CREAMOS CON STOP MOTION

 
 
 
 
 

O alumnado de 5º e 6º realizou un taller antes das vacacións sobre o Stop motion,   o resultado é fruto do traballo conxunto, posta en común de ideas e realización de materiais que fixeron previamente en educación plástica.

A NOSA BIBLIO

 
Amosamos, a través dos voluntarios, como foi quedando a nova biblioteca.

LER ESTÁ DE MODA !

 

Tic  tac… Xa estamos no mes de abril e nós, aquí, xa    soñamos cos libros!

Xa case todo está listo para celebrar polo alto a fin de mes, o día da creatividade e o Día do Libro !

Para estas sinaladas datas , a comunidade do CPIP no seu conxunto : o alumnado de todas as idades e os adultos ( pais, nais, conserxe, profesorado, persoal administrativo, persoal de limpeza, estudantes en  prácticas…) afanáronse para participar no proxecto do fomento da lectura a través da publicidade  con  portadas de libros que leron e aconsellan, personalizándoas coa súa  imaxe.

Agora mesmo  xa  temos 200 portadas feitas!

Grazas á actividade descubrimos moitos libros que xa temos ganas de ler e que apuntamos na  nosa listaxe de lectura para as vacacións, ou para agasallar ás persoas que queremos. Como a novela que trata sobre o acoso escolar recomendada pola profesora de Relixión, "O que sei do silencio" de Andrea Maceiras ; outros bos autores galegos como Domingo Villar recomendado por Nadia de 4º ESO ; así como autores estranxeiros, por exemplo, Joël Dicker, recomendado por Pili.

Tamén nos aconsellan novidades literarias como o libro de moda, "Os libros que hai en min" de  Emma Pedreira, que triunfa nas librerías, recomendado por Saínza.

En fin, a listaxe é tan longa que resulta difícil citalos a todos. Iso si, hai libros para todos os gustos e todas as idades,  paga a pena lelos!

Ademais os protagonistas da publicidade literaria fixeron un bo uso do sentido do humor e da imaxinación, daquela non perdades a ocasión de botar un ollo á exposición cando pasedes a carón de dirección ou da biblioteca.

Lembrade que se aínda non participastes e queredes facelo, estades a tempo.

Se tedes curiosidade polo proceso de elaboración das portadas, tomade nota. Empregáronse apps como Chroma key, Remove.bg, Snapseed e Blend me. O traballo fíxose cunha tea verde de fondo para que  o Chroma facilitase o recorte.

Lembrar que no mes de abril tamén celebramos o Día Mundial das Nenas nas TICs!

Moitas grazas a todos e todas pola vosa participación  e polo voso interese pola lectura !

O ALUMNADO DO CPIP DE CASTROVERDE TRABALLA DURO PARA PARTICIPAR NO IV CONCURSO DE PODCASTS RADIO NA BIBLIO

Este ano o concurso está dedicado a Florencio Delgado Gurriarán e ao mundo editorial. Florencio Delgado G. foi un poeta, articulista, tradutor, editor e activista cultural. 

Nese contexto, hoxe o alumnado da ESO do CPIP de Castroverde fixou unha entrevista ao director da librería Trama de Lugo. Falar con Carlos resultou moi enriquecedor, as súas respostas foron moi interesantes. Dende o CPIP agradecémoslle o seu tempo e a súa amabilidade.

Toda a ESO participou na elaboración das preguntas previamente á entrevista. Remedios a profesora de galego involucrouse e orientou aos rapaces  coa formulación e o contido. 

O son e  a montaxe do podcast foi xestionado de xeito moi profesional  por Cándido, o profesor de música.  

As voces do podcast de hoxe foron Daniel de 2 ESO, Antonio de 3 ESO e Claudia e Cora de 4 ESO, mentres que Noa encargouse da reportaxe fotográfica. 

A ver se gañamos!

Distribuir contenido