Xeral

Exposición de libros sobre Nadal

O Nadal é tempo de ledicia, de desfrute coa familia e ... cos libros! Por iso o equipo de biblioteca organizou unha exposición con libros que falan desta época da ano. Coma sempre, o obxectivo é o fomento da lectura, poñendo a disposición recursos que dean atención ás distintas necesidades educativas. Así mesmo, hai exemplares destinados a todas as etapas educativas, que poden ser collidos en préstamo.

O noso centro recibe a medalla de ouro do Concello de Baiona

O xoves 14 de decembro o CPI de Cova Terreña recibiu a medalla de ouro do Excmo. Concello de Baiona nun acto institucional, ao mesmo tempo que emotivo, que se celebrou na praza do concello, a cal se quedou pequena para acoller a todas as persoas vencelladas ao centro que se sumaron ao evento. 

O noso centro foi recoñecido con este galardón, o de maior rango posible, pola súa actividade educativa, social e cultural ao longo dos seus 50 anos de vida.

 

No acto fíxose referencia a como "vive" o centro o alumnado a través das palabras de Leo Álvarez, representante no Consello Escolar e alumno de 2º ESO.

A concelleira de Educación deu lectura á "meritoria" presentada pola anterior corporación que motivou a concesión da devandita medalla. O concelleiro de Cultura certificou o outorgamento do galardón ao centro que lle foi entregado á directora, Dna. Isabel Martínez Cabaleiro, de mans do actual alcalde, D. Jesús Vázquez Almuíña.

No acto estiveron presentes o xefe territorial de Educación, D. César Pérez Ares, o inspector do centro, D. Gustavo Lorenzo Prozzo, a corporación municipal, ex-directores, membros do Consello escolar e representantes da ANPA, aos que se sumaron centos de baioneses e baionesas.

Ao longo da tarde visualizáronse fotografías históricas do centro, proxectouse o vídeo elaborado polo 50 aniversario e puidemos gozar da música do coro xuvenil e conxunto instrumental do centro ao que se sumou o alumnado de 5º e 6º Ed. Primaria, concluíndo con panxoliñas unha tarde memorable. 

Recomendacións de lectura de Nadal

O equipo de biblioteca preparou unha guía de recomendacións de lecturas para este Nadal, organizada por niveis educativos. O seu obxectivo é achegar diferentes novidades literarias para fomentar a lectura entre a rapazada. Agardamos que a escolla de libros realizada guste tanto a grandes coma a pequenos.

 

Acto de entrega da Medalla de Ouro ao centro educativo

Este xoves 14 de decembro, ás 19:30h, terá lugar o acto de entrega da Medalla de Ouro ao centro educativo, acto ao que convidamos a participar a toda a comunidade educativa.

O acto celebrarase na praza do concello e a continuación actuará o coro xuvenil.

Chocolatada da ANPA antes da ponte da Constitución

Este martes 5 convidáronnos a chocolate quente a todo o alumnado, mesmo con rosca para os máis cativos. O alumnado de Ed. Primaria e ESO puideron degustar as rosquillas e madalenas que vendía o alumnado de 4ºESO para financiar a súa viaxe de fin de etapa.

É unha sorte para un centro contar cunha ANPA tan colaborativa e implicada.

Lectura compartida

O alumnado do centro ao completo xuntouse o pasado 23 de novembro para celebrar a primeira lectura compartida do curso. Nela, nenos e nenas de todas as idades se emparellaron para achegarse aos libros escollidos, nesta ocasión, polas madriñas e padriños. A resposta foi, por parte de todos, excepcionalmente positiva.

Programa "Que non te líen, ti elixes"

O pasado 25 de outubro, o noso alumnado de 3º e 4º de ESO participou no Programa “Que no te líen, ti elixes” co principal obxectivo de favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos na elección de itinerarios formativos enfocados nos ciclos de formación profesional con menor presenza de mulleres.

O alumnado gozou dun obradoiro moi aplicado, combinando actividades teóricas e prácticas, e onde tiveron a oportunidade de coñecer e charlar un tempo con Lidia González, patroa de altura, piloto da mariña mercante e capitá de pesca, e así coñecer a súa formación e experiencia e consultar todos as súas dúbidas e curiosidades.

Programacións didácticas ESO - Curso 2023/24

Nos documentos adxuntos amósanse as programacións didácticas do curso 2023/24 de Educación Secundaria.

Simulacro de evacuación 2023

Vimos de celebrar o simulacro de evacuación do CPI de Cova Terreña.

Nun centro ao que asisten 451 alumnos e alumnas, 51 profesores e profesoras e 8 persoas do persoal de servizos, é máis que necesario estar preparados para calquera incidencia, ademais de dar cumprimento á normativa vixente.

En 3 minutos todas as persoas tiñan abandonado o recinto escolar en orde e seguindo as directrices fixadas polo plan de autoprotección e evacuación.

Nesta ocasión puidemos contar coa colaboración da Policía Local e do GES, quen pese aos limitados recursos persoais de que dispoñen atenderon ao noso alumnado. Moitas grazas!!!

ANPA: Actividades extraescolares

A ANPA oferta un ano máis actividades extraescolares para o alumnado do centro e de todos os centros de Baiona.

A proposta inicial pode verse no documento adxunto. Súmanse novas ofertas de actividades:

XIMNASIA RITMICA: mércores, 15.50-16.50, 20€

ZUMBA: martes, 15.50-16.50, 20€

 

ANPA: Comedor escolar

A xestión do menú escolar está a cargo da ANPA quen confía a execución do servizo a ARUME.

Para a contratación do servizo deben porse en contacto coa empresa a través de 

  • APP COLECHEF (código do centro ESKRL0MH19)
  • info@arumeservicios.es
  • Teléfono 607 634 413

 

 

Ferramentas dixitais útiles en lingua galega

Eis algunhas das ferramentas e recursos dixitais máis útiles en lingua galega (e portuguesa):

Dicionario Digalego

O dicionario máis completo da lingua galega con máis de 65.000 entradas, etimoloxías, traducións a varias linguas e conxugador de verbos [Consellería de Educación].

Dicionario de dicionarios

Dicionario que recolle máis de 390.000 palabras e acepcións dos dicionarios históricos da lingua galega dos séculos XIX e XX [Instituto da Lingua Galega, ILG e Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo].

Tradutor Gaio

Tradutor moi eficiente na versión galego-castelán e castelán-galego, menos rendíbel na tradución en portugués [Secretaría Xeral de Política Lingüística].

Enciclopedia Galega Universal (EGU)

Enciclopedia en lingua galega de carácter universal, en proceso de actualización [Consellería de Educación].

Dicionario da Real Academia Galega (RAG)

Dicionario que recolle preto de 60.000 artigos lexicográficos e os seus significados.

Dicionario Priberam (DPLP)

Dicionario do portugués contemporáneo que inclúe máis de 164.000 entradas e que integra as normas portuguesa e brasileira, segundo o Acordo Ortográfico de 1990.

 

 

III Semana da Ciencia

A III Semana da Ciencia acolleu este ano proxectos de Ed.Primaria e Secundaria, aproximándose a temas de enerxía e medio ambiente, como as maquetas de enerxías renovables e da vila sostible. As novas tecnoloxías estiveron tamén moi presentes,  como a cortadora láser e a impresora 3D, que non pararon de traballar ao longo da exposición.

Outras achegas foron as maquetas realizadas polo alumnado de robótica de 4º e 6º de Ed.Primaria ou as maquetas explicativas dos mecanismos de dispersión das sementes.

A xornada de portas abertas para as familias tivo un éxito tal que houbo que ampliala para dar cabida a todos os visitantes.

Os riscos de TikTok nos menores de idade

O acceso ás redes sociais por parte de menores sen supervisión dun adulto e unha situación que está a acontecer e que entraña os seus riscos.

Dende o centro queremos chamar a atención sobre este feito e achegamos un cartaz sobre os riscos de TikTok.

Fantástico concerto do Coro do CPI de Cova Terreña para conmemorar o Día das Letras Galegas

O Coro do CPI de Cova Terreña volveu deleitarnos novamente nunha fantástica xornada en que non faltaron referencias ao 50 aniversario do noso centro e mais a homenaxe a Francisco Fernández del Riego, conmemorando o Día das Letras Galegas.

No acto, presentado por Emma G. e Omar L., o alumnado de 5º e 6º de Primaria leu uns textos alusivos ao 50 aniversario do noso centro, valorando as contribucións dos diversos equipos directivos, docentes, nais e pais e, por suposto, o alumnado que ao longo destes anos contribuíu a crear unha comunidade educativa clave no progreso da vila de Baiona para darlle paso ao vídeo conmemorativo polo 50 aniversario do centro.

Posteriormente, o alumnado de 1º de ESO leu textos referidos á vida e obra de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, antes de dar paso ao concerto do noso Coro, dirixido polo profesor David Piñeiro, cuxo programa de concerto estaba dividido en dúas partes: a primeira cunha homenaxe ás grandes bandas do rock e do pop, como The Beatles, Metallica ou U2; e unha segunda parte con poemas musicados de Álvaro Cunqueiro, Berrogüetto, Manuel Alegre e Curros Enríquez.

