Comunicado ás familias

ESTIMADAS FAMILIAS

En primeiro lugar, gustaríanos desexarvos que vos atopodes o mellor posible nesta época tan inusual.

Desde o Sinde tentamos chegar a todas as nosas alumnas e alumnos pero a tarefa resulta complexa.

Tras analizar as enquisas que nos cubristes e coñecer a opinión das titoras e titor tomaremos as medidas que consideremos máis favorecedoras nestes intres.

 Detectamos que algunhas familias consideran un tanto complicado o ter que acceder aos contidos en distintas plataformas ou lugares. Tede en conta que cada materia, alumnado e profesorado ten unhas características polo que non é fácil unificar os criterios. De todas formas, para este 3º trimestre fixemos uns novos horarios nos cales cada día se traballarán unha ou dúas materias. Pensamos que isto vos pode facilitar a tarefa.

Procuraremos tamén que as tarefas estean dispoñibles con antelación e ser flexibles en canto á data de entrega das mesmas.

 Tamén hai persoas que demandan videotitoriais e videochamadas. A pesar de que non se descarta por completo, debedes ter en conta que isto choca frontalmente cos intereses daquelas familias que non dispoñen dunha conexión boa de Internet e agravaría as diferenzas entre o alumnado. Non queremos que ninguén quede atrás. Tentarase que, no caso de avanzar materia, as explicacións achegadas ao alumnado sexan o máis clarificadoras posible. Por outra banda, sempre podedes contactar co profesorado e trataremos de solventar as dificultades na medida das nosas posibilidades.

 Por último queremos agradecer o enorme esforzo que estades a facer.

 

Saúdos!

O equipo directivo do Sinde

 

Powered by Drupal - Design by artinet