Skip to Content

Language Planning

Esta mañá acudimos co noso alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato ao Auditorio do concello de Nigrán para presenciar a peza Language Planning. Este espectáculo de Os Quinquilláns Teatro -en colaboración coa editorial Galaxia- mestura relatos de Made in Galiza, de Sechu Sende, con textos de Nuñez Singala, notas de humor retranqueiro e apuntamentos sociolingüísticos, para facernos reflexionar sobre a problemática diglósica que aínda sofre a nosa terra.

A partir dun leve fío argumental -a existencia, desde hai séculos, dun plan a grande escala conducente a roubarnos as palabras e a que deixemos de usar o galego-, esta montaxe teatral obríganos a tomar conciencia sobre os factores que poden incidir na desaparición da lingua, como a perda de falantes, a ruptura xeracional, a perviviencia dos prexuízos... Como podemos evitalo? Falando o galego sempre e en todos os ámbitos e, sobre todo, sentíndonos orgullosos de termos unha lingua de noso tan fermosa.

Matrícula 2º e 4º ESA

O prazo para matricularse en 2º e 4º da Educación Secundaria de Adultos será do 8 ao 17 de xaneiro de 2020.

En loita contra a violencia de xénero

Co gallo do Día Internacional contra a violencia de xénero, o noso centro vén desenvolvendo estes días diferentes actividades encamiñadas a sensibilizar o alumnado e conciencialo sobre a necesidade de erradicar os malos tratos que sofren as mulleres acotío.

Deste xeito, a semana pasada asistimos á perfomance de María Vallina, Anástrofe, co apoio do concello de Nigrán e da Deputación, e participamos no vídeo do Club Baloncesto Nigrán "Un balón por cada vítima". Elaboramos, así mesmo, un gran mural co título "Os nomes silenciados" en homenaxe ás máis de cincuenta mulleres asasinadas e aos seus fillos e fillas, tamén vítimas da violencia machista. Ademais, elaboramos e colocamos cartelería en cada recuncho do centro, e reflexionamos xuntos nas aulas.

Nos recreos da semana do 25-N leremos textos literarios dentro da campaña "Palabras que son berros" e proxectaremos audiovisuais co fin de seguir reivindicando o papel da muller na sociedade e a súa loita contra as inxustizas.

Con todo, o noso labor a prol das mulleres non rematará no mes de novembro, senón que desde o Equipo de Igualdade seguiremos deseñando iniciativas para visualizar unha lacra social que, por desgraza, vai en aumento, e asemade educando para que a nosa xuventude non mire cara a outro lado nos casos de violencia contra as mulleres...

Outono de cogomelos

Como todos os anos polo outono, alumnos e alumnas de 1º ESO recolleron cogomelos, clasificáronos e mesmo os ilustraron, axudados polo profesorado de bioloxía, xunto a outros expertos/as na materia. Entre as vinte e cinco especies analizadas, destaca a peculiar Chlathus archeri, con fasquía de estrela de mar vermella de catro puntas, máis coñecida popularmente como "man do demo". Xa podedes ver a galería de fotos da exposición premendo na imaxe de abaixo...

Parabéns polo voso traballo!

Selecciona esta foto

para ver o álbum

desta actividade

 

 

 

 

Anástrofe

No marco das actividades que estamos desenvolvendo co fin de concienciar o noso alumnado sobre a necesidade de erradicar a violencia de xénero, insírese a performance que nos ofreceu María Vallina o pasado 11 de novembro: Anástrofe

Selecciona a foto para

ver o álbum desta

actividade

Con esta representación pechouse a cuarta edición do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero". Na compaña das deputadas Isaura Abelairas e Raquel Giráldez -alén do alcalde, Juan González, e das concelleiras de igualdade, Patricia Diego, e de educación, Marina Vidal-, profesorado e alumnado puidemos interactuar coa artista asturiana nunha simbólica peza de "inversión" ata reflexionarmos sobre o noso papel na sociedade fronte a violencia que sofren as mulleres desde as tarefas máis cotiás; porque, en definitiva, non podemos ficar pasivos ante a desigualdade, e cómpre que todos e todas nos impliquemos nun cambio necesario!

Distribuir contido


by Dr. Radut