Alumnos do IES de Fene clasifícanse nun debate sobre linguas minoritarias celebrado na Universidade de Deusto

Saben que as palabras poden agochar a verdade,  que  os tópicos son inimigos da reflexión e que hai quen  utiliza ideas alleas como propias, defendéndoas coma se fosen verdades reveladas. Demostraron sobrada capacidade intelectual para argumentar con rigor sobre linguas minoritarias, nunha xornada de debates organizada polo EYP ( European Youth Parliament). Con razón din que a palabra exacta sería “minorizadas”.

Mateo García, Ana Montes, Paula González, Alba Rivas e Alexandre Chao (Xano),  armados con  coñecementos de Sociolingüística “Grazas ás clases de galego de Lula (Pilar Sanmartín) “ , a  afirmación é de Alba,  os demais asenten, chegaron á Universidade de Deusto despois dunha viaxe con contratempos, “ saímos de Fene ás catro da tarde. Como a viaxe foi longa, tivemos que cear en Castro Urdiales,  chegamos a Bilbao ás tres da mañá”. Ese mesmo día, o 23 de febreiro ás sete da mañá,  están  en pé para ir aos debates á Facultade de Socioloxía de Deusto.  Primeiro xogos de integración cos participantes do País Vasco e de Zaragoza para “romper o xeo”, despois  asisten á conferencia pronunciada polo exdiplomático inglés Shaun Riordan, co título "Unha xeración perdida?",  que lles pareceu  moi interesante e  “moi ben falado”.

Cando van intervir,  danse de conta de que  houbera un fallo de comunicación a través do correo electrónico cos organizadores e vense na obriga de modificar sobre a marcha os puntos sobre os que  que van falar, imrpovisan  e  teñen que  “botar  man da cultura xeral”.

Case unha hora de debate, entre exposición e defensa do mesmo, fronte aos demais participantes, despois hai que facer a crítica aos outros participantes, todo puntúa. Cando rematan,  son felicitados polos propios organizadores e quedan de segundos, o que os clasifica para a fase seguinte: “ A viaxe valeu a pena”.

Aos organizadores sorpréndelles a fluidez coa que se expresan nun debate realizado integramente en inglés, e eles senten  satisfacción cando  afirman: “démonos de conta de que nos defendíamos   ben nese idioma”. Non só se decataron de que podían falar e entender o inglés sen problemas, ademais venceron a timidez. Ana Montes e Alba din “somos moi vergoñosas e isto foi importante para nós”. Xano foi o que, con êxito,  convenceu aos demais para participar, ainda que ao final foi cousa de todos. Acompañáronos os profesores Eva Gondel e José Luís Souto, todos se amosan orgullosos polo éxito conseguido.

O IES de Fene felicítaos polo seu traballo. Parabéns!!