3ºESO

Análise da variación das temperaturas máxima e mínima en Vigo dende 1962

 

O alumnado de 3º ESO analizou os datos de temperaturas máximas e mínimas rexistradas nas últimas décadas e traballou na folla de cálculo para determinar os cambios ocorridos nese tempo.

Nos arquivos adxuntos poden consultarse algúns dos traballos desenvolvidos.

FICHA 8. HOXE DAMOS A CLASE NÓS

Para esta última sesión, cuxo obxectivo é que o alumnado de 3º da ESO comparta co de 2º da ESO algunha das aprendizaxes acadadas ao longo deste curso, escollemos a ficha 6 “cultivando habilidades” na que se representan situacións de presión de grupo ou de parella, e as respostas da persoa que se sinte presionada.

A levaron a cabo o último día de clase, o 21 de xuño, no salón de actos. A 3º ESO A tocoulle "actuar" fronte a 2º ESO A e B e a 3º ESO B  fronte a 2º ESO C.

Unha vez representadas as distintas situacións, os actores e actrices e os demais compañeiros e compañeiras invitaron ao alumnado de 2º da ESO a participar debatendo sobre cal sería a súa resposta se se visen nalgúns deses casos e cal sería a mellor maneira de resistir e responder dunha maneira asertiva. Como había algo de reticencia a participar o profesorado saíu da sala durantes os últimos minutos para que puideran expresarse sen inhibicións “a porta pechada”.

 

María e Gloria rexeitando "a oferta" de David.

 

Sergio non quere tatuarse o nome de Santiago.

 

Gael non quere facelo porque todos o fagan, pero Kevin insiste.

 

Xoana cóntalle a Carla que o seu mozo non lle quere enviar "fotos".

 

Conversa de whatsapp entre Xoana e o seu mozo Curro.

 

María ten que roubar unha botella de viño se quere entrar na banda de Santiago.

 

Euforia no vestiario. Non é facil dicir que non.

 

Aitana amósalle a Noa ao "Chori", a quen coñeceu polo Insta porque é amigo dunha amiga...

O "Chori" e o seu colega non son moi de fiar!

FICHA 6 DO QUÉROTE+: CULTIVANDO HABILIDADES

Realizada o 6 de xuño 2022 en 3º ESO A e B.

Visionouse a curta sobre o consentimento (ofrecer unha cunca de té). Tod@s quedaron sorprendid@s co xiro final e indicaron que entendían a metáfora, polo que non se xerou debate algún.

O alumnado sentou en círculo e solicitáronse 8 voluntarios para interpretar pequenas escenas.

@s voluntari@s representaron no centro do círculo 4 situacións relacionadas coa presión que pode un@ sufrir por parte da súa contorna de amizades ou parella.

•O voluntario nº 1 presionaba para que o/a compañeir@ fixese algo que non quería facer. 

•O voluntario nº 2 respondeu ás propostas do voluntario nº 1 de forma espontánea. 

O resto do grupo observou e anotou as súas impresións:

1.Que tería feito eu na mesma situación? 

2.Como me faría sentir esta situación? Cómod@? Incómod@? Insegur@? 

3.Cabrearíame? 

4.Preocuparíame a posible reacción da outra persoa si me nego? 

5.Que opinas da situación e de como reaccionou o teu compañeir@? 

De entrada, ante as situacións propostas, tod@s eran conscientes – voluntari@s e espectadores -  que debían resistir á presión e manter un «non». Non entanto, cando entraron no xogo @s compañeir@s espectadores, que coñecían os seus puntos fracos e presionaron incorporando á balanza información persoal, déronse conta de que a resposta «non» xa non era tan tallante e mesmo podía converterse nun «si».

Xerouse un debate durante o cal o alumnado indicou que adoita ser consciente da presión que pode sufrir para facer algo que non queren facer, pero cren que son capaces de enfrontarse a esa presión e manterse firmes na negativa. Algún alumn@ contou algunha situación real similar ás expostas. Con todo, teñen poucos recursos persoais para argumentar esa negativa : limítanse a repetir o «non», chegando ás veces a respostas agresivas cando se lles segue presionando.

