68. O ermitán na corte

O monarca ía celebrar unha fastosa festa. O banquete ofreceríase nunha das  cámaras máis suntuosas do pazo. Na descomunal mesa todo se dispuxera de modo tal que cada invitado se sentara nela segundo o seu rango. Non chegara aínda o monarca cando apareceu un ermitán moi mal vestido e ó que tódolos invitados consideraron un pordioseiro. O ermitán, sen ningún tipo de vacilación, acomodouse directamente no posto máis relevante. Encolerizado por tan insólito comportamento, o primeiro ministro encaróuselle preguntándolle con sequidade:

-          ¿Acaso es ti un visir?

-          O meu rango é superior  ó dun visir –aseverou o ermitán.

-          ¿Es pois un primeiro ministro? –volveu a interrogar o alto personaxe

-          O meu rango é superior ó de un primeiro ministro –foi a resposta que obtivo.

Cada vez máis enfurecido e asombrado, o primeiro ministro gritou:

-          ¡Só che falta dicir que es o mesmísimo rei!

-          O meu rango é superior ó do rei –replicou impasible o outro.

Fora de si, o primeiro ministro dixo:

-          ¿Queres facernos crer que es Deus?

-          O meu rango é superior ó de Deus –oíu dicir ó pordioseiro

-          ¡Nada é superior a Deus! –ouveou o primeiro ministro, cos ollos inxectados en sangue e o rostro é demudado.

E con grande equilibrio e sosego, o ermitán concluíu:

-          Agora acertaches. Esa nada son eu.