Inicio da Escola de pais e nais CEIP BALAÍDOS

O vindeiro MÉRCORES 19 DE NOVEMBRO terá lugar a segunda sesión da Escola de pais (ESPAZO FAMILIA) e nais CEIP Balaídos.

A maioría dos conflitos na aula danse no  ámbito interpersoal e intrapersoal. Estas relacións están impregnadas de fenómenos emocionais. O traballo en  educación emocional é fundamental tanto para alumnos e pais como para profesores, e estos poderán desenvolver nos alumnos competencias socio emocionais necesarias para que se xenere un clima de traballo efectivo, enriquecedor para a persoa e de plena convivencia.

O centro acóllese aos Contratos Programa, da Consellería de Educación, na súa modalidade de "Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros" para a financiación desta actividade que, conxuntamente cos Emociomartes e os talleres de habilidades sociais, contribuirá a mellorar a competencia emocional de toda a nosa comunidade educativa.

 

Charla.- Os perigos de internet

 

O día 16 de Novembro o alumnado de 5º e 6º de primaria recibiu unha charla sobre os perigos de internet, impartida pola Policía Nacional.

Nesa charla informouse ao alumnado sobre varios delitos que se cometen empregando as redes sociais, e o que deben facer para protexerse deles e realizar un uso seguro de internet.

A MÚSICA CLÁSICA CHEGA AO NOSO TEMPO DE RECREO PARA QUEDARSE!

Si! Afirmativo!

Coa chegada dunha nova proposta lúdica (a terceira), froito da recolleita dos resultados da enquisa pasada a todo o alumnado e profesorado de Primaria sobre cales eran os xogos máis apetecibles e que mellor podían encher este tempo de recreo do cole de Balaídos, tamén facemos realidade un dos obxectivos proxectados no comezo de curso pola Comisión Dinamizadora de Patios: a PRESENZA DA MÚSICA CLÁSICA.

Dende esta semana, e xa diariamente, o alumnado sairá ao patio escolar nos recreos (e voltará ás aulas, rematado este) ao son de fermosas pezas da musica clásica universal. Isto non sería posible se non contasemos coa colaboración da mestra de Educación Musical, Bea, quen foi e será a encargada de procurar aquelas pezas e fragmentos musicais máis acaídos á idade dos nosos nenos e nenas.

Cada mes iremos cambiando os compositores e músicos. Neste mes de Novembro escolleu Bea, a VIVALDI E SAINT-SAËNS.

Aquí vos deixamos os carteis e se pinchades neles podeeredes escoitar as pezas musicais: "O outono" de Vivaldi, e "O entroido dos animais" de Saint-Saëns.

 

Proxecto "outro patio é posible"__UNHA SEMANA DE PATIO ESCOLAR "EN MOLLADO"

Nesta semana o PATIO ESCOLAR vivenciou a súa versión “EN MOLLADO” (a choiva acompañounos os cinco días). A Comisión Docente de Patio puxo en práctica unha oferta e  distribución de espazos que deu un bo resultado, e que pendente dunha valoración en profundidade, non defraudou. Cómpre mellorala! Pois como todos ben sabemos o anteproxecto “OUTRO PATIO É POSIBLE. NO PATIO DE XOGO DIVERTÍMONOS TOD@S” vai medrando e correxíndose porposta a proposta, escoitando sempre á comunidade escolar.

Vaiamos pois ao PATIO “EN MOLLADO”:

Condicionado polo espazo que non supera o 30% da superficie total de patio nos días secos, a distribución foi a seguinte:

  • No ximnasio xogaron o alumnado de 1º nivel, o resto de nen@s distribuíronse nos cubertos onde se lles ofertaron xogos BOLBORETA (de libre elección) con xogos que implicasen desprazamentos curtos e evitasen accidentes.
  • 3 zonas: unha con xogos de mesa (parchís, oca, damas, xadrez) con posibilidade de xogo para 50 alumnos; outra zona, de bibliopatio, onde se podía ler e charlar, con aforo de 20 alumnos; outra zona, recén estreada, de Debuxo con Ceras con posibilidade de xogo para 20 alumnos; outra ampla zona para lanzamento de Trompos e Yo-yós (cincuenta unidades); e unha, de combas individuais e zancos.
  • Existindo sempre a liberdade total de non xogar a xogos BOLBORETA e facer, paseo e xogo libre (sempre e cando non puxese en perigo ao resto de compañeir@s).

