En loita contra a violencia de xénero

Enviado por iesproval o Dom, 2019-11-24 18:29

Co gallo do Día Internacional contra a violencia de xénero, o noso centro vén desenvolvendo estes días diferentes actividades encamiñadas a sensibilizar o alumnado e conciencialo sobre a necesidade de erradicar os malos tratos que sofren as mulleres acotío.

Deste xeito, a semana pasada asistimos á perfomance de María Vallina, Anástrofe, co apoio do concello de Nigrán e da Deputación, e participamos no vídeo do Club Baloncesto Nigrán "Un balón por cada vítima". Elaboramos, así mesmo, un gran mural co título "Os nomes silenciados" en homenaxe ás máis de cincuenta mulleres asasinadas e aos seus fillos e fillas, tamén vítimas da violencia machista. Ademais, elaboramos e colocamos cartelería en cada recuncho do centro, e reflexionamos xuntos nas aulas.

Nos recreos da semana do 25-N leremos textos literarios dentro da campaña "Palabras que son berros" e proxectaremos audiovisuais co fin de seguir reivindicando o papel da muller na sociedade e a súa loita contra as inxustizas.

Con todo, o noso labor a prol das mulleres non rematará no mes de novembro, senón que desde o Equipo de Igualdade seguiremos deseñando iniciativas para visualizar unha lacra social que, por desgraza, vai en aumento, e asemade educando para que a nosa xuventude non mire cara a outro lado nos casos de violencia contra as mulleres...

( categories: )