11F: Escoitamos ás científicas

Hoxe, 11 de febreiro de 2022, celebrouse o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.

No noso centro estanse a desenvolver estes días distintas actividades encadradas nesta conmemoración. Entre elas, e en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e Innovación da Universidade de Vigo, o alumado de 3º ESO contou, o pasado mércores 2 de febreiro, coa presenza de Elsa Vázquez, catedrática de Zooloxía e investigadora do grupo de Ecoloxía e Zooloxía da Universidade de Vigo. A charla desta científica de primeiro nivel versou sobre:

“Efecto do cambio global no marisqueo a pé e a perspectiva de xénero”

Elsa Vázquez é unha das 5 catedráticas de Zooloxía que existen en España, fronte a 73 homes catedráticos. Por iso, quixo invitar ás nenas que a escoitaban a seguir a súa vocación científica ou técnica, se ese é o seu desexo, non deixándose presionar pola inercia da sociedade, que as sitúa noutro tipo de profesións, e animándoas a que se sintan tan preparadas e válidas coma calquera home.

Elsa explicounos a investigación que desenvolve xunto co seu equipo da UVigo no campo do marisqueo a pé e a repercusión que teñen as consecuencias do cambio climático neste sector, maioritariamente formado por mulleres.

Efectos do cambio global coma as ondas de calor ou as precipitacións torrenciais xeran danos nos ecosistemas onde viven os moluscos de maior interese marisqueiro.

Estas precipitacións torrenciais provocan un exceso de auga doce nas zonas de marisqueo e, polo tanto, un descenso da salinidade, chegando a producir mortalidades masivas das especies de marisqueo autóctonas, como as ameixas fina e babosa ou o berberecho.

O dano non é só ecolóxico, senón tamén económico, xa que este importante sector para Galicia produce uns 45 millóns de euros ao ano, polo que, o cambio global produce grandes perdas económicas e un aumento do desemprego neste colectivo feminino.

Elsa contounos como ela e o seu equipo levan a cabo os estudos de crecemento e mortalidade destas especies nos propios bancos de marisqueo nas rías galegas, verificando este efecto negativo local debido a un fenómeno global como é o cambio climático.

Esta charla encadrouse dentro da Iniciativa 11 de febrero, unha iniciativa a nivel nacional que, con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, promove actividades actividades nos centros educativos que axuden a visibilizar o traballo das científicas, a crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a tecnoloxía, e que promovan prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico-tecnolóxico.

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031