Deixámosvos algunha foto, ollade!

Máis fotos aquí: https://drive.google.com/open?id=1-6ltV32buIK2qLlngp_U4_RBpIszc7BJ

E a ver se hai sorte e volta o veraniño de San Martiño!!!!!

Xógase máis e mellor EN SECO  ca EN MOLLADO, nos recreos co colexio Balaídos.

 

     

EmocioMartes: DINÁMICA DE AUTOESTIMA

O martes 6 de novembro levamos a cabo o segundo Emociomartes deste curso.

Nesta ocasión, a sesión contou de dúas partes. Na primeira, traballamos vocabulario emocional co fin de poder expresar mellor como estamos e como nos sentimos; así como recoñecer as emocións nas demais persoas. Esta actividade iremos traballándoa ao longo do curso. Na segunda parte fixemos fincapé nas nosas fortalezas e debilidades; reflexionar sobre a autoestima; que ninguén é perfecto e que temos máis cousas que nos unen ca que nos separan.

 

Aquí unha mostra das sesións nas diferentes etapas:

Renovamos a participación no programa "Introducción á robótica educativa en primaria"

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar a resolución definitiva dos centros que se incorporan neste curso 2018/19 ao programa de innovación Introdución á robótica educativa en primaria, un total de 50, o que supón que en Galicia dispoñen xa destes kits de robótica subministrados pola Xunta un total de 159 colexios públicos. Deles, 77 renovan ou continúan o proxecto do curso anterior e 32 participarán cun ampliado do ano pasado (isto é, recibirán unha nova dotación de robots e complementos de construción), ao abeiro desta última resolución publicada, que se pode consultar no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/26343 .

En concreto a dotación que recibirán os centros – tanto os de nova incorporación como os que amplían recursos– consiste en 6 robots Mbot (modelo básico) e kit de construción compatible de Lego, ademais dos manuais de uso e guía didáctica.  Os destinatarios destes materiais son alumnos de 4º, 5º e 6 de Primaria.

Como sabedes, o noso centro participou neste programa o pasado curso e ampliáronnos a participación tamén para este 18-19.

FESTEXAMOS O SAMAGOSTÍN!

 

O mércores 31 de outubro festexamos a nosa tradicional festa de Samagostín, onde o terror do Samaín e o arrecendo das castañas asadas mestúranse para facer unha festa tan terrorífica como deliciosa!

Para a celebración desta conmemoración leváronse a cabo diferentes actividades relacionadas co noso proxecto anual "Sementamos para vivir as aventuras deste curso" e proxecto de innovación educativa "Hortus Cultus 3.0":

O martes 30, o alumnado de infantil realizou unha merendola moi sabrosa e saudable!
As portas das aulas enchéronse de apócemas moi orixinais e ao alcance de todos e todas, xa que os seus ingredientes atópanse na horta!

Non podíamos esquecer facer o noso photocall de medo!

Compartimos tod@s xunt@s xogos no patio e a posterior degustación de castañas.

Non queremos deixar de agradecer aos asadores a súa labor e esforzo a pesar do tempo!

 

 

 Para acceder as fotos só tendes que clicar aquí.

VISITA AO MUSEO LISTE "COUSAS DE ENCANTAMENTO"

O alumnado de 2º de Educación Primaria visitou o Museo Liste para participar na actividade "Cousas de encantamento".

En primeiro lugar tivemos unha explicación sobre a orixe e características do Samaín, mentras os nenos e as nenas que o desexaban convertíanse nos personaxes que estabamos a escoitar.

Despois elaboramos unhas pantasmas moi terroríficas.

Por último, baixamos ao soto do Museo para adentrarnos na pasaxe do terror! 

DÍA DA BIBLIOTECA

Hoxe, 24 de Outubro, abriuse a biblioteca do C.E.I.P. Balaídos. Hermenexilda, Casilda e Xoán déronnos a benvida a este novo curso. Foron os encargados de repartir as mochilas viaxeiras que irán a todas as casas. Esperemos que vivades formidables aventuras!

Non deixedes de visitar o seu blog: http://orecunchodexoan.blogspot.com

Distribuir contido

Back to top