Skip to Content

   Enlace Aula Virtual                       

Biografía

Biografía

Xosé Neira Vilas naceu en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra), o 3 de novembro de 1928.

Fillo de campesiños pasou a súa nenez e adolescencia na súa aldea natal, compaxinando a escola cos labores agrícolas. Aos catorce anos estudaba comercio por correspondencia e con 16 traballaba á vez nas oficinas dun serradoiro local, mentres, moi afeccionado á lectura, lía canto caía nas súas mans. Creou un grupo de teatro que representou obras en galego.

En 1949 emigrou a Buenos Aires, onde desempeñou traballos diversos. Realiza estudos de comercio, música, xornalismo, literatura. Tomou conciencia da identidade de Galicia en contacto cos intelectuais do exilio: Seoane, Suárez Picallo, Lorenzo Varela, etc. Foi Secretario Xeral das Mocidades Galeguistas e participou na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega.

Casa en 1957 con Anisia Miranda, nacida en Cuba. Xuntos fundaron a organización libreiro-editorial Follas Novas para difundir o libro galego en América.

En 1961 Neira e Anisia foron residir a Cuba.

Traballou na Administración e fixo xornalismo literario. En 1969 fundou a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vinte e dous anos. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presenza da emigración galega en América. Volveu a Galicia, á súa aldea natal de Gres onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas. (accede a esta páxina pinchando neste enlace).

 

Durante toda a súa vida escribiu unicamente en galego. É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, Premio da Crítica Española (narrativa), Premio da Crítica Galega (ensaio) e Premio da Federación de Libreiros de Galicia. Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.


 

 

 

 

Ten colaborado noutros medios como os xornais A Nosa Terra (fundado en 1978, Santiago), Diario de Galicia (Vigo, 1988) e a revista Follas Secas de Ourense.


Desde a súa volta desde Cuba a terras galegas, colaborou en diversos medios de comunicación. Froito dese impulso foron as series "Memoria da emigración" e "Crónicas galegas de América", aparecidas inicialmente no Faro de Vigo (1992-1995, os domingos) e despois en O Correo Galego (1995-1999) e logo recollidas en varios volumes por Edicións do Castro.


 

Actualmente ten unha sección fixa en El Correo Gallego ("Arredor do mundo", columna dominical) e publica puntualmente artigos culturais e de tema literario en Galicia Hoxe.

En definitiva, estamos ante unha das figuras máis importantes das letras galegas actuais.

Xosé Neira Vilas morre na súa casa de Gres (Vila de Cruces, Pontevedra), o venres 27 de novembro do 2015.Trasladaron o seu corpo a Santiago de Compostela, ó Panteón de Galegos Ilustres, onde foi homenaxeado polos amigos e polas máximas autoridades de Galicia. O sábado pola tarde soterrárono no cemiterio de Gres, a carón da súa muller Anisia, falecida hai agora seis anos.

A ANPA e o colexio deixamos uns ramos como testemuñas do noso cariño e admiración. A bandeira galega do colexio tamén lle rende homenaxe.

Pepe Neira Vilas estivo con nós en moitas ocasións. El era o noso padriño, e nós os seus afillados. Sempre que llo pediamos achegábase ata o centro para participar nalgunha das actividades que organizabamos ou visitarnos e pasar un día con nós. É unha perda irreparable para todos. Galicia perde a un dos seus escritores máis destacados e tamén, sen ningunha dúbida,  ó maior cronista da emigración galega.

O noso colexio conserva, por decisión súa, a práctica totalidade dos libros de Anisia e de Pepe Neira, todos os que se puideron recuperar dunha gran obra literaria. Tócanos conservala e dala a coñecer, arrimar o ombreiro, para que eles e a súa obra formen parte sempre da vida da nosa comunidade educativa.

Moitas grazas por todo, mestre.

 

 

        SEMPRE ESTARÁS NA NOSA                                      LEMBRANZA

 

 

 

 CARTEL HOMENAXE DE TODO O COLEXIO AO NOSO PADRIÑO NO CABO DE ANO DO SEU FALECEMENTO

 

Distribuir contenido


by Dr. Radut