Alerta de nivel LARANXA

A Axencia Estatal de Meteoroloxía e MeteoGalicia alertan dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel LARANXA por refachos de vento superiores a 100km/h, que comezará hoxe, mércores día 18.12.2019 ás 09.00 horas e prolongarase ata as 18:00 horas. Este adverso afectará ás zonas de predición meteorolóxica da totalidade da provincia da Coruña e Pontevedra, a Mariña de Lugo e noroeste e montaña de Ourense.

Ante a devandita situación de risco, a Comisión Escolar de Alertas acordou o seguinte:

    1. A SUSPENSIÓN DE ACTIVIDADES NO EXTERIOR nos centros educativos situados nas zonas de predición meteorolóxica afectadas.
    2. A autoridade educativa comunicará esta incidencia ás direccións dos centros escolares afectados, solicitando que leven a cabo esta medida e fagan un seguimento dos partes meteorolóxicos durante a xornada na que se desenvolverá este adverso.
    3. Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro, supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.

EMOCIOMARTES DE NOVEMBRO: O PODER DAS PALABRAS

No mes de Novembro realizamos no colexio dúas sesions de Emociomartes nas que traballamos o poder das palabras, e comprobamos como podemos motivar ou desanimar aos nosos amigos e compañeiros. Foi unha experiencia moi profunda e impactante para os nenos e nenas.

  

Taller intelixencia emocional-escola de nais e pais

O vindeiro mércores 11 de decembro, de 16:00 a 18:00h terá lugar a seguinte sesión do "Taller de intelixencia emocional - Escola de nais-pais".

XORNADA DEPORTIVA "PONTE NO MEU LUGAR"_ Federación Galega de Deporte Adaptado

O xoves 21 de novembro de 2019 o alumnado de 5º e 6º de educación primaria saímos do colexio en dirección ao Pavillón de As Travesas, e alí chegamos camiñando.

Nel agardábannos os compoñentes do clube ENKI de A Coruña para pór en practica e vivenciar in situ, todo o explicado na charla desenvolta no colexio Balaídos na semana anterior (da cal xa informamos nesta web) referida ao DEPORTE ADAPTADO e baixo o nome de PONTE NO MEU LUGAR.

Xunto con varios colexios olívicos, puidemos vivenciar varias disciplinas deportivas, durante dúas horas: 

-Tenis en cadeira de rodas.

-Eslalom en cadeira de rodas.

-Percorridos en handbike. Discamino

-Boccia

-Goalball

- Voleibol Sentado.

Aquí vos deixamos varias imaxes do encontro : XORNADA DEPORTE ADAPTADO

 

E ESTE MINIVIDEO:

 

Obradoiro automatización industrial para 4º de primaria.

O pasado mércores 20 de novembro, o alumnado de 4º de Educación primaria, dentro do marco da materia de Introducción ao Pensamento Computacional, tivo a gran oportunidade de participar nun obradoiro práctico sobre a automatización industrial da man de Olivia, nai de Natalia alumna do noso centro. Coñecimos como na súa labor coma enxeñeira industrial é moi importante  a programación e a aplicación da lóxica para solucionar problemas. O noso alumnado puido manexar moitos instrumentos que ela trouxo do seu traballo tales como Datamatrix, láseres que recoñecen cores, lectores RFID, balizas, motores, sensores de inducción e infravermello... e moitos máis. 

SAÍDA AO MUSEO LISTE: ONDE ESTÁN AS CHAVES?

Os nenos e nenas de 1º de Primaria visitamos o Museo Liste dun xeito distinto, no que conxugamos coñecemento e diversión.

Percorremos as distintas salas, onde nos explicaron os aspectos máis salientables e as pezas máis senlleiras, co fin de acadar o obxectivo final: obter nove chaves que, coa súa combinación de números, abrirían a caixa forte na que se gardaba un agasallo para nós! 

Non foi doado, tivemos que pasar moitas probas e demostrar o aprendido: atopar obxectos agochados, observar ben para decatarnos das diferenzas, abrir cadeados para formar a seguinte pista, ordear pedras segundo o seu peso...

