1000 GRÚAS POLA PAZ / 1000 GRULLAS POR LA PAZ

Desde 1964, para conmemorar a morte de Gandhi, celébrase o 30 de xaneiro o Día Escolar da Non-Violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO en 1993.

Nesta data recórdase a necesidade da educación para a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz.

O lema deste día é:

'amor universal, non-violencia e paz. O amor universal é mellor que o egoísmo, a non-violencia é mellor que a violencia; e a paz é mellor que a guerra'.

No noso centro, a profesora de matemáticas Marosa Vázquez Vaamonde, responsable do obradoiro de papiroflexia, fixo unha proposta para sumarnos á celebración deste Día Escolar da Non-Violencia e a Paz, recordando a historia da nena xaponesa Sadako Sasaki e das mil grúas de papel, a historia das MIL GRÚAS POLA PAZ.

No seu obradoiro de papiroflexia do instituto empezou ensinando ao seu grupo de origamistas a facer as grúas de papel.  Ao mesmo tempo animou ao resto da comunidade educativa a sumarse ao reto de facer 1000 grúas de papel antes do día 30 de xaneiro de 2016. 

E o resultado está á vista.  A mediados de decembro xa hai máis de 1000 grúas de papel, de todas as cores e de todos os tamaños, como podedes ver nas imaxes.  Agora todas as grúas esperarán ata o vindeiro 30 de xaneiro para, chegado o día, “VOAR” por todo o centro, cumprindo os nosos desexos de non violencia e paz.

Podes ler nos seguintes enlaces a historia de Sadako e outra información de interese
http://www.milgrullasporlapaz.com.ar/historia.html  (cun tutorial para facer a grúa de papel)
http://www.himahima.co.jp/PeaceWeb/kids/KPSH_E/top_e.html  (en inglés)
http://pw1.netcom.com/~kundk/newsletter/Sadako.htm  (en castelán)