Avaliacións de ámbito autonómico
A avaliación do sistema educativo é un elemento imprescindible para a mellora da calidade e a equidade da educación que permite detectar os aspectos que funcionan ben e os que poden ser mellorados, exercendo unha función de transparencia e de rendemento de contas á sociedade e contribuíndo ao coñecemento do sistema para orientar a toma de decisións das institucións e dos sectores implicados na educación.
A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, desde a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, a través do Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, organiza, planifica e deseña instrumentos para a realización dos procesos de avaliación do sistema educativo non universitario e coordina o desenvolvemento na comunidade autónoma dos programas nacionais e internacionais de avaliación nos que participa Galicia e as accións de mellora dos centros e servizos educativos.
A Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación (LOE), modificada pola Lei Orgánica 3/2020, de 29 de decembro (LOMLOE), prevé nos seus artigos 21 e 29 a realización dunha avaliación de diagnóstico de carácter censual que se deberá levar a cabo en todos os centros educativos e terá como marco de referencia o establecido no seu artigo 144: “Os centros docentes realizarán unha avaliación a todos os seus alumnos e alumnas en cuarto curso de educación primaria e en segundo curso de educación secundaria obrigatoria, segundo dispoñan as administracións educativas. A finalidade desta avaliación será diagnóstica e nela comprobarase, polo menos, o grao de dominio da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática”.
O Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia determinan nos artigos 27 e 23, respectivamente, a realización deste proceso avaliativo.
A implantación das avaliacións de diagnóstico realizarase a partir do curso 2023-2024. A información recollida utilizarase para o establecemento de accións co obxectivo de mellorar a calidade e a equidade da educación a través do coñecemento da situación do sistema educativo.
Extractos do marco xeral para algunhas das competencias avaliables na avaliación de diagnóstico:
-
Lingua Galega e Literatura (con ampliación de ítems): 2º curso de ESO, 4º curso de ed. primaria
-
Lingua Castelá e Literatura (con ampliación de ítems): 2º curso de ESO, 4º curso de ed. primaria
-
Lingua Estranxeira: 2º curso de ESO, 4º curso de ed. primaria
-
Matemáticas: 2º curso de ESO, 4º curso de ed. primaria
Preguntas e respostas sobre a avaliación de diagnóstico
Como ler e analizar o informe de resultados do centro educativo