20. Pagar tres veces polo mesmo

Conta unha lenda da rexión do Punjab que un ladrón entrou nunha facenda e roubou duascentas cebolas. Antes de que puidera fuxir, o dono do lugar capturouno e levouno ante o xuíz.

    O maxistrado pronunciou a sentencia: pagar dez moedas de ouro. Pero o home alegou que era unha multa demasiado alta e o xuíz, entón, resolveu ofrecerlle outras dúas alternativas: recibir vinte lategazos ou come-las duascentas cebolas.

     O ladrón elixiu come-las duascentas cebolas. Pero cando chegou á vixésimo quinta, os seus ollos estaban inchados de tanto chorar e o estómago queimábao como o lume do inferno. Como aínda lle faltaban 175 e decatouse de que non aguantaría o castigo, pediu para recibi-los vinte lategazos.

     O xuíz aceptou. Cando o látego bateu no seu lombo por décima vez, implorou que parasen de castigalo, porque non soportaba a dor. O pedido foi obedecido, pero o ladrón tivo que pagar as dez moedas de ouro.

     - Se tiveras aceptado a multa, terías evitado come-las cebolas e non terías sufrido co látego – díxolle o xuíz.

 - Pero preferiches o camiño máis difícil sen entender que, cando se fai algo mal, é mellor pagar axiña e esquecer o asunto.