Skip to Content

Educación física

Xornada de convivencia e recoñecemento da contorna cunha rota de sendeirismo

Primeiramente quero aclarar, como xa o fixen con parte dos implicados nesta xornada, que o motivo de subir aínda agora esta actividade non é outro que ter tido problemas coas fotografías.

Pois ben, o pasado 18 de xuño, o alumnado de 5º e 6º niveis de E. Primaria, o seu titor e a súa titora respectivamente e eu (profesora de E. F) saímos a iso das 10h  en autobús  cara ao lugar do  Loureiro (Cando, outes). Unha vez alí, dirixímonos pola marxe esquerda do río Tambre até chegar á Central hidroeléctrica do Tambre (Sta María de Róo, Noia). Durante a rota de sendeirismo fomos reforzando contidos, previamente estudados nas aulas, e tamén os reforzamos na contorna máis próxima á central. Así,  vimos por exemplo as presas de lampreas no propio río, unhas turbinas de grandes dimensións, que están no exterior da central..., pero ademais: conversamos, xogamos, gozamos daquelas marabillosas paisaxes, repuxemos enerxías con algún que outro alimento e, por suposto, fixemos exercicio. Logo, arredor das 13:30 h emprendemos o camiño de volta cara ao centro.

Esta xornada de convivencia resultou, sen dúbida, de moito proveito  e á vez agradable. Pero ademais, incluso houbo algún neno que, cando baixábamos camiñando, manifestou telo pasado moi ben e considerar a saída como a mellor da súa etapa de Primaria. 

Sen máis, aí van unha serie de fotografías daquela mañán... Espero que vos gusten!!!

 

 

 

Fase comarcal de campo a través, 16 de decembro do 2015, Campamento do Loreto (Porto do Son)

O mércores, 16 de decembro, saímos 47 nenos e nenas (varios/as non puideron por problemas de saúde) e 4 mestres/as cara o Campamento do Loreto (Porto do Son) a iso das 10 h. Alí, ía celebrarse a 1ª xornada eliminatoria de campo a través desta tempada, a fase comarcal. Nesta xornada, foron máis de 1000 os rapaces e rapazas da bisbarra, que competiron polos preciados e desexados metais e por lograr pasar á seguinte fase de competición, a intercomarcal.

A xornada transcurriu sin incidentes relevantes pero, aínda que se acadaron 8 metais en varias categorias e que o equipo benxamín masculino logrou o primeiro posto, os ánimos estaban un pouco decaidos no regreso ao centro ... Está claro, a todos/as nos agrada seguir adiante e si, por riba, estamos habituados/as a facelo ... máis custa quedar no camiño. Pero, non pasa nada, o vindeiro ano tentarémolo de novo.

Grazas a quen, unha vez máis, nos acompañou e, evidentemente, aos rapaces e rapazas que se esforzaron e fixeron o posible por lograr os mellores resultados.

 ¡¡¡ Ánimo aos nenos e á nena que seguides adiante e nos representaredes na fase intercomarcal a finais de xaneiro !!!.

¡MOITA SOOOORTE meus corazóns!.

  

 

O San Martiño chegou e os trompos bailaron e bailaron... en patios e rúas.

Coa chegada de novembro, mes do San Martiño, desde a área de E. Física reanudouse o traballo cos trompos nas clases, pero ademais animouse ao alumnado a botalos en ámbolos dous recreos. Deste xeito, procuraríase evitar que un xogo tan popular antaño non se perda, senón que continúe presente como parte do noso patrimonio cultural e se siga transmitindo a xeracións vindeiras nun futuro inmediato.

Por suposto, aos máis noviños/as de E. Primaria, os nenos e nenas de seis, sete anos... , cústalles bastante facer bailar os trompos e hai que axudarlles e repetirlles o proceso unha e outra vez... Pero, non cabe dúbida que, resulta supergratificante ver as súas facianas cheas de ledicia e ilusión cando logran que o trompo lles baile...

Que sigan bailaaaando!!!!!

 

Noraboa campións!!!

O pasado fin de semana, varios ex-alumnos/as do centro (agora noutras etapas educativas), disputaron con máis de 2000 rapaces e rapazas de diferentes puntos de España o Campionato nacional de Taekwondo en diversas categorías. Non cabe dúbida que chegar alí xa ten moito méríto, pois conleva moitas horas de entreno e sacrificio... Pero, se sabemos que un deles logrou o bronce, tras lesionarse nun dos combates, o resultado aínda ten máis mérito.

Noraboa a todos/as e ás vosas familias... Como podedes ver gústame seguirvos a pista e, por suposto, gozo cos vosos triunfos.

Bravo, seguide triunfando!!!!!    

Chega o San Martiño

Como di o refrán: "Polo San Martiño, trompos ao camiño".

E como O San Martiño xa está ás portas (11 de novembro), ide buscando os trompos. Pois ao regresar destes agradables días de descanso, botarémolos para facer que bailen e bailen ... 

¿Animados/as?. ¡Espero que siiiii!.

Imaxe dun trompo e a súa corda para facelo xirar

Benvidos e benvidas á nova tempada de campo a través.

Os profesores e profesoras, que elaboramos e levaremos a cabo o poxecto “Xogade e o campo a través no C.E.I.P. Plurilingüe da Serra de Outes” ao longo do curso, queremos darlles a benvida a todos os nenos e nenas de 2º a 6º de E. Primaria, que se animaron a formar parte deste proxecto.

Evidentemente, sen vós non tería sentido nen sería posible, posto que se fixo, precisamente, pensando en darlle ao alumnado do noso centro a oportunidade e a posibilidade de adestrar e competir na modalidade de campo a través, pois doutro modo non poderías facelo. Ademais, ao mesmo tempo, preténdese que estes rapaces e rapazas vaian adquirindo uns hábitos de vida saudables, cada vez máis necesarios, ao contar a sociedade actual, en xeral, cuns hábitos de vida bastante sedentarios e pouco saudables.

Por suposto, tamén animamos a todas aquelas persoas (familiares e amizades do noso alumnado), que de forma desinteresada e altruista nos acompañaron, apoiaron e axudaron en diversas xornadas da pasada tempada, a que o sigan facendo, na medida das súas posibilidades, claro está.

A primeira xornada de competición, desta tempada, terá lugar o vindeiro 20 de novembro, venres, a non ser que haxa algunha modificación por parte da organización. De ser así, xa se vos informaría.

Moitas grazas a todos e todas por querer formar parte deste proxecto!!!.

 

Seguiremos en contacto...

Parabéns a Hugo C. T. e moita sorte no campionato galego!!!

Desde a área de E.FÍsica, o profesorado en xeral, o persoal laboral e, como non, os compañeiros/as do centro queremos manifestarche publicamente os nosos parabéns, pola gran carreira que realizaches no Ferrol, onde lograches o subcampionato provincial  nos 500m. Pero, non só iso, senón que tamén  desexamos: moita sorte  para ti, Hugo, o vindeiro sábado, 13 de xuño no Ferrol, onde terás a dífícil tarefa de  representar a Outes no campionato galego, competindo con excelentes corredores. Pois, non debemos esquecer que, alí competirán os mellores de Galicia.

Procura manter a calma e non mirar atrás. Para nós xa es, e seguirás sendo,  un auténtico campión, acades o posto que acades...

ÁAANIMOOOOOOOO!!!

Fase provincial de campo a través. Cabío (Pobra do Caramiñal), 07/02/2015

Nunha fría mañá de principios de febreiro, concretamente a do sábado sete, subimos ao autobús na Praza de Galicia da Serra (Outes). Eramos seis nenos e seis nenas da categoría benxamín e tres mestras, pois o neno da categoría alevín non puido asistir, posto que non se recuperara da lesión sufrida nun xeonllo na fase intercomarcal. Deste xeito, aínda que fisicamente non ía con nós, si o levabamos nas nosas mentes e corazóns ... Dalgún xeito, tamén el estaría na fase provincial.

Os corredores e corredoras, nesta ocasión, por unha banda ían moi ilusionados e nerviosos, xa que chegaran ao máis alto, á última fase para esta categoría, pero por outra sen moita idea de acadar os primeiros postos (algo ao que estabamos habituados/as). Eramos bastante conscientes de que alí se atopaban, para competir, os mellores clubs da provincia da Coruña (clubs de moita sona e con anos de experiencia ás costas) e algúns centros educativos, pero os menos e, dentro destes, menos aínda públicos.

Á chegada a Cabío, xa tiñamos aos nosos fieles seguidores agardando. Como non, eran os familiares dos nosos corredores e corredoras, dispostos a amosar o seu apoio como fixeran ao longo da tempada.

Tras recoller os dorsais e quentar, axiña chegaría a primeira das carreiras nas que o noso alumnado participaría e xusto a continuación a seguinte.

Nenos e nenas dérono todo ... pero, aínda así, dúas das nenas abandonaran a carreira por indisposición, sen acadar a meta. Como xa imaxinabamos o nivel foi moi alto.

Agora tocaba esperar para coñecer as clasificacións, pois quedaban as carreiras das restantes categorías por celebrar. Eeeeeeeeeeeh, sen contar, lográrase un terceiro posto. Foi un bronce con sabor a ouro...

Oxalá no vindeiro curso logremos tantos éxitos cando menos coma neste. Pero, non me refiro só aos metais, nin aos trofeos, senón máis ben ao elevado índice de participación e ao número de nenos e nenas que, grazas á toma de contacto con este mundo, se anotaron na escola deportiva de atletismo.

 

 

Fase provincial, carreiras, corredores/as, público

 

 

 

 

 

 

 

 

NORABOA meus corazóns (premiados/as ou non, pero sempre gañadores/as) !!!. Lembrade que o deporte, ben entendido, debe formar parte das nosas vidas, procurando coa súa práctica unha mellor calidade de vida e de saúde.

E a vós, familiares e amizades, como non, ... moitííííísimas grazas!!!. A vosa presenza e colaboración desinteresada foi e é moi importante para todos/as os/as que formamos parte deste proxecto. Lograstes facernos sentir arroupados/as e ben valorados/as.

Fase intercomarcal de campo a través. Campamento Virxe do Loreto (Porto do Son), 23/01/15 .

 

Pouco despois de regresar das vacacións de Nadal tería lugar a fase intercomarcal, de novo no campamento Virxe do Loreto de Porto do Son. Aquí participarían nenos e nenas de comarcas limítrofes e outras de aínda máis lonxe. Así, participaban corredores/as de Cee, Dumbría, Vimianzo, Muros, Mazaricos, Santa Comba, Boiro, Ribeira, Noia, Outes, etc

 Nesta fase, o nivel foi elevado, pois non debemos esquecer que só participaban os corredores/as mellor clasificados/as de cada comarca, fosen de clubs ou centros educativos.

Esta xornada sería aínda de máis éxito, se cabe, para o noso centro, posto que os dous equipos benxamíns (feminino e masculino) lograrían os primeiros postos, unha vez máis, clasificándose polo tanto para a fase provincial. Pero, aínda nos quedaban un corredor alevín e unha corredora infantil. Ambos darían todo de si nas respectivas probas. Tanto foi así que, o neno (S.M.B.), a pesares de lesionarse durante a carreira foi quen de acadar a meta e, por se isto non fose suficiente, lograría un novo metal para a súa colección, ao clasificarse nun quinto posto. No que á nena, M.C.L se refire, dicir que tamén obtivo unha boa posición, pois foi novena, aínda que nesta ocasión non chegaría á fase provincial como fixera na tempada anterior.

 Peroooo, a xornada aínda lles depararía unha nova e inesperada alegría!!!

 Namentres esperabamos polos nosos trofeos, varios nenos e nenas decatáranse de que algunha nena famosa e popular tamén practicaba a modalidade de campo a través. Tratábase , nin máis nin menos, que de Ana, unha alumna do C.E.I.P Eugenio López de Cee (centro do que gardo moitas e boas lembranzas durante tres anos de servizos nel), concursante do programa televisivo de cociña “Máster Cheff” e que pasaría un bo anaco asinando autógrafos, como famosa que era para moitas das persoas alí presentes.

 Fase intercomarcal, carreiras, corredores/as, público


A ilusión e felicidade era moita, pois todos/as seguirían adiante e, nin máis nin menos que, nos primeiros postos. Unha morea de campións e campionas.

Fase comarcal de campo a través. Campamento Virxe do Loreto (Porto do Son), 17/12/2014

 

Preto dun mes despois, da toma de chegaría a xornada da fase comarcal, nela só pasarían os/as mellores clasificados/as de cara á fase intercomarcal. Isto coñecíano os corredores e corredoras e, por este motivo, porían todo o seu ímpetu e esforzo en lograr uns bos resultados.

Nesta ocasión as carreiras levaríanse a cabo no campamento Virxe do Loreto en Porto do Son. Entón, despois de chegar alí, pousar as mochilas, recoller os dorsais, e saudar aos coñecidos/as cos que nos atopamos, percorreriamos o circuíto para comprobar as condicións nas que se atopaba e telas en conta durante as carreiras. Algo despois, cada equipo iría quentando, posto que os nosos alumnos/as serían dos primeiros en competir.

Ao finalizar a xornada, parte do noso alumnado debería subir ao podio para recoller os trofeos, que os acreditarían como primeiros clasificados/as por equipos (masculino e feminino), no que á categoría benxamín se refire. Pero, ademais acadariamos primeiros, segundos, terceiros postos, ... a nivel individual e, a maiores, clasificaríanse un neno da categoría alevín e unha nena da infantil. En total serían nove os metais conseguidos e, con eles, retornariamos para a Serra arredor das 13: 15h.

 

carreiras campo a través, corredores/as, público

As sensacións no regreso eran opostas, segundo con quen falases ou a quen observases. Pero, era normal, posto que uns/has deixaran alí as súas ilusións, o seu esforzo, ... namentres outros/as seguirían adiante e, non só iso senón que, lles tocaba representar á comarca como primeiros/as clasificados/as. A responsabilidade era grande e importante, pero ben poderían con ela ..., posto que se trataba de dous equipaaaaazos!!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut