Sesión de EF para Infantil, 1º e 2º de Primaria

Ola a tod@s.

Esta é a primeira sesión de EF da semana que vai do 27 de abril ao 1 de maio para Infantil, 1º e 2º de Primaria. Imos desenvolvela nunha habitación onde teñamos espazo suficiente para movernos e no corredor da casa; o material que necesitamos consiste en folios , ceras ou rotuladores , cinta adhesiva e unha alfombra. A sesión consta de tres partes:

1) neste primeiro exercicio necesitamos a axuda dunha persoa adulta porque temos que recortar e pegar nas portas dun armario (ou no mesmo chan) anacos de papel con números ou cores, poñernos diante dos papeis e a persoa adulta ten que dicir durante un tempo determinado (por exemplo un minuto) números ou cores para que nós vaiamos tocando sobre eles o máis rápido poidamos. Temos que repetilo varias veces para comprobar se cada vez tocamos máis papeis no mesmo tempo. Trátase dun exercicio de velocidade de reacción. O seguinte vídeo pode axudarnos a entendelo mellor https://youtu.be/RFIrNBUJwQo

2) en segundo lugar imos construír un percorrido de orientación polo corredor da nosa casa, debuxando e pegando no chan a forma dun ou dos dous pés nun folio, tamén a forma dunha ou das dúas mans para despois ir pisando ou tocando sobre elas tal como aparece no seguinte vídeo https://youtu.be/ud2KPS-pVtI   (temos que repetilo varias veces tentando facelo cada vez en menos tempo);

3) rematamos cunha pequena sesión de ioga infantil na alfombra seguindo o vídeo https://youtu.be/MI1S5rM0ou0

Se tedes algunha dúbida ou queredes simplemente comunicarvos comigo podedes enviarme (coa axuda dunha persoa adulta) un correo electrónico a este enderezo luis.alberto. alonso.vicente@gmail.com

Saúdos cordiais.

Powered by Drupal - Design by artinet