O alumnado que facía o papel de «presionador» tiña máis recursos argumentativos que o que tiña que resistir a presión, o cal demostra que si coñecen ese tipo de presións e poden replicalas pero non adoitan estar expostos a respostas asertivas que lles sirvan de modelo para liquidar adecuadamente a situación.

A hora de clase é insuficiente para realizar este tipo de actividade coa profundidade que require, pero resultoulles útil para recoñecer que:

1º si, poden ser vulnerables ante a presión exercida polo seu grupo de amigos ou parella;

2º existe unha brecha entre a teoría que coñecen e levala á práctica adecuadamente;

3º necesitan aprender a ser asertivos para manter o seu criterio sen caer en discusións ou enfados.

Finalmente considero que o profesorado non adoita estar formado para levar a cabo este tipo de actividades, que debería dirixir un/a psicólog@ experto en condutas e a súa modificación.

MªPaz Rodríguez González/ Depto de Francés do CPI Cova Terreña.

 

Representando situacións de presión en 3º ESO B

 

 

 

 

 

FICHA 7 DO QUÉROTE+. ACONCEPCIÓN E CONCEPCIÓN

Os días 27 e 31 de maio, o profesor José Fco. Fernández Sampedro desenvolveu en 3º ESO B e A respectivamente a ficha nº 7 do Quérote+, especialmente a parte da erótica persoal, pois o tema das enfermedades de transmisión sexual foi visto en profundidade na materia de Bioloxía.

Para comezar a traballar esta actividade, en primeiro lugar explicouse o significado dos termos aconcepción e concepción, xa que non todos o tiñan claro. Deseguido, organizouse o alumnado en grupos de 3-4 persoas e pedíuselles que, durante 10 minutos, elaborasen unha listaxe con 10 maneiras diferentes de ter relacións eróticas que non impliquen posibilidade de embarazo. Aínda que, nun principio, houbo quen se mostrou bastante pudoroso ante o tema, axiña se foi desinhibindo e fixo a súa achega. Unha vez elaborada a listaxe, compartiuse en gran grupo e fóronse anotando no encerado. Isto serviu para ver que hai tantas prácticas eróticas como un poida imaxinar e que só a penetración vaxinal implica a posibilidade de embarazo. A continuación, tratáronse os bloques temáticos dedicados á prevención (infeccións de transmisión sexual e embarazos non planificados). Para rematar, visualizouse un vídeo realizado polos Centros Quérote+ sobre como evitar as ITS.

A temática tratada nesta sesión tivo unha moi boa acollida por parte do alumnado, todos se mostraron moi participativos, e serviu para contribuír ao coñecemento da erótica persoal e potenciar o uso do preservativo como método de protección ante os embarazos non planificados e as ITS.

ORIENTACIÓN DEPORTIVA

Bos días:

Hoxe o alumnado de 3º da ESO disputou unha carreira de orientación nos arredores do curro da Valga (Loureza, Oia). Neste evento por parellas, os participantes tiñan que buscar no terreo as balizas coa axuda dun mapa e un compás.

Agradecemos a colaboración da comunidade de montes de Loureza, que cedeunos o espazo. Tamén agradecemos a colaboración das profesoras María Zapatero e Patricia Blanco.

Esta actividade forma parte do PVAD e o programa EduSaúde.

 

5ª FICHA DO QUÉROTE+: A RELACIÓN DOS SEXOS A TRAVÉS DA TECNOLOXÍA

O día 7 de abril, nas sesións lectivas de Lingua castelá e Literatura, María José Torres Rodríguez implementou, nos dous grupos de 3º ESO, a ficha 5, titulada "A relación dos sexos a través da tecnoloxía". Ao noso alumnado, nativo dixital, propuxéronselle, para empezar, unha serie de situacións na rede que demostraban comportamentos irresponsables e irreflexivos. Comentamos a distinta maneira de actuar na convivencia física e na virtual, é dicir, a existencia de normas socias diferentes nun foro e noutro. A colación disto, facilitóuselle ao alumnado en papel o documento "Netiqueta Joven para Redes sociales" e comentamos todos os seus puntos, ao mesmo tempo que os rapaces aportaban experiencias propias  e alleas. Despois vimos o vídeo "WhatsApp" e interpretárono dun xeito crítico. Para rematar a sesión, os alumnos/as, de modo anónimo, plantexaron as súas dúbidas.

 

Vendo o vídeo en 3º ESO A

En 3º ESO B

FICHA 4 DO QUÉROTE+: O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO

O día 1 de abril María Pérez Camiña desenvolveu esta 4ª ficha do Quérote+ cos dous grupos: 3º ESO A e B.

Para abordar o tema do modelo de amor romántico, primeiro fixemos a actividade do semáforo. Nela os alumnos tiñan que crear cada un o seu propio semáforo con cores para expresar despois se as afirmacións da profesora lles parecían verdadeiras ou falsas, erguendo cada alumno o semáforo vermello ou verde e así facilitando a evolución da actividade, tal e como se observa nas fotografías. Deste modo, puidemos comezar un debate aberto sobre o tema, no que eles puideran expresarse libremente. Tamén definiron o amor e o enamoramento.

Despois visionamos as curtametraxes de Cima mulleres cineastas “Atopa o verdadeiro amor” e as comentamos de maneira libre e aberta. 

A acollida foi moi boa, o tema resultoulles interesante, e outra hora para tratalo non sería mal recibida, xa que case non deu tempo a rematar nin a profundizar.  

Ao rematar a actividade varias alumnas achegáronse para comentar que lles gustara moito. 

Manifestaron ademáis a urxencia de ter as respostas ás preguntas formuladas nas sesións anteriores.

Imaxe da sesión en 3º ESO A

Imaxe da sesión en 3º ESO B

 

QUÉROTE+: A ORIENTACIÓN DO DESEXO E A IDENTIDADE SEXUAL

Os pasados 22 e 23 de febreiro desenvolvemos a terceira das fichas do plan proxecta Quérote+, en 3º ESO B e A respectivamente.

Esta ficha leva por título "A orientación do desexo e a identidade sexual".

O alumnado visualizou dous vídeos:

-   Un extracto da reportaxe de Documentos TV “O sexo sentido”, sobre identidade sexual.

-   Un pequeno vídeo sobre a bisexualidade.

A través duns pequenos cuestionarios, os alumnos e alumnas reflexionaron individualmente sobre esta información, tras o cal, levamos a cabo unha posta en común sobre os dous temas tratados.

Foi unha sesión moi interesante, xa que se manifestaron actitudes moi positivas de empatía e respecto cara ás distintas identidades e orientacións sexuais.

Imaxes desta sesión nas aulas de 3º ESO A e B:

PLANTANDO ÁRBORES CON PINCEIS

Bos días:

Continuamos deseñando o noso patio como un lugar acolledor e atractivo no que todo o mundo ten cabida.

Nesta ocasión botounos unha man o departamento de plástica. O proxecto "plantando árbores con pinceis" ten como lema a reforestación e o coidado do medio ambiente. O alumnado de 3º da ESO coa axuda da profesora e un artista vsitante fixeron un mural no porche de entrada ao centro.

CHARLA CON MARTÍN DE LA PUENTE

Bos días:

Hoxe o alumnado de 3º da ESO entrevistou ao deportista Martín de la Puente. Entre os seus logros destaca a súa presenza nas dúas últimas olimpiadas: Río 2016 e Tokio 2020.

Martín falounos da súa disciplina: o tenis en cadeira de rodas; como foron os seus inicios; como decidiu facerse profesional; as horas que adica ao día a adestrar, os estudos que cursa; quenes son os seus amigos no circuito...

Este é o segundo ano que escoitamos as inspiradoras palabras de este extraordinario deportista, un exemplo de superación e traballo.

Esta charla forma parte de diferentes proxectos de centro: Inclue-T, PVAD (proxecto de vida activa e deportiva) e EduSaúde.

