Actividade "Os contacontos"

O pasado luns 28 de novembro o alumnado de Oratoria do noso instituto acudiu ó CEIP Plurilingüe de Palas de Rei a facer unha sesión de contacontos para o alumnado de 3 e 4 anos. Trátase da actividade final do proxecto para este trimestre. 
As nenas e os nenos de 3 anos ó rematar, agasalláronnos cantando e contando eles xunto coa súa mestra un conto. Foi unha experiencia ben bonitiña e queremos agradecer a boa disposición do centro, así como a súa agarimosa acollida.
 
Álbum: Curso académico 2022/23 -> Actividade "Os contacontos"

Lecturas de "Nai que nos pariu"

Con motivo do 25N na biblioteca organizamos unha lectura de fragmentos do libro: NAI QUE NOS PARIU. Mulleres á altura do interior. O seu autor, Fernando García Penas, leunos durante o tempo de lecer algúns anacos das historias que se contan na súa obra. Son historias que, como el mesmo expresa, nos falan "das mulleres do interior e do interior das mulleres".

Con motivo do encontro xurdiu a idea de facer un grupo de adultos dentro do noso club de lectura arredor do libro. Trátase dun grupo no que ademais das docentes e outros membros da comunidade educativa, poidades anotarvos as familias.  

Recibiredes nestes días máis información ó respecto. 

Agardámosvos!

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Lecturas de "Nai que nos pariu"

Concurso de ideas para o logo do noso centro

Ábrese o prazo para participar no concurso de ideas para un posible e futuro logo do noso centro. ¡¡ Animádevos a participar e moita sorte !!

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Concurso logo

Obradoiro de regueifas

O luns 14 de novembro o alumnado de 3º e 4º da ESO, así como o de 1º de Bacharelato, participou nun obradoiro de regueifas impartido pola artista Lupe Blanco.

Tras unha impactante introdución ‘regueifada’ á historia desta forma da improvisación, a ponente foi guiando ao auditorio polos seus aspectos métricos. A continuación, os alumnos e alumnas convertéronse en regueifeiros/as, elaborando as súas propias coplas, que remataron cantando a viva voz.

Foi unha actividade divertida, creativa e moi dinámica, que gustou moito aos/ás participantes.

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Obradoiro de regueifas

Visita á facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo

O pasado xoves 10 de novembro, os alumnos das materias de Economía de 1º de bacharelato e Economía da Empresa de 2º, visitaron a facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo.

 

Puideron recibir unha charla sobre os modelos económicos e a súa base científica por parte do decano da facultade, Roberto Bande. Tamén fixeron unha visita- percorrido pola facultade e viron unha demostración no Tech-Lab Empresa e Tecnoloxía onde estase a traballar cun programa informático innovador para axudar a gandeirías galegas para o seguimento dos seus costes. 

 

Antes de voltar a Palas e despois de almorzar na cafetería da facultade, visitaron a Biblioteca Intercentros, onde se lles amosou o traballo que se realiza e tódalas posibilidades que ten esta gran biblioteca.

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Visita á Facultade de ADE de Lugo

Visita ao Pazo de Meirás

O pasado 7 de novembro o alumnado de 3º, 4º, 1º BAC (de Hª) e 2ºBAC desprazouse ao Pazo de Meiras, no Concello de Sada. Alí foron recibidos e guiados pola concelleira de Turismo e historiadora da arte, Laura Rodríguez Pena, e por Manuel Pérez Lorenzo, profesor de Historia no IES Isaac Díaz Pardo da mesma vila e coautor do libro "Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio".

 O estudantado de Palas foi dos primeiros en exercer o seu dereito a desfrutar dun ben recentemente recuperado para o pobo, admirando o pazo deseñado e promovido por Emilia Pardo Bazán e coñecendo a historia de cómo o ditador e os seus sucesores tentaron consumar unha apropiación ilexítima e ilegal, tal e como confirmou a recente sentenza xudicial. Ademais, puideron admirar algúns dos bens inmóbeis aínda en litixio entre o interese público e os herdeiros do ditador, como as dúas estatuas provenientes do Pórtico da Gloria.

 

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Visita ao Pazo de Meirás

Obradoiro: "A maleta azul dos libros raros"

O 27 de outubro Emma Pedreira visitou a nosa biblioteca para inaugurar o Club de Lectura co obradoiro: "A maleta azul dos libros raros". O alumnado de Oratoria foi o encargado de presentar á recoñecida escritora galega. Todos desfrutamos moito e entedemos que alí onde hai obxectos que conten historias, alí hai libros. Reunirémonos de novo o martes 8 de novembro ás 11 horas no tempo de lecer. Agardámosvos!

 

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Obradoiro: "A maleta azul dos libros raros"

Charla de Francisco Rodríguez

O pasado 20 de outubro recibimos no instituto a Francisco Rodríguez co gallo da publicación do segundo tomo da súa última obra, recentemente publicada: “Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza. A segunda metade do século XIV”.

Francisco Rodríguez é catedrático de educación secundaria (foi un dos primeiros profesores de ensino secundario en dar aulas en galego, en plena ditadura), activista cultural, político e escritor, estando entre os seus obxectos de estudo e preocupación tanto a lingua como a historia medieval do noso País.

Na palestra que impartiu, partillou co alumnado de 2º e 3º da ESO diversos aspectos da historia do Reino de Galiza, e trasladou a relevancia que acadou no seu contexto histórico, así como a importancia de recuperarnos a memoria daquel tempo para construírmos o noso futuro.

 

 

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Charla Francisco Rodríguez

Charlas cívico-tributarias

O pasado xoves 20 de outubro, o alumnado de 2º da ESO, 4º da ESO e FPB, gozamos da visita de María e Majo, dúas traballadoras da Axencia Tributaria ou Facenda de Lugo.

Con elas puidemos reflexionar sobre a impotancia da existencia e o pago de impostos para poder dispoñer de bens e servicios públicos (dos que moitas veces non somos conscientes dos custos reais dos mesmos) así como os diferentes impostos do noso sistema tributario.

Queda tamén aberto o prazo para poder participar no concurso de Facenda sobre este tema e calquer alumno ou alumna do IES pode dirixirse á profesora de Economía para solicitar as bases e participar.

 

Charlas civico tributarias

Plan Dixital

Para acceder ao Plan dixital deste curso prema nesta ligazón: PLAN DIXITAL DO IES DO CAMIÑO

Para descargar o Plan dixital do curso 2022/2023 prema na seguinte ligazón: Plan dixital 2022/2023

Distribuir contido