Erasmus +

Erasmus+ é o programa da UE para apoiar a educación, a formación, a xuventude e o deporte en Europa. Este curso estamos realizando o proxecto "Our eco-school is blooming", financiado por este programa. Neste apartado iremos contando a evolución e os resultados deste proxecto.

Dossier Erasmus+

Presentamos o noso dossier Erasmus+, cos resultados do proxecto Our Eco-School is blooming, implementado na escola o curso pasado e financiado polo programa Erasmus+ que como sabedes é o programa da Unión Europea para apoiar a educación, a formación, a xuventude e o deporte en Europa.

CLICA AQUÍ PARA VELO

Waste, lost and found in Balaídos

 

 

Fixemos esta obra de arte nas clases de Art de 2º e 3º con todo o material utilizado durante o curso. Queríamos reflexionar sobre todo o lixo que producimos no noso día a día e pensar en alternativas para reducir residuos!

 

Paseos na natureza

Coma actividades finais de curso (e tamén incluídas no noso programa Erasmus de actividades na natureza) fixemos varias saídas. Unha delas foi ao Monte Vixiador, onde todo o alumnado de Educación Infantil gozou dun gran día na natureza! O alumnado de 6º fixo un percorrido polo Lagares, identificando especies vexetais e animais. 

 

Limpamos o Parque da Bouza

 

Con motivo do Día do Medio Ambiente, o alumnado de 4° recolleu lixo no parque da Bouza e tamén investigou sobre as instalacións e sobre o que precisa máis coidado e reparacións. Foi unha gran xornada coidando o medio ambiente!

Grazas á asociación As Da Bouza pola idea e o traballo conxunto.

 

 

 

Recollida de tapóns

 

 

Instalamos na entrada do colexio un contedor para que as familias que queiran colaborar co coidado do medioambiente deixen os seus tapóns de plástico, tamén os das merendas do cole. É unha maneira de concienciarnos do plástico que xeramos e de axudar a unha boa causa, xa que van destinados a Fundación Hogar de San José.

 

Visita de Sandra Reyes e Modesto Ochoa

 

Dentro do noso proxecto Erasmus+, visitaron o noso cole Sandra Reyes e Modesto Ochoa, activistas medioambientais de Honduras. Falaron co alumnado de 6°, explicáronnos moito sobre o seu labor e sobre a importancia de coidar o planeta. Plantaron un carballo no noso xardín xunto co alumnado de 1° de Primaria. Grazas por todo!

 

Esta actividade foi promovida grazas á colaboración da Coordinadora Galega de ONGD, que organizou a xira Futuro en Común. Podedes ler máis sobre a actividade na súa páxina web, clicando aquí.

 

Visita Erasmus+ dende Portalegre

No mes de maio visitounos Lígia Maria Guerreiro, do Agrupamento de Escolas José Régio de Portalegre (Portugal), dentro do noso proxecto Erasmus + "Our eco-school is blooming". Explicounos as actividades que fan nas súas eco-escolas, deu unha formación ao profesorado e ensinounos como facer xoguetes con material reciclado. 

O agrupamento de Escolas pertence a rede portuguesa de Eco-escolas, levando case dez anos realizando todo tipo de proxectos relacionados co medio ambiente. A mestra deu unha formación sobre todos estes proxectos (camiños na natureza, aforro de auga, enerxía…) á vez que observou as potencialidades do noso colexio e as posibilidades que temos para impartir aulas na natureza e diminuír o número de plásticos. Achegou suxerencias coma un xardín vertical, a creación de camiños na senda do Lagares ou unha presencia real da reciclaxe no noso centro.

 

Así mesmo, realizou actividades co alumnado de sensibilización sobre o coidado da natureza. Obrigadas, Lígia!

 

 

 

 

Visita Erasmus+ a Grecia

 

As mestras Xela e Nerea viaxaron ata a escola Rizario Kindergarten en Trikala (Grecia). Alí, fixeron obradoiros cunha combinación de actividades STEM e medioambientais a través dos contos de fadas, participaron nunha plantación de árbores e realizaron un taller práctico sobre o uso de dispositivos intelixentes e equipamento TIC en actividades educativas e de aprendizaxe.

Ao mesmo tempo, observaron diferentes enfoques á hora de integrar o contorno da escola na aprendizaxe así coma nas actividades diarias do centro. Visitaron un centro medioambiental, no que recibiron unha formación sobre o bosque de Pertouli, un exemplo en respeto e coidado da natureza. Coñeceron a cidade, a escola e o seu contorno, observando potencialidades na mesma e adquirindo ideas que poder implementar de volta no noso centro. En resumo, foi unha gran experiencia que redundará nunha maior calidade para a nosa ensinanza!

 

 

 

Visita Erasmus+ a Eslovenia

 

 

Os mestres de Educación Física Pablo e Martín viaxaron ata Liubliana, a capital de Eslovenia, onde na escola de Vrtec Trnovo realizaron unha observación das prácticas pedagóxicas, aprendendo sobre novos métodos innovadores de ensinanza e familiarizándose con diferentes técnicas sobre como achegar a contorna da escola á aprendizaxe así como introducir o coñecemento e o coidado do medioambiente nas actividades do día a día. Esta actividade forma parte do noso proxecto europeo "Our eco-school is blooming".

 

Aprenderon sobre o proxecto deste centro, “Work with a puppet” e a súa metodoloxía, así como a integralo no proceso educacional, observando e participando na aprendizaxe por descubrimento.

 

Tamén foron de excursión ao castelo da cidade co alumnado. Foi unha experiencia moi valiosa, para repetir no futuro e continuar traballando xuntos!

 

 

Orientación na natureza

O pasado mes de febreiro fixemos unha actividade de Orientación no Parque de Castrelos co alumnado de 5º de Primaria co obxectivo de coñecer as especies vexetais do parque e fomentar a práctica de exercicio no exterior.

O alumnado realizou un percorrido polo parque atopando unha serie de balizas nas que había un conxunto de preguntas relacionadas coa flora do parque e o coidado do medio ambiente.

Esta foi a última sesión da unidade didáctica integrada sobre Orientación e Medio Ambiente, relacionada á vez co noso proxecto Erasmus+ “Our eco-school is blooming”. Participaron os mestres de Educación Física, os titores de 5º de Primaria e as mestras de Eslovenia participantes no noso intercambio. Que ben o pasamos!

 

 

Distribuir contido

Back to top