11F: Escoitamos ás científicas

Hoxe, 11 de febreiro de 2022, celebrouse o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

No noso centro estanse a desenvolver estes días distintas actividades encadradas nesta conmemoración. Entre elas, e en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e Innovación da Universidade de Vigo, o alumado de 3º ESO contou, o pasado mércores 2 de febreiro, coa presenza de Elsa Vázquez, catedrática de Zooloxía e investigadora do grupo de Ecoloxía e Zooloxía da Universidade de Vigo. A charla desta científica de primeiro nivel versou sobre:

“Efecto do cambio global no marisqueo a pé e a perspectiva de xénero”

Elsa Vázquez é unha das 5 catedráticas de Zooloxía que existen en España, fronte a 73 homes catedráticos. Por iso, quixo invitar ás nenas que a escoitaban a seguir a súa vocación científica ou técnica, se ese é o seu desexo, non deixándose presionar pola inercia da sociedade, que as sitúa noutro tipo de profesións, e animándoas a que se sintan tan preparadas e válidas coma calquera home.

Elsa explicounos a investigación que desenvolve xunto co seu equipo da UVigo no campo do marisqueo a pé e a repercusión que teñen as consecuencias do cambio climático neste sector, maioritariamente formado por mulleres.

Efectos do cambio global coma as ondas de calor ou as precipitacións torrenciais xeran danos nos ecosistemas onde viven os moluscos de maior interese marisqueiro.

Estas precipitacións torrenciais provocan un exceso de auga doce nas zonas de marisqueo e, polo tanto, un descenso da salinidade, chegando a producir mortalidades masivas das especies de marisqueo autóctonas, como as ameixas fina e babosa ou o berberecho.

O dano non é só ecolóxico, senón tamén económico, xa que este importante sector para Galicia produce uns 45 millóns de euros ao ano, polo que, o cambio global produce grandes perdas económicas e un aumento do desemprego neste colectivo feminino.

Elsa contounos como ela e o seu equipo levan a cabo os estudos de crecemento e mortalidade destas especies nos propios bancos de marisqueo nas rías galegas, verificando este efecto negativo local debido a un fenómeno global como é o cambio climático.

Esta charla encadrouse dentro da Iniciativa 11 de febrero, unha iniciativa a nivel nacional que, con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, promove actividades actividades nos centros educativos que axuden a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico.

OBRADOIRO E 2ª FICHA DO QUÉROTE+

OBRADOIRO DE EDUCACIÓN SEXUAL. QUÉROTE+

O día 21 de decembro tivo lugar este obradoiro sobre educación sexual a cargo de Sonia Morán, do Quérote+, no salón de actos cos dous grupos de 3º ESO, A e B.

Ao longo destas dúas sesións “a porta pechada” (de ahí que non haxa fotos), e nun ambiente distendido que Sonia é quen de crear coa rapazada, os alumnos e alumnas sentíronse libres para formularlle as dúbidas sobre sexualidade que lle foron xurdindo durante a charla.

 

2ª FICHA DO QUÉROTE+: A EDUCACIÓN SEXUAL.

Continuamos co programa do plan proxecta, esta vez coa ficha 2 a cargo de David Piñeiro, en 3º ESO A e B o día 14 de xaneiro.

 Comezou a sesión coa visualización dalgúns dos vídeos propostos polo programa. A partir dos vídeos xerouse o debate na aula, tras o cal, todos e todas puxeron por escrito, e de forma anónima, as preguntas sobre calquera dos aspectos relacionados co sexo e a sexualidade que desexan lles sexan aclaradas ao longo do programa. As introduciron nunha caixa de correo e David as clasificou nas seguintes temáticas:

- ETS

- Prácticas sexuais

- Métodos anticonceptivos

- Educación sexual

Ao longo das seguintes fichas os distintos profesores e profesoras tentaremos dar resposta a estas preguntas. Para as máis “difíciles” pedirémoslle axuda ao persoal do Quérote+.

                 

Vendo o vídeo en 3º ESO A.                                    En 3º ESO B.

Charla inicial Quérot+

O pasado 20 de decembro iniciamos as actividades do Plan Proxecta Quérote+ do curso 2021/22 cun obradoiro de introdución.

O obxectivo era presentar o programa, mais tamén se trataron temas como a idoneidade das distintas fontes de información sobre as relacións sexuais e a hixiene, como poden ser as películas, os foros de internet ou mesmo os anuncios publicitarios.

Ademais de falar dos distintos servizos cos que conta o programa, tamén probamos o sistema de resolución de dúbidas que ten a páxina web do Quérote+.

Charla de Cristina Fernández Piñeiro

A arbitraxe deportiva é un labor difícil e ás veces ingrato. Moita xente pensa que pode gritar, insultar e mesmo agredir a alguén polo feito de regular un xogo segundo unhas normas prescritas. Se a isto lle engadimos que quen arbitra é unha muller xérase unha mestura explosiva.

O xoves visitounos no centro escolar Cristina Fernández Piñeiro, quen fora árbitra internacional de balonmán. Esta muller foi pionera na arbitraxe feminina no balonmán internacional masculino e feminino. Desempeñou labores de delegada para a federación deste deporte dende o 2017 ata o 2020. Aí seguiu constatando a pervivencia de profundos prexuízos e reticencias cara as mulleres e seguiunos denunciando, feito polo que foi cesada do seu posto na Real Federación Española de Balonmán, ao convertirse nunha voz incómoda e reivindicativa.

Contounos o difícil camiño que tivo que facer neste deporte polo simple feito de ser muller. As trabas que tivo que superar nun mundo dominado polo xénero masculino, que se resiste á entrada das mulleres a pesar das repetidas mostras dunha competencia que supera ás veces a moitos dos homes.

O abandono da alta competición deixou un oco no que ningunha muller tomou relevo. As razóns son moitas e variadas, pero todo radica nuns prexuízos que parece que aínda non somos capaces de superar: o rexeitamento do traballo das mulleres nun terreo dominado polos homes polo simple feito de ser muller.

Esta charla forma parte tamén dos programas Inclue-T, EduSaúde e PVAD.

https://www.balonmanoveteranos.com/homenajes-merecidos-5/

https://www.balonmanoveteranos.com/homenajes-merecidos-5/

 

CHARLA-COLOQUIO SOBRE NUTRICIÓN EN 3º ESO

CHARLA SOBRE DIETÉTICA E NUTRICIÓN A CARGO DA DRA. AMIL LÓPEZ VIÉITEZ

 

O pasado venres 5 de novembro o alumnado de 3º ESO contou coa presenza de Amil López Viéitez, Dra. en Farmacia, dietista e nutricionista, e especialista, entre outras, en nutrición deportiva.

Amil, cunha charla amena e moi cercana á realidade do alumnado, falou da importancia da dieta na súa saúde actual e futura, tanto física coma mental. Pero ademais, estableceu un diálogo coa rapazada, no que xurdiron dúbidas moi interesantes coma: é malo o pan de molde? Se como moito, por que non engordo? É peor o azucre ou a graxa?

 

 O alumnado de 3º ESO A atento ás palabras de Amil.

 

Amil respondeu a esta e a outras moitas preguntas, e fíxolles reflexionar sobre a importancia de realizar 5 comidas diarias, de non abusar dos azucres, e dos hidratos de carbono en xeral, e de tratar de combinalos sempre cun pouco de proteína (xamón, ovos, lácteos, froitos secos...) para equilibrar a produción de dúas hormonas clave no noso metabolismo: a insulina e o glucagón, ambas segregadas polo páncreas.

Cando a produción destas hormonas desequilíbrase poden producirse baixóns de azucre en sangue, o que condúcenos a baixadas de enerxía, desmaios, mal humor ou falta de concentración.

Ademais, este exceso de enerxía en forma de glicosa que entra nas nosas células, será gardada polo noso corpo en forma de acúmulos de graxa en distintas partes do corpo, incluídas as nosas arterias.

Falounos do enorme poder adictivo do azucre, que activa zonas do noso cerebro encargadas da sensación de recompensa, de modo similar ás drogas.

Se queremos desintoxicarnos do azucre, debemos reducir aos poucos a cantidade ata saber gozar do sabor natural dos alimentos.

Debemos tamén evitar os ultraprocesados (marmeladas, galletas e mesmo salsas ou conservas) nos cales o azucre engadido úsase unicamente para realzar o sabor.

Outro truco é acompañar cada inxesta dalgún alimento que conteña azucres, coa inxesta tamén de proteínas, que axudarán a equilibrar as hormonas encargadas de regular os niveis de azucre en sangue.

 

 

 

A charla-coloquio en 3º ESO B.

