Skip to Content

Rúa Cardeal Páramo Somoza Nº12 Pantón 27430 (Lugo)              ceip.monte.balinho@edu.xunta.gal  Telf.:982828216/15

Blogue de Cris

Obradoiro de MANTEIGA

No anterior trimestre, fixemos unha saída á Granxa Casa da Fonte, preto do noso centro, actividade da ANPA e que enmarcamos dentro do noso Pdi "Coñecendo a provincia: Lucus Augusti".Quedounos pendente unha actividade.

O venres realizamos un obradoiro de MANTEIGA, na que Eros nos contou o proceso para poder elaborala e posteriormente repartiu un anaco a cada participante para que a manipulásemos e lle désemos forma. Envolvémola e levámola á casiña para compartir coa familia e unhas deliciosas torradas nunha merenda ou almorzo.

Grazas a Eros, a granxa Casa da Fonte e a nosa ANPA por facelo posible!

 

OBRADOIRO PERSPECTIVA DA CAPACIDADE

Hoxe, a rapazada de 1º e 2º, participou nun "OBRADOIRO SOBRE PERSPECTIVA DA CAPACIDADE" a cargo de Nuria de COGAMI (Confederación Galega de persoas con Discapacidade) entidade sen ánimo de lucro. Os nenos e nenas observaron  e vivenciaron diferentes formas de relacionarnos co medio a través de certos apoios.

Dividiuse o grupo en 4 subgrupos pequenos e realizouse unha gymcana con 4 probas ( circuito en cadeira de rodas, pintar coa cabeza empregando un licornio, escribir en braille, ler en linguaxe de signos e camiñar con ollo tapados e guiados por un bastón). Ao finalizar cada proba conseguimos a peza dun puzzle que montamos ao rematar todos xunt@s.

Ese puzzle dicía o seguinte:

As túas CAPACIDADES

sempre serán

máis GRANDES

que calquera Discapacidade.

Foi unha actividade do máis enriquecedora e cun forte caracter concienzador e sensibilizador.

 

 

 

CAMISETAS ROSALÍA: 23 FEBREIRO 2024

O día da nosa gran escritora galega, Rosalía de Castro, no Baliño, deunos para moitas actividades.

Cada neno ou nena realizou un debuxo empregando diferentes técnicas e métodos (por exemplo, os de 5º e 6º usando o Inskape modificaron e decoraron imaxes e textos da autora). Unha vez todos feitos, escaneámolos e imprimímolos en papel transfer para roupa. 

Trouxemos camisetas lisas, de cores claros e basándonos nos obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, démoslles unha nova vida: estampámolas usando a prancha.

Unha actividade enmarcada nos proxectos nos que participamos de Biblioteca Creativa, Plan Innova e Polos Creativos.

Púxemolas no cole, fixémonos fotos e levámolas para as nosas casiñas, para lucir orgullos@s cando nos pete.

Mirade que FERMOSAS quedaron!

 

 

IMPRESIÓN 3D: CHAVEIROS GATOS

Andamos a voltas coa IMPRESORA 3D e desta, os maiores do cole programaron a impresión duns simpáticos gatiños para facer uns chaveiros para recaudar cartos para a excursión de fin de curso. 

A máquina non para, estamos de seguido sacando produto....

Velaquí os tendes en primicia para vós!

MARCOS ROSALÍA CON REFUGALLO

Os nenos e nenas de Educación Infantil, aproveitando os rolos de papel hixiénico sobrantes, e despois de pintar uns debuxos da nosa queridiña escritora galega Rosalía de Castro, realizaron estes fantásticos e creativos marcos de fotografías.

Mirade como se pode aproveitar o que nos rodea para darlle outra oportunidade e outra vida.

 

AMOR-odos de AMOR por Rosalía

Polo día de Rosalía de Castro, ademais doutras moitas actividades, e partindo duns versiños dun poema da autora,  a rapazada do Baliño xunto cos seus mestras e mestres, elaboraron uns espetiños de amorodos que comemos todos xuntos nun anaco de tempo durante o recreo. 


Unha vez tiven un cravo,

cravado no corazón

i eu non me acordo xa se era aquel cravo

de ouro, de ferro ou de amor.

Rosalía de Castro

 

SEMENTANDO NOVAS LEITUGAS

E como recollemos as leitugas para facer uso delas no comedor, pois toca PLANTAR de novo, para poder seguir gozando dos productos que nós mesmos coidamos con tanto agarimo.

Leitugas tenras e novas!!

COLLEITA DE LEITUGAS

Hoxe tivemos traballo de horta... RECOLLEMOS AS LEITUGAS DE INVERNO que empregaremos para as nosas ricas ensaladas no comedor!!

PODA: LIMPEZA E PREPARACIÓN DAS ÁRBORES

A pasada semana tras a volta das festas do Entroido, un amable voluntario veciño das proximidades da nosa escola do Baliño, Javier, achegouse para nos dar unha serie de indicacións da importancia da poda das árbores e coidados máis comúns para que crezan sans e fortes.

Estivemos moi atentos e atentas as súas explicacións e a súa arte cos aparellos de podar.

Podounos o kiwi, a mazaira... Quedounos todo preparadiño para ver crecer flores e logo obter froitos.

Os maiores animáronse tamén a podar a nosa hortensia, que ben o precisaba.

Grazas Javier, foi un pracer terte con nós! Volve cando queiras, no Baliño tes unha familia.

COMPLEMENTOS ENTROIDO DE REFUGALLO

Para a realización dalgúns complementos do noso Entroido en Baliño, empregamos elementos de refugallo. Neste caso cartóns reciclados de paquetes chegados ao noso cole.

A cativada estivo atarefada marcando, recortando e pintando os seus complementos para os disfraces, os carpinteiros e carpinteiras, realizaron unhas ferramentas ben creativas e realistas (martelos, parafusos, serruchos e ate lapis de carpinteir@s) e os viticultores, confeccionaron as súas propias tesoiras para cortar nas uvas das cepas.

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut