Reseña histórica

Reseña histórica

Balaídos: Terra de Abeleiras.

O alumnado de 4º e 5º de primaria baixo a dirección do profe Rafa realizaron un documental para explicar a orixe do nome do noso centro: Balaídos. Para iso realizaron un gran traballo de investigación así como de interpretación. 

 

FACENDO ESCOLA dende 1980/81

           Aló polo ano 1980, o día 19 de setembro, inaugurábase o Colexio Balaídos. Daquela comezaba o seu funcionamento “baixo mínimos”: case sen dotacións, poucas mesas e libros, sen biblioteca, nin ximnasio. A primeira reunión do Claustro tivo lugar o 9 de outubro de 1980. As clases estaban ateigadas de alumnado (16 aulas, dende 1º nivel a 8º nivel, grupos A e  B). Cómpre non esquecer que no centro, nos primeiros cursos, tamén había unha unidade de nenos hipoacústicos (xordomudos).

            Na imaxe inferior pódese aprezar como nos arredores do colexio non había edificios nin rúas. Só campos de cultivo e o Estadio Balaídos. Daquela mesmo se escoitaba o bruar do vento e o o rechouchío dos paxariños.

                Coa chegada do primeiro inverno, chegou a primeira folga (de tres días). O frío era tal, que houbo que paralizar as clases para que puxesen a calefacción, e maila luz eléctrica.                          

O colexio Balaídos innovaba en “cultura democrática” (no ano 80, os titores da 2ª etapa (6º,7º e 8º) eran elexidos por votación do alumnado). A democracia estaba recén estreada, e o Estatuto de Autonomía chegaba ás aulas (nunha acta de decembro de 1982 consta un acordo docente de explicar “democracia” ao alumnado, é dicir, todos os cambios lexislativos acontecidos nos últimos anos).                           

A Biblioteca Escolar, e a lectura, de sempre foi moi aloumiñada e tratada co máximo tino. Mostra disto é que as primeiras 30.000 ptas coas que contou o colexio, en 1981, de orzamento foron asignadas a dotación de libros para a biblioteca. En 1985 crearíase a Comisión de Biblioteca, formada por varios mestres. Dende 1986 o alumnado conta no seu horario semanal cunha hora de visita á biblioteca xeral, para ler e realizar actividades de animación á lectura.                           

No curso 80-81 celebrábase a primeira excursión de remate de curso ata Tui e A Garda (a partir de 3º curso). Daquela, a ANPA adoitaba celebrar tamén as súas festas no Parque de Castrelos. No curso 1983/84 o alumnado de 8º vendía bocatas durante o recreo para axudar a sufragar os gastos das excursión de remate da EXB. En 1988 estas excursións serían sustituidas por convivencias de 2 ou 3 noites en campamentos ou albergues.

  En 1981 inaugúrase cun festival o Salón de Actos do colexio, que daquela tiña patio de butacas. Se non o credes, fixádevos na imaxe. Ano tras ano, o salón de actos acolleu e acolle ducias de representacións teatrais, e festivais (Nadal, Letras Galegas, Remate de Curso, contacontos,…)

 

 

Tamén polo 1981 nace a nosa Revista Breogán, que ten a súa orixe nun xornal mural mensual (os cursos tiñan asignado cadanseu mes, no cal lles correspondía encher o  mural con novas, traballos e pasatempos). No 1983 acordouse imprimir O XORNAL BREOGÁN en formato revista.

 

No mes de febreiro de 1984, coincidindo co entroido, sae por primeira vez  O MECO e AS COMPARSAS en desfile polas rúas de arredor. Daquela o Meco era unha dragona. O obxectivo de sacar o entroido ás rúas do barrio era, e aínda é, acadar unha meirande participación da comunidade educativa, abrindo a escola ao barrio.

 

No 1982/83 elabórase o primeiro Regulamento de Rexime Interno que regularía a convivencia no colexio. Este iríase renovando, ampliando, matizando e consensuando por Claustro e Consello Escolar ao longo dos anos de vida deste centro, até hoxe.

            Un feito de grande importancia, e que marcaría o xeito de entender o ensino nesta escola, foi que xa dende o primeiro ano de vida do colexio (en 1980) se acordou impartir a asignatura de Lingua Galega en todos os cursos da EXB. Máis adiante, en 1987, comezaron a se impartir varias asignaturas máis en GALEGO: Coñecemento do Medio, Matemáticas, Plástica,…

             Aínda hoxe, no Proxecto Educativo deste Centro mantense como un dos principais obxectivos a acadar: “dar pulo ao coñecemento, competencia  e uso da lingua galega como lingua de relación entre os distintos sectores da comunidade educativa”.

             O primerio Consello Escolar constituíase o 19 de maio de 1986.

            As obras regresaron polo mes de outubro de 1988. E no curso 1990/91 (abril de 1990) inaugurábase  o edificio actual de Educación Infantil (daquela, Párvulos ou Preescolar). O Colexio Balaídos comezaba pois a acoller nenos e nenas dende os catro anos de idade até os catorce (pasando de 16 a 20 unidades). O profesorado incrementábase coa chegada das catro mestras do preescolar de Portanet (Serafina Lage (Fina), Mª Dolores Araújo (Nones), Clara Couselo, e Mª Teresa Luaces (Tere))

          No ano 1990/91 celebrábase por vez primeira o DIA DA PAZ, no patio do colexio. Os cursos situábanse en círculos concéntricos e dábase lectura a un manifesto. A razón fora o estoupido da Guerra no Golfo Pérsico.

            No ano 1993, e tras doce anos con xornada partida (clases de mañá e tarde), e tras longas negociacións, a xornada lectiva pasou a desenvolverse só de mañá.

            A seguinte grande obra que alteraría a fisonomía do noso patio escolar foi a construcción do Ximnasio. Ata daquela as sesión de educación física impartíanse ao aire libre, nas pistas. A mestra Sara Centrón, especialista de EF, e o Claustro fartáronse de loitar durante moitos anos (dende 1989/90) para conquerilo e…no curso 1995/96 comezou a funcionar.

            Por outra banda, o profesorado do Ceip Balaídos de sempre creu na gratuidade dos libros de texto para o ensino público e proba diso foi que dende comezo da década dos anos 90, propúxose organizar un “banco de libros”. Os textos das distintas áreas irían pasando de man en man, curso tras curso escolar. Foi un grande logro. Supuxo un grande aforro para as economías domésticas da nosa comunidade educativa.

            Chegada a LOXSE (Lei Orgánica Xeral do Sistema Educativo) en 1995, o alumnado que cursaba 7º e 8º da antiga EXB (Educación Xeral Básica) trasladouse ao Instituto de Ensino Secundario (IES Alexandre Bóveda, ao cal estamos adscritos dende aquela) coa fin de estudar o 1º ciclo da ESO.

            O nome do colexio tamén cambiaría algo. O nome antigo era CP BALAIDOS (Colexio Público Balaidos), e pasou a chamarse: CEIP Balaídos (Centro de Educación Infantil e Primaria “Balaídos”).

            A Loxse levou ao alumnado e converteu o noso centro educativo, de sempre moi saturado de nenos e nenas, nun edificio con espazos baleiros que puidemos adicar a outras áreas: Aula de Educación Musical, de Lingua Estranxeira (Inglés e Francés), de Relixión, de Plástica… O cal veu favorecer a calidade e diversificación da docencia.

            Nese anos  chegaban ao colexio os primeiros computadores. Recursos que foron medrando ano tras ano. Dende o curso 2001/02 cursos contamos cunha aula específica de Informática (TIC), con conexión a internet (renovada en 06-07). O alumnado dispón no seu horario dunha sesión semanal na devandita aula. Tamén as aulas do alumnado contan con cadanseu computador.

            No ano 2000/01 púxose en funcionamento o Comedor Escolar, xestionado pola ANPA (Asociación de Nais e Pais). E o servizo de Gardería matinal (entre as 07:45h e 09:00h) comezaba no 2003/04.

            Chegado o curso 2005-2006 o Ceip Balaídos celebraba o seu 25 aniversario cunha amplísima programación de actividades que abrangueron todo o ano escolar, na cal se reservou unha data para o reencontro de antigo profesorado e alumnado.

              Era de merecer, pois cumprianse 25 ANOS DE ESCOLA.

Distribuir contido

Back to top