 

Esta actividade forma parte do Proxecto Edusaúde do noso Centro, e está organizada conxuntamente polos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e de Educación Física.

 

 

 

 

 

 

QUEREMOS MÁIS!

Ao longo deste curso 2020-2021 desenvolveuse o plan proxecta Quérote+ no CPI Cova Terreña nos grupos de 3º ESO A, B e C.

Ademais das 8 fichas do programa, leváronse a cabo dous obradoiros sobre educación sexual, un dirixido aos alumnos e outro ás familias, ambos impartidos por Sonia Morán, do Quérote+.

O programa tivo unha moi boa acollida entre o alumnado, segundo as súas propias opinións na avaliación final. 

Nas distintas fichas houbo ocasión para formular as súas dúbidas, e que moitas delas foran resoltas nese momento, ou en fichas posteriores.

Finalmente, traballaron en equipos profundando nos seus coñecementos sobre os métodos anticonceptivos e a transmisión das ETS, xa que tiveron que interiorizalos o suficiente como para presentarllos aos seus compañeiros de 2º ESO nunha xornada de exposicións en forma de campaña de prevención, que tivo lugar no salón de actos do centro.

Para darlle unha maior relevancia, os carteis desta campaña preventiva, cos seus slogans e información, foron expostos durante 10 días na Feira da Ciencia do centro. A esta acudiu toda a comunidade educativa, dende os nenos e nenas de infantil, pasando por todos os cursos de primaria e secundaria, e, incluso, con dúas xornadas de portas abertas a aquelas familias que quixeron asistir.

 

FICHA 1. PRESENTACIÓN DO RECURSO QUÉROTE+. Iria Chapela Malvido. Decembro 2020.

Info xa publicada nesta páxina web. Ligazón: https://www.edu.xunta.gal/centros/cpicovaterrena/node/2248 

 

OBRADOIRO PARA FAMILIAS SOBRE EDUCACIÓN SEXUAL. Sonia Morán (Quérote+). Decembro 2020.

Neste obradoiro, levado a cabo por videoconferencia, as familias debateron amplamente sobre o seu papel na educación sexual dos seus/súas fillos/as adolescentes. Falouse da mellor maneira de abordar con eles/as estes temas sen invadir a súa intimidade, deixando claro que poden contar co noso apoio cando o precisen, pero sen impoñerlles esta comunicación. Tamén se falou dos contidos dos videoxogos e do acceso á pornografía co que contan os/as nosos/as fillos/as.

 

OBRADOIRO PARA ALUMNADO. EDUCACIÓN SEXUAL. Sonia Morán (Quérote+). Decembro 2020.

Nesta sesión o alumnado participou activamente, realizándolle preguntas á Sonia relacionadas con temas como o aborto, os métodos anticonceptivos e os contactos sexuais, entre outros.

 

Imaxes da xornada con Sonia Morán do Quérote+

 

FICHA 2. A EDUCACIÓN SEXUAL . María Isabel Domínguez Sanjuán. Xaneiro 2021.

Nesta sesión con Beli, tras visualizar a curtametraxe “Trapped” sobre embarazos non desexados abriuse un debate sobre o tema. As dúbidas do alumnado recolléronse nunha caixa de correos, sendo logo clasificadas nos temas: métodos anticonceptivos, ETS e outros, e foron resoltas as máis frecuentes.

 

Imaxes desta xornada nos tres grupos de 3º ESO. 

 

 

FICHA 3. A ORIENTACIÓN DO DESEXO E A IDENTIDADE SEXUAL. Sonia Morán Prieto (Quérote+). Xaneiro 2021.

Sonia Morán mantivo co alumnado dos tres grupos un diálogo aberto sobre diversidade sexual, identidade sexual e orientación sexual. Fíxolles reflexionar sobre o absurdo de coartar os dereitos doutras persoas cando non afectan aos nosos, e sobre o difícil que o teñen aquelas persoas que teñen unha orientación sexual distinta a da media, debido ás reaccións gratuítas do resto da sociedade. Sonia tamén deu resposta a moitas das preguntas que fixera o alumnado na ficha anterior de forma anónima. Preguntas sobre a masturbación, métodos anticonceptivos (píldora do día despois), sobre o aborto sendo menor de idade ou a adopción, entre outras.

