Skip to Content

Animación á lectura

'El jardín de Matisse' e 'Maus', primeiras lecturas compartidas nos clubs de lectura

O álbum ilustrado El jardín de Matisse inaugurou o clube de lectura Petiscos de Arte con nada máis e nada menos ca 29 rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO, que renderon homenaxe a Matisse nunha explosión de formas e cores que invadiu a Biblioteca. Na próxima sesión descubriremos a Yayoi Kusama. 

Pola súa banda, o alumnado de Bacharelato, acompañado polas profesoras de Historia, Bea e María e a coordinadora do clube, Cristina, achegáronse a unha obra mestra da BD, premiada cun Pulitzer en 1992: Maus, de Art Spiegelman.

Deste modo, comeza a súa andaina o clube Historias de Historia, cunha necesaria ollada ao pasado para entender e reflexionar sobre os perigos que nos asexan no presente.

Botan a andar os Clubs de Lectura do instituto

 
Neste mes dá comezo unha nova edición dos Clubs de Lectura do noso centro coa participación de 45 alumnos e alumnas. Haberá tres clubs, que compartirán as súas lecturas en sesións de carácter mensual ata o mes de maio. A maiores, entre febreiro e marzo, volverá o club de lectura e cinema integrado no proxecto interdisciplinario relacionado coa viaxe de fin de etapa de 4º ESO.
 
Nestas semanas darán comezo os seguintes clubs:
  • Petiscos de arte (títulos e calendario), con alumnado de 1º e 2º ESO. Tras a lectura compartida de álbumes ilustrados relacionados con artistas como Matisse, Yayoi Kusama ou Louise Bourgeois, o alumnado realizará un traballo artístico inspirado na obra dos autores e autoras traballados.
  • Lecturas pola igualdade (títulos e calendario), on alumnado de 2º, 3º e 4º ESO. Todas as lecturas propostas xirarán en torno a problemáticas relacionadas coa violencia de xénero, a igualdade e a diversidade afectivo-sexual.
  • Historias da historia (títulos e calendario), con alumnado de 4º ESO e Bacharelato. A través da banda deseñada, achegarémonos a narracións baseadas na realidade, ás veces biográficas, outras ficcionadas, con temáticas como o holocausto nazi, a venda de preferentes, a guerra civil ou as pioneiras en materia de igualdade.
Que teñades unha feliz singradura e boas lecturas!

Animádevos a participar nos clubs de lectura!

Os Clubs de Lectura do instituto xa están en marcha. Preguntade na Biblioteca e sumádevos. Que que é un club de lectura? Todo un mundo por descubrir! Botádelle unha ollada ao blog da biblioteca e xa veredes todo o que se fixo no curso pasado.

Actividades de biblioteca 2019 - 2020

A Biblioteca Escolar do IES Soutomaior coordina, durante o curso académico 2019/2020, as seguintes actividades de animación á lectura desenvolvidas no centro:

  • Hora de Ler: Como nos cursos anteriores, continuamos coa Hora de Ler, na que o alumnado e profesorado dedican unha sesión semanal dentro do horario lectivo á lectura. As aulas de 1º a 4º de E.S.O. contan con caixas de libros diversos (novela, banda deseñada, poesía, divulgación...) e escollidos en función dos intereses e idades dos destinatarios. 
  • Clubs de lectura: Os clubs de lectura desenvólvense fóra do horario lectivo (martes entre as 15:00 e as 16:00 horas) e con participación voluntaria. Convócanse a mediados de outubro e funcionan con sesións mensuais entre novembro e maio. Neste curso académico 2019-2020 estarán en funcionamento catro clubs de lectura (banda deseñada histórica a partir de 4º E.S.O., Club "Petiscos de arte" para alumnado de 1º e 2º  E.S.O., "Lecturas pola igualdade" para 2º e 3º ESO e o club de lectura relacionado co Proxecto Interdisciplinario da viