de Ons

( categories: )