Biografía
Xosé Neira Vilas naceu en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra), o 3 de novembro de 1928.
Fillo de campesiños pasou a súa nenez e adolescencia na súa aldea natal, compaxinando a escola cos labores agrícolas. Aos catorce anos estudaba comercio por correspondencia e con 16 traballaba á vez nas oficinas dun serradoiro local, mentres, moi afeccionado á lectura, lía canto caía nas súas mans. Creou un grupo de teatro que representou obras en galego.
En 1949 emigrou a Buenos Aires, onde desempeñou traballos diversos. Realiza estudos de comercio, música, xornalismo, literatura. Tomou conciencia da identidade de Galicia en contacto cos intelectuais do exilio: Seoane, Suárez Picallo, Lorenzo Varela, etc. Foi Secretario Xeral das Mocidades Galeguistas e participou na comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega.
Casa en 1957 con Anisia Miranda, nacida en Cuba. Xuntos fundaron a organización libreiro-editorial Follas Novas para difundir o libro galego en América.
En 1961 Neira e Anisia foron residir a Cuba.
Traballou na Administración e fixo xornalismo literario. En 1969 fundou a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, que dirixiu durante vinte e dous anos. Na Arxentina e en Cuba fixo investigacións sobre a presenza da emigración galega en América. Volveu a Galicia, á súa aldea natal de Gres onde preside a Fundación cultural Xosé Neira Vilas. (accede a esta páxina pinchando neste enlace).
Durante toda a súa vida escribiu unicamente en galego. É membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, Premio da Crítica Española (narrativa), Premio da Crítica Galega (ensaio) e Premio da Federación de Libreiros de Galicia. Fóronlle outorgadas as medallas Castelao, Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas.
Ten colaborado noutros medios como os xornais A Nosa Terra (fundado en 1978, Santiago), Diario de Galicia (Vigo, 1988) e a revista Follas Secas de Ourense. |
Desde a súa volta desde Cuba a terras galegas, colaborou en diversos medios de comunicación. Froito dese impulso foron as series "Memoria da emigración" e "Crónicas galegas de América", aparecidas inicialmente no Faro de Vigo (1992-1995, os domingos) e despois en O Correo Galego (1995-1999) e logo recollidas en varios volumes por Edicións do Castro. |
Actualmente ten unha sección fixa en El Correo Gallego ("Arredor do mundo", columna dominical) e publica puntualmente artigos culturais e de tema literario en Galicia Hoxe. En definitiva, estamos ante unha das figuras máis importantes das letras galegas actuais. |
Xosé Neira Vilas morre na súa casa de Gres (Vila de Cruces, Pontevedra), o venres 27 de novembro do 2015.Trasladaron o seu corpo a Santiago de Compostela, ó Panteón de Galegos Ilustres, onde foi homenaxeado polos amigos e polas máximas autoridades de Galicia. O sábado pola tarde soterrárono no cemiterio de Gres, a carón da súa muller Anisia, falecida hai agora seis anos. A ANPA e o colexio deixamos uns ramos como testemuñas do noso cariño e admiración. A bandeira galega do colexio tamén lle rende homenaxe. Pepe Neira Vilas estivo con nós en moitas ocasións. El era o noso padriño, e nós os seus afillados. Sempre que llo pediamos achegábase ata o centro para participar nalgunha das actividades que organizabamos ou visitarnos e pasar un día con nós. É unha perda irreparable para todos. Galicia perde a un dos seus escritores máis destacados e tamén, sen ningunha dúbida, ó maior cronista da emigración galega. O noso colexio conserva, por decisión súa, a práctica totalidade dos libros de Anisia e de Pepe Neira, todos os que se puideron recuperar dunha gran obra literaria. Tócanos conservala e dala a coñecer, arrimar o ombreiro, para que eles e a súa obra formen parte sempre da vida da nosa comunidade educativa. Moitas grazas por todo, mestre.
SEMPRE ESTARÁS NA NOSA LEMBRANZA
|
CARTEL HOMENAXE DE TODO O COLEXIO AO NOSO PADRIÑO NO CABO DE ANO DO SEU FALECEMENTO