 

FICHA 4. O MODELO DE AMOR ROMÁNTICO. Gonzalo García Fortes (3ºA e B). María José Torres (3ºC). Febreiro 2021.

Tanto nesta ficha como na seguinte, os dous docentes do ámbito lingüístico, María José e Gonzalo, traballaron coordinadamente na planificación e preparación destas actividades.

Ligazón á publicación nesta páxina web da sesión con 3º ESO A e B: https://www.edu.xunta.gal/centros/cpicovaterrena/node/2369           

En 3º C tamén proxectouse o vídeo A orde das cousas. A actividade gustoulles e lles fixo reflexionar. Deixaron estas reflexións e dúbidas por escrito. Entre elas, por que as mulleres non denuncian? Que debemos facer se sabemos dun caso de violencia de xénero? Por que se fala só do maltrato cara as mulleres?

Imaxes da ficha 4 en 3º ESO C

 

FICHA 5. A RELACIÓN DOS SEXOS A TRAVÉS DA TECNOLOXÍA. Gonzalo García Fortes (3ºA e B). María José Torres (3ºC). Abril 2021.

Ligazón á publicación nesta páxina web da sesión con 3º ESO A e B: https://www.edu.xunta.gal/centros/cpicovaterrena/node/2383           

 

En 3º C os/as alumnos/as comentaron que vían moi útil esta actividade no mundo no que vivimos e que lles gustara tela levado a cabo. Tamén deixaron as súas preguntas, experiencias e reflexións anónimas. Nestas expresan a súa preocupación polos casos de acoso nas redes, especialmente de homes a mulleres, e preguntan sobre as consecuencias legais destas condutas.

Ficha 5 en 3º ESO C

 

FICHA 6. CULTIVANDO HABILIDADES. Begoña Baltar, Mª Isabel Domínguez, Laura Cal. Maio, Xuño 2021.

Os/as alumnos/as representaron, en parellas, as situacións de presión social suxeridas polo programa: presión para manter relacións sexuais, consumir alcohol, facerse unha tatuaxe co nome da parella ou ir á moda, aínda en contra da propia vontade. 

Os/as alumnos/as participaron moi activamente, representando dun xeito moi realista os dous papeis: o/a que presionaba empregou os típicos argumentos: “o vas pasar moi ben”, “vas quedar fora do grupo”… e os/as “presionados/as foron moi firmes nas súas negativas. No caso da presión para ter relacións sexuais, primeiro a representaron un chico presionando a unha chica. Logo cambiáronse os roles e púxose de manifesto que todas/os tiñan asumido que nestas situacións a presión é habitualmente exercida polos homes cara ás mulleres.

Foi unha actividade na que houbo moitas risas e diversión, pero tamén reflexión, xa que logo comentáronse as situacións, que lles pareceron bastante aproximadas a realidade. Pero puntualizaron que na realidade moitas veces a presión non é tan explícita, senón que un mesmo se autopresiona para sentirse integrado no grupo, facendo cousas que en principio preferiría non facer.

 

FICHA 7. ACONCEPCIÓN E CONCEPCIÓN. Laura Cal Delgado (3º C). María Zapatero Artacho (3º A e B). Abril 2021.

 

Estas dúas últimas fichas, 7 e 8, desenvolvéronse integradas no estudo dos aparellos reprodutivos do currículo de Bioloxía e Xeoloxía. Iniciouse cun traballo cooperativo no que os equipos ían mencionando prácticas eróticas que non implicasen posibilidade de embarazo. Ao rematar, escribíronse estas no encerado, pudendo comprobar como existen múltiples maneiras de ter contactos sexuais e só unha que implique risco de embarazo. Foron sesións nas que o alumnado participou moi activamente, e nas que se puido observar a diferente forma de expresarse nestes temas entre os alumnos e as alumnas, así como a influencia que neles ten a pornografía, e polo tanto, púxose de manifesto a necesidade destes programas.

 

 

FICHA 8. HOXE DAMOS A CLASE NÓS. Laura Cal Delgado (3º C). María Zapatero Artacho (3º A e B). Gonzalo García Fortes (3º A e B) e María José Torres (3º C). Maio 2021

 

Os/as alumnos/as de 3º ESO presentaron ante os/as seus/súas compañeiros/as de 2º ESO unha CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN E PREVENCIÓN DOS EMBARAZOS NON PLANIFICADOS E DAS ENFERMIDADES DE TRANSMISIÓN SEXUAL (ETS). Esta foi desenvolta en formato póster: un sobre os métodos anticonceptivos, e outro sobre as ETS. Traballaron por equipos na aula e virtualmente. 

 

O alumnado traballou primeiro na elaboración de documentos escritos sobre os métodos anticonceptivos e as ETS, logo na elaboración dos pósters informativos e na elección dos slogans cos profesores de Lingua galega e literatura, e, por último, na presentación destas campañas informativas e de prevención ante os alumnos de 2º ESO. 

Cada equipo explicou aos seus compañeiros unha parte do traballado sobre anticoncepción e prevención da transmisión de ETS, turnándose no Salón de Actos para cumprir en todo momento co Protocolo Anticovid do Centro.

 

Imaxes das exposicións ante os alumnos de 2º ESO, por equipos:

 

 

 

Para darlle unha maior visibilidade a estas campañas de prevención, escolléronse os mellores carteis elaborados e expuxéronse na semana da ciencia do centro, que tivo lugar entre os días 31/05/21 e 10/06/21. Esta exposición foi visitada por todo o alumnado do centro: infantil, primaria e secundaria, así como polas familias que puideron achegarse, sempre respectando o aforo e demais medidas anticovid.

Achégase ligazón da publicación no Faro de Vigo deste evento:

https://www.farodevigo.es/comarcas/2021/06/10/semana-da-ciencia-cova-terrena-52819257.html

 

 

 

ARQUITECTURA CON ÉTICA. MAQUETAS.

O alumnado de Valores Éticos de 3º ESO rematou a súas maquetas, nas que traballaron ao longo do terceiro trimestre. Eis o resultado. 

3º ESO-A

 

3º ESO-B

 

 Como sempre, felicidades a ambos os dous grupos polo seu traballo. 

STREET POEMS. AUDIOLIBRO.

Novamente o alumnado de 3º ESO deu mostras para sentirme moi orgulloso deles e delas. Durante este último trimestre estivemos traballando a obra Street poems, de Fran Alonso. Trátase dun libro que deixa ás claras as grandes posibilidades que ofrece o graffiti como recurso didáctico e, neste caso, como elemento vertebrador do xénero poético.

Podedes gozar do resultado final accendo ao arquivo adxunto.

Moitísimos parabéns, grupo!

 

Whatsappeando con Xente de Ciencia!

A Semana da Ciencia contou cunha campaña promocional orixinal: o alumnado de 3º da ESO de Matemáticas Académicas elaborou unhas conversas ficticias de Whatsapp con distintos personaxes relevantes do campo da Ciencia. Nelas, convidávanos a asistir ao noso evento (por suposto, todas as respostas foron afirmativas!).

 

Os personaxes convidados contaban asimesmo cun póster que resume a súa vida e achegas á Ciencia. Porque é importante coñecer e valorar ás persoas que hai detrás de cada avance científico, incluíronse os seguintes convidados e convidadas: Pitágoras, Margaret Hamilton, Galileo Galilei, Alan Turing, Rosalind Franklin, Arquímedes, Isaac Newton, Mileva Mariç, Carl Gauss, Ferdinand von Zeppelin e Albert Einstein.

 

Mosaicos en GeoGebra para a Semana da Ciencia

O alumnado de 3º de ESO de Matemáticas Académicas traballou os movementos no plano dun xeito diferente, que integra a Arte coas TIC: empregamos o programa GeoGebra para construír un mosaico.

Partindo dunha figura sinxela, transformárona mediante simetrías e rotacións, e propagárona con movementos de traslación segundo un vector. Por último, uns toques de cor e imaxinación pecharon o proceso.

As súas creacións serviron para crear uns marcapáxinas cos que agasallar aos visitantes da nosa Semana da Ciencia. Un recordo orixinal que nos demostra que as Matemáticas e a Arte están máis preto do que moitas veces imaxinamos!

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031