Circular informativa

CIRCULAR INFORMATIVA:  Á atención das familias e alumnado matriculado no IES de Fene:

1. TRANSPORTE METROPOLITANO 

Ante os continuos problemas que está a padecer o noso alumnado en relación co servizo de transporte, queremos explicar esta situación.

En primeiro lugar, debemos informar que ao IES de Fene chega o alumnado en cinco autobuses, tres da empresa Arriva e dous da empresa Monbús (UTE Hércules Norte):

O IES de Fene ten concedido pola Consellaría de Educación un servizo de transporte gratuito para o alumnado da ESO domiciliado nas parroquias de Limodre, Maniños, Magalofes e Barallobre. En total son tres autobuses da empresa ARRIVA que percorren o municipio con saídas desde Magalofes, Limodre e Barallobre. Estes autocares van recollendo ao longo destas parroquias e en paradas rexistradas ao noso alumnado, mesmo de Bacharelato e Ciclos Formativos.

O resto do alumnado actualmente está utilizando dous autobuses pertencentes á UTE Hércules Norte, concesionaria do servizo público regular de transporte de viaxeiros por estrada desta zona e dependente da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, desde decembro de 2020.  Estes autocares teñen a saída na estación de autobuses de Ferrol, percorrendo os concellos de Narón, Neda e Fene.

Aquí é onde comprobamos que non hai suficientes prazas para traer a todo alumnado, de modo que case sempre quedan alumnos/as sen poder subir aos autobuses, tanto á ida como á volta. Como consecuencia, e ao longo destas catro semanas de curso, constatamos faltas de asistencia ás clases que imposibilitan un seguimento regular do seu proceso de ensino-aprendizaxe.

A ANPA do noso IES, desde o primeiro momento realizou xestións coa empresa e coa Consellaría de Mobilidade buscando solucións. Onte, o concello de Fene aprobou unha moción instando a Monbús a corrixir o mal funcionamento do servizo.  En conclusión, queremos trasladarlles que seguimos buscando solucións e que agardamos que proximamente se poidan ir resolvendo estes problemas.

 

2. HORARIO DO CENTRO

Os martes o centro está pechado desde as 14.30 ata as 16.00 h. Por tanto, rogamos ás familias que non envíen os seus fillos/as ao instituto antes desa hora e que saiban que nese intervalo non hai profesorado que poida atendelos ou responsabilizarse do que lles ocorra. 

 

Barallobre, 8 de outubro de 2021

 

O director

Asdo.: Xoán Manuel Vázquez Vázquez