Queredes ver o ben que o pasamos? Non perdades o seguinte video.

DEPORTE ADAPTADO_XORNADA DE SENSIBILIZACIÓN DO ALUMNADO

Hoxe mércores 13 de novembro, o noso alumnado (5º e 6º de E. Primaria) tivo a fortuna de achegarse ao DEPORTE ADAPTADO en primeira persoa, a traveso da asistencia a unha charla sobre a historia de superación relatada por dous deportistas profesionais con discapacidade (o triatleta Ángel López, e o tenista Daniel Prado). Pertencen ambos á Federación Galega de Deporte Adaptado, clube ENKI.

O alumnado vivenciou en directo todo o relativo á discapacidade e integración social dende a palabra de quen sen prevelo, e por causa de sendos accidentes de coche por exceso de velocidade, viron a súa vida dar un xiro total; que souberon reconducir e superar a través do deporte e a adicación.

Esta primeira fase da actividade (visita ao colexio), proposta polo clube ENKI de A Coruña, terá continuidade o vindeiro xoves 21 de novembro coa Actividade deportiva a desenvolver no Pavillon de As Travesas.

Diso habemos informarvos para a semana. Mentres tanto e, tras darlles as grazas a Ángel, David e Raquel Sanduende, deixámosvos un ENLACE aos minivideos e algunha imaxe do coloquio.

ESTA ACTIVIDADE TAMÉN SE INSIRE NO PROGRAMA DE PROPOSTAS QUE O COLEXIO BALAÍDOS ESTÁ A PREPARAR NAS AULAS DE INFANTIL E PRIMARIA PARA CELEBRAR O DÍA 3 DE DECEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE.

 

SAÍDA AO MUSEO LISTE: A NOITE DOS CALACÚS

O 24 de outubro, o alumnado de 2º de Educación Primaria visitou o Museo Liste para participar na actividade de Samaín, "A noite dos calacús".

Alí mergulláronse na celebración do Samaín, dende a aprendizaxe da súa orixe e características ata a realización dunha coroa de Samaín que levaron como agasallo para enfeitizar a aula e un taller de maquillaxe.

Pero iso non foi todo!, participaron nunha xincana "A noite dos calacús", na que foron descubrindo todas as tradicións propias destas datas pasando por distintas probas.  

 

 

E CHEGOU O SAMAIN

Un ano máis chegou ao cole a festa do Samain. Como cada curso, disfrutamos dun día de diversión e medo cos nosos disfrazes e a decoración das aulas e do cole.

Debido ao mal tempo, tivemos que anular o magosto, pero ainda así pasamos un gran día. En infantil compartiron unha sana merenda terrorifica, e despois todos saimos ao patio a xogar e pasalo moi ben!!!!!

 

ENSAIO ABERTO DA ORQUESTRA CLÁSICA DE VIGO

O sábado 12 de outubro ás 18:00 h, tivo lugar o ensaio xeral da Orquestra Clásica de Vigo no Teatro García Barbón.

Asistiron unhas 15 familias do alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria en xeral.

A actividade divulgativa durou, aproximadamente, unha hora arredor ao concerto que tivo lugar ese mismo día ás 20:30 h.

Escoitamos un movemento do Concerto para piano Nº1 en sol menor op 25, de Félix Mendelssohn, polo artista Jorge Abreu Seoane e dirixido por Manuel Martínez.

Ao rematar a actividade, o alumnado coñeceu o Teatro García Barbón por dentro e participaron debuxando nun mural o que máis lles gustou do ensaio (os instrumentos da orquestra, o director, o pianista...), así como ao pianista ao cal lles puideron facer preguntas. 

Resultou moi enriquecedor e positivo.

Aquí vos deixamos un vídeo coas fotos desta experiencia!

 

GRAZAS POLA ASISTENCIA E PARTICIPACIÓN!

ATA A PRÓXIMA! 

 

 

Distribuir contido

Back to top