 

 

 

 

Celebración dos maios e do Día das Letras Galegas

A comunidade educativa do CPI de Cova Terreña súmase á celebración dos maios e do Día das Letras Galegas

Este 16 de maio, xornada previa á celebración do Día das Letras Galegas, toda a comunidade educativa do noso centro axuntouse no patio norte para celebrar dous eventos importantes. Por unha banda, a festa dos maios, compostos e adornados polo alumnado de Primaria, e pola outra, a homenaxe á figura de Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado neste ano na Festa das Letras, máximo impulsor desta celebración e de proxectos tan senlleiros como a Editorial Galaxia e a Casa Galega da Cultura (Fundación Penzol).

Para conmemorar os maios, o alumnado de 5º e 6º de Primaria leu e recitou diversas coplas, mentres que na homenaxe a Francisco Fernández del Riego foi o alumnado de 1º de ESO quen se encargou de ler algúns textos significativos da súa vida e obra.

O acto rematou coa actuación do noso Coro, interpretando os temas "Quen puidera namorala", poema escrito por Álvaro Cunqueiro, e "Aí vén o maio", do poeta Curros Enríquez, ambos musicados por Luís Emilio Batallán. Finalizamos interpretando todas e todos o Himno Galego, da autoría de Eduardo Pondal, con música de Pascual Veiga.

 

50 aniversario, acto institucional, visita do Conselleiro de Educación

50 aniversario do CPI Cova Terreña, 50 anos axudando a construír persoas

O pasado 21 de abril o noso centro viviu unha xornada inesquecíbel para todas e todos. Coa presenza de numerosas autoridades e dos e das representantes da comunidade educativa, o CPI Cova Terreña conmemorou o seu 50 aniversario, unha celebración que leva por título: “50 anos axudando a construír persoas”.

Comezaba a celebración co discurso da nosa directora, Isabel Martínez Cabaleiro, lembrando que o noso centro conta na actualidade “cunha importante renovación estrutural e tecnolóxica, que participa intensamente en proxectos innovadores, sendo un elemento dinamizador da vila e que ten un claro obxectivo: o noso alumnado”. Ademais, aproveitou a ocasión para lembrar a todas e todos os profesionais, e aos máis de 4.500 estudantes que pasaron polas nosas aulas nestes cincuenta anos, asemade das familias vinculadas ao centro..

A seguir, o alcalde da vila de Baiona, Carlos Gómez, confirmou a proposta de concesión da medalla de ouro ao noso centro, un centro educativo polo que pasaron xeracións e xeracións de baioneses e baionesas, e do que salientou o seu peso específico na vila.

Pechaba as quendas de intervención o Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, quen, entre outros eloxios, subliñou os enormes atrancos estruturais que tivo que asumir o noso centro nos últimos anos e como, a partir do labor do inmenso equipo humano que o conforma, se puido saír adiante cuns resultados óptimos. As felicitacións do Conselleiro centráronse nas súas “cinco décadas de constancia, fortaleza e afán permanente de mellora no servizo educativo (...) sempre apostando pola calidade, a equidade e pola excelencia académica, cun programa educativo extraordinario e exemplar que gañou en innovación e inclusión co paso do tempo”.

Por outra banda, o acto serviu para a proxección dun vídeo conmemorativo do 50 aniversario, e a entrega de obsequios a aqueles e aquelas que, durante algúns anos acudiron ás aulas do noso centro, ben para impartir docencia, ben para recibir os coñecementos e destrezas básicas coas que desenvolverse como persoas. Todas e todos son o noso orgullo.


 

E esta xornada tan especial rematou cun concerto do Coro do CPI Cova Terreña, dirixido polo profesor David Giráldez, e mais coa plantación dunha árbore na entrada do recinto escolar, plantación na que participaron tanto o Conselleiro de Educación e Cultura como o propio Alcalde de Baiona.

E seguiremos outros 50 anos máis axudando a construír persoas!
50 anos axudando a construír persoas incríbeis!

Calendario de exames de materias pendentes (Avaliación ordinaria)

Cómpre recordar que as materias pendentes que non se superen iranse sumando ás do curso ordinario suspensas a efectos de promoción de curso e de titulación en 4º de ESO.


As titorías entregarán o boletín de pendentes ao alumnado o venres 12 de maio, ás 11:00h, nas súas aulas de referencia.

Distribuir contido
Punto Laranxa contra o acoso escolar

Eventos

« Maio 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031