Charla sobre a violencia de xénero

O pasado 23 de febreiro o noso alumnado de 1º, 2º e 3º ESO asistiu á charla: A violencia de xénero e o sexismo na publicidade, na que se tratou esta temática tanto desde o punto de vista dos medios audiovisuais, coma nas redes sociais.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Charla de violencia de xénero

O entroido no IES do Camiño

O pasado 9 de febreiro celebramos no instituto o noso particular entroido cun concurso de baile, que gañaron os alumnos de 2ºBAC, e cunha incrible cata de doces de entroido cortesía das familias do alumnado. Moitas grazas a todas!

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Entroido

Charla sobre o entroido e exposición de máscaras

O alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato tivo un encontro co entroido da man de Xosé Manuel Seixas, investigador desta festa. Nesta charla estiveron presentes unhas convidadas moi especiais: as máscaras que elabora, de xeito artesán, o propio relator. A través destas fíxose un percorrido moi visual polos entroidos de Galicia, do norte de Portugal e mesmo da illa de Sardeña.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Charla sobre o entroido

Día da paz e non violencia

O día 30 de xaneiro celebramos na biblioteca do IES do Camiño o Día da Paz cunha actividade na que situamos xeograficamente os conflitos dos que nos falan, de xeito diverso, unha serie de libros previamente seleccionados. As rapazas e rapaces buscaban os libros, marcábamos e comentabamos onde situalos dentro dun mapamundi tendo en conta o argumento ou o contexto no que se desenvolve a trama.

Para a realización da actividade foi imprescindible a colaboración dos voluntarios/as da biblioteca no tempo de lecer, pero tamén do profesorado.

Grazas a todas/os!

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Día da paz e non violencia

Obradoiro de Braille

O día 26 de xaneiro fixemos un obradoiro de braille na biblioteca que consistía en familiarizarse con este sistema táctil de escritura colocando en celas de seis puntos baleiras, os puntos en relevo correspondentes a cada una das letras do nome en braille, de tal xeito que o alumnado puido elaborar un chaveiro.

No obradoiro participaba o alumnado de Proxecto Competencial de 3º da ESO que está desenvolvendo un proxecto sobre diversidade funcional, no que tamén se traballa o braille.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Obradoiro de Braille

Irene Rega visita o Club de lectura

O venres 19 de xaneiro tivemos a cuarta xuntanza co alumnado do club de lectura do IES do Camiño que, nesta ocasión, consistiu nun encontro coa autora do último libro lido: A malferida de Irene Rega Jul.

Tivemos a oportunidade de falar con ela sobre o acoso, tema principal do libro, pero tamén sobre as lecturas obrigadas, o proceso de escritura ou os finais abertos e ambiguos. Grazas a todas/os por ler e participar e, especielmente, grazas a Irene pola humildade, o agasallo para a rapazada e a boa conversa.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Reunión do club de lectura

Visita aos xulgados de Lugo

O 17 de xaneiro fixemos a visita aos xulgados de Lugo co programa "Educar en xustiza" con grupos de 3ºESO e 2ºBAC.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Visita aos xulgados de Lugo

Teatro en inglés

O día 15 de xaneiro os alumnos de 1º,2º,3º e 4º ESO asistiron en Lugo á representación dunha obra de teatro en inglés, I SPY, no auditorio Gustavo Freire a cargo do programa Afundación.

Todos aproveitaron a oportunidade de aprender inglés dun xeito divertido.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Teatro en inglés

Club de lectura de adultos

O día 15 de xaneiro reunímonos o club de lectura de adultos de Palas de Rei. Nesta xuntanza tivemos a oportunidade de charlar con Rosa Paz, autora do libro escollido: Las tres hermanas. Sorprendeunos a súa seguridade ó afirmar que ela escribiu o que quixo escribir e tamén abrimos un debate ben interesante entre o que nós percibiramos como lectoras/es dos personaxes e o que ela tiña en mente cando os creou.

O próximo encontro terá lugar neste mesmo trimestre e Madialeva de Ana Moreiras é o libro proposto. Podedes anotarvos ó club escribindo a: cristina.gonzalez.abelaira@edu.xunta.gal

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Club de lectura de adultos

Contacontos do alumnado de Oratoria

O día 19 de decembro o alumnado de Oratoria acudiu á Escola Infantil de Palas de Rei a facer un contacontos, como parte do proxecto do primeiro trimestre nesta materia. As mestras, as nenas e os nenos acolléronnos moi ben e ben seguro que repetiremos a experiencia.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Contacontos do alumnado de Oratoria
Distribuir contido