UN MUNDO NUN MUSEO: SÉTIMO RETO DO MUSEO DE BELLAS ARTES en 2ºB

O sétimo reto que nos propoñen as nosas educadoras do museo titúlase A VESTIMENTA DOS LUGARES. 

Nesta ocasión non imos falar dunha obra senón dunha exposición completa. Como sabedes no Museo de Belas Artes da Coruña hai unha colección de obras que se expoñen e coidan; cando visitamos o museo para ver estas obras referímonos á “colección permanente”.

Este concepto de “permanente” é para diferenciar a colección propia do museo das exposicións que facemos ao longo do ano e que teñen un carácter "temporal". Estas exposicións temporais reúnen unha serie de obras que teñen algo en común, poden ser obras feitas polo mesmo/a artista ou que teñen unha temática ou fío conductor en común. No curso pasado tivemos a oportunidade de visitar a exposición temporal adicada a Pablo Picasso. Durante este curso imos celebrar varias exposicións temporais, mais a máis importante é sen dúbida a que remata esta semana; a mostra adicada ao pintor Joaquín Sorolla. 

VIAXAR PARA PINTAR. SOROLLA EN GALICIA

  • A Exposición

No ano 2023 cumplíronse 100 anos do pasamento de Joaquín Sorolla. Por ese motivo, desde a Casa Museo Joaquín Sorolla en Madrid, téñense realizado numerosas exposicións ao longo do ano en distintas cidades do país. A finalidade destas mostras foi a de divulgar a arte de Sorolla levando algunhas das súas obras alá onde foron creadas.

Ademáis dos seus óleos e debuxos, a mostra permite coñecer un conxunto de fondos documentais e fotográficos vencellados a Galicia e as distintas estancias que o pintor realizaría na nosa terra.

A través de 70 pezas de Sorolla, preténdese achegar as distintas viaxes que Joaquín Sorolla realizou a Galicia. Desde a súa primeira e breve visita a Baiona e Vigo en 1900, ata a frutífera estancia en Vilagarcía de Arousa durante o verán de 1915; estancia esta última que tiña como obxectivo principal a realización dun ambicioso panel adicado a Galicia para decorar a biblioteca da sede neoiorquina da Hispanic Society.

  • O artista 

Joaquín Sorolla e Bastida foi un dos pintores españois máis importantes da súa época. Nado en Valencia en 1863, deixou máis de 2200 obras catalogadas. Estudou na Escola de Belas Artes da súa cidade natal e comezou desde entón a pintar ó aire libre, algo pouco común ata ben entrado o século XIX (con anterioridade os pintores traballaban sempre no seu taller). Gracias a unha pensión da Deputación de Valencia puido pasar unha estancia en Roma e, desde alí, viaxar a París. Foi na cidade francesa onde entrou en contacto co naturalismo e con movementos artísticos como o Impresionismo, que deixaría unha fonda pegada no seu estilo.

En 1888 casou con Clotilde García e o pouco tempo comezarían a formar unha familia instalados na cidade de Madrid. Pouco a pouco foi convertíndose nun dos pintores de máis fama e prestixio do país, chegando a ter presenza internacional con exposicións en Europa e América.

  • O seu estilo:

Aínda que en moitas ocasións se fala da pintura de Sorolla como impresionista, a historiografía tense referido o seu estilo como “Luminismo”.
Hai certas características na súa obra que podemos considerar impresionistas: a tradición de pintar o aire libre, a case total ausencia de cores escuras, as liñas desdebuxadas e algúns dos temas da súa pintura. Con todo, a luz na obra de Sorolla é máis intensa e contrastada que na obra dos impresionistas e as súas pinceladas adoitan ser maiores. A Sorolla ténselle chamado “o pintor da luz”.
Outra influencia moi importante na súa obra é a fotografía. Moitos dos seus cadros parecen querer mostrar un instante efémero e os seus encadres semellan estar “recortados” como acontece cando tomamos unha foto.

  • Os seus temas:
    • O retrato. O xénero do retrato foi desenvolvido por Sorolla ao longo de toda a súa produción artística. Foi un os grandes retratistas de referencia internacional, retratando a numerosos persoeiros da cultura e a sociedade do seu tempo.
    • Realismo social. Especialmente na súa primeira etapa, realizou obras onde asume o compromiso de reflictir a dura vida das clases máis desprotexidas.
    • Costumismo. Pinturas nas que Sorolla representou a vida cotiá, poñendo especial énfase na representación de aspectos etnográficos.
    • A vida familiar. A medio camiño entre o retrato e o costumismo, Sorolla representou en numerosas ocasións aos seus seres queridos en momentos íntimos de vida familiar.
  • Un encargo moi ambicioso: Visións de España

En 1911 Sorolla e Archer Milton Huntington firmaron un documento no que o pintor se comprometía a realizar unha serie de pinturas o óleo con temas representativos da Península Ibérica. Estas pinturas decorarían a futura biblioteca da fundación neoiorquina Hispanic Society. Huntington era un filántropo americano namorado de España e da súa cultura. Tras coñecer a obra de Sorolla decidiu facerlle este ambicioso encargo.
Nun primeiro momento a finalidade do proxecto era o tratamento de temas da historia de España, mais quedou pronto moi claro que Sorolla non estaba cómodo con tal enfoque. O encargo pasou entón a centrarse en ilustrar a xeografía e os costumes rexionais españois. Sorolla daríalle así un enfoque etnográfico; quería captar un país que estaba a piques de desaparecer (de cambiar) por mor da industrialización, o urbanismo e os cambios sociais.
A partires dese momento Sorolla recopilou toda clase de documentación e pensou e plasmou en debuxos e bosquexos todas as ideas que viñan a súa mente. Facendo un traballo case de antropólogo reuniu traxes rexionais, xoias, cerámicas populares… e todo aquilo que lle servirse para amosar o máis característico das distintas zonas que ía retratar. Para recopilar toda esta documentación e realizar os seus bosquexos decidiu desprazarse viaxando por todo o país e o mellor xeito de captar a realidade de xeito veraz era pintando ó natural. Aínda que nun primeiro momento a súa idea era realizar do natural soamente os debuxos previos das súas viaxes, finalmente pintou a maior parte dos seus colosais cadros tamén deste xeito.
A decoración da biblioteca remataría por estar composta por 14 lenzos de grandes dimensións. Sumando todos eles miden case setenta metros de anchura por tres metros e medio de altura. O máis grande foi o de Castela pero tamén fixo cadros de: Andalucía, Comunidade Valenciana, Aragón, Navarra, Euskadi, Cataluña, Extremadura e Galicia.

 La fiesta del pan (1913). Biblioteca Hispanic Society. Nueva York

  • O Boieiro castelán

O boieiro castelán é un cadro realizado por Joaquín Sorolla na técnica do óleo sobre lenzo. Aínda que esta obra se atope actualmente exposta na exposición temporal Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia; o certo é que esta peza pertence á colección permanente do Museo de Belas Artes da Coruña, polo que sempre se pode desfrutar dela nunha visita habitual ao museo.

O cadro mostra unha escea campesiña na que vemos nun primeiro plano un home ataviado cunha capa de cor parda e un sombreiro. Na súa man sostén unha longa vara coa que se axuda na condución dos bois. Estes bois tamén van ataviados con vistosos cabezais de cores vivas e tiran dun carro cargado de sacos. Na marxe esquerda do cadro observamos unha paisaxe árida onde se intúe unha pequena vila e unha montaña.

Este lenzo mide 200 centímetros de alto por 300 de alto. A pesares de tratarse dun cadro de formato grande esta pintura é un bosquexo.

 

 ACTIVIDADE 1: METÉNDONOS DENTRO DUN CADRO DE SOROLLA

O boieiro castelán, a pesares do seu tamaño e a técnica empregada (óleo sobre lenzo), é un bosquexo.

Se esta obra preparatoria ten este enorme tamaño. Canto pensades que pode medir o cadro final que representa o panel de Castela?

O boieiro castelán mide 200 centímetros de altura x 300 de anchura. A Festa do pan mide 351 de altura x 1392.

Medimos nun muro da aula canto son 2x3 metros (poidemos empregar un metro e cinta de carroceiro para marcalo na parede). Tentamos facer o mesmo coas medidas da Festa do pan. Logo seguimos co cálculo se todos os alumnos e alumnas da aula caberiamos dentro do cadro de Sorolla?

  • Romaría ou feira do gando, o panel de Galicia no encargo de Hispanic Society

Sorolla realizou o panel de Galicia durante o verán de 1915, na que foi a súa estancia galega máis longa. Durante os meses que estivo en Galicia aloxouse en Vilagarcía de Arousa, empregando o xardín e o salón do pazo de Vista Alegre como estudo de pintura.

O panel final de Galicia, La Romería, representa unha escena que mestura elementos da romaría cos dunha feira de gando; coas xentes e os animais acubillados ao redor dun gaiteiro á sombra do que semella ser un castiñeiro. Ao fondo; obsérvase unha paisaxe de ría.

A nivel pictórico, na escena destaca o tratamento da luz que, como era habitual en moitas das obras do artista, fíltrase a través das follas das árbores, incidindo, en forma de destello, na pel dos animais, nas camisas brancas dos personaxes, nos panos da cabeza das mozas e nas manchas que salpican o chan. A cor do panel é alegre, con tons cálidos na parte de abaixo e fríos na de arriba. A liña da ría da perspectiva, separando e equilibrando a estampa.

A indumentaria dos modelos está moi coidada. Sorolla detívose especialmente nas partes que compoñen a vestimenta tradicional; resultan especialmente interesantes os toques de cor que destacan detalles de panos, camisas ou saias. Sorolla sempre estivo moi interesado no naturalismo do vestiario e dos obxectos etnográficos que ás veces aparecen nas súas obras, sabeos que en Galicia tivo en conta que os seus modelos foran ben provistos tanto na indumentaria como na xoieiría; chegando a pedir pezas específicas aos seus amigos e amigas galegos.

  • Outras obras do artista

Durante a estancia galega na que Sorolla realizou o panel de Galicia, o artista realizou outras obras que ilustran a nosa terra. Algunhas delas aluden á composición do panel, servindo nalgúns casos como bosquexos ou estudos previos para a súa realización.

No cadro O gaiteiro observamos, nun encadre moi fotográfico, unha moza cun pano amarelo na cabeza e un home tocando a gaita sentado.

Apodado O Xubieiro ou O asubiador; o gaiteiro é sen dúbida o personaxe central que aparece representado en pé e tocando a gaita no panel de Galicia que vimos anteriormente.

 

O gaiteiro galego e Unha galega. Museo de Sorolla

ACTIVIDADE 2: VERSIONANDO A VESTIMENTA

En todas as obras que acabamos de ver realizadas por Sorolla en Galica, nótase que hai unha gran sensibilidade e intención á hora de representar a indumentaria dos personaxes. Sabemos que Sorolla foi un gran coleccionista de prendas e vestimentas, prendas das que se foi nutrindo nas súas numerosas viaxes por todo o territorio español.

Hoxe cando vemos a persoas vestidas con estes traxes, é case sempre dentro dun contexto festivo (festas patronais, autonómicas e xustamente romarías); malia isto, o que hoxe chamamos “traxe rexional” era o xeito no que se vestía en Galicia todos os días a comezos do século XX. Se ben os personaxes que vemos representados no cadro están vestidos elegantemente, o certo é que as mulleres levaban entón panos na cabeza, dengues, saias e mantelos todos os días. O mesmo acontece co traxe masculino. Ademais, o traxe galego non era sempre igual, xa que dependendo da zona na que esteamos hai distintas variacións.

En Unha galega o protagonismo do cadro recae xustamente na indumentaria da moza:

  • Pano. Pano, paño ou pañoleta. Colócase na cabeza. De forma cadrada, dóbrase pola metade para obter unha forma triangular. Átase ao redor da cabeza empregando os dous extremos para axustala. Moitas veces estes panos tiñan cores moi vistosos. Outros xeitos de tapar a cabeza no caso das mulleres era levar unha cofia, un chapeu ou un casquete.
  • Dengue. Peza de tela, que ás veces é de veludo ou leva retazos deste mesmo tecido, e que en ocasións se adornaba cunha serie de incrustacións de pedrería. Servía para colocarse nas costas, cos extremos cruzados no peito para atalos novamente na espalda. Ás veces é substituído polo corpiño.
  • Mantelo. Colocado sobre a saia e ás veces baixo o mandil, moitas veces cubre por completo a saia. Adoita decorarse tamén con veludo e debuxos de pedrería.
  • Camisa. Feita de algodón ou lino. Adoita ter as mangas abombadas e levar adornos plisados na parte delanteira. Frecuentemente son longas e se leva o pescozo totalmente pechado.
  • Xoias. As xoias eran reservadas para momentos especiais levándose, xunto co traxe de gala (non de faena) para días de festa, romaría, bautizos ou vodas. No caso do cadro de Sorolla vemos que a moza leva uns pendentes coñecidos como “brincos” e un colar coñecido como “sapo” ou “galápago”. Típico de Galicia e doutros puntos da xeografía española, os abalorios que leva coñécense como “doas” e o habitual é que foran en número de 40.

Despois de analizar a vestimenta de A Galega, facemos a nosa propia versión do cadro completando o colorido e as decoracións do pano e do mantelo. Podemos empregar ceras, rotuladores ou pintura líquida do tipo que sexa. Tamén podemos pegar retais de tela ou anaquiños de papeis de cores.

  • ACTIVIDADE 3: BUSCANDO VESTIMENTAS DE CADA LUGAR

Xa que o proxecto deste ano é sobre a multiculturalidade, e partindo desta idea de pintar os “tipos” e as vestimentas tradicionais, faremos unha pequena pesquisa sobre as vestimentas tradicionais de distintos lugares do mundo. Cada compañeiro ou compañeira pode escoller un país ou unha rexión e buscar como son as súas prendas tradicionais. Logo faremos un debuxo amosando os aspectos máis importantes e tendo en conta o seu aspecto cromático. Finalmente podemos recortar o debuxo e colocalo nun mural conxunto no que se amosen as distintas “vestimentas do mundo”.

 

Powered by Drupal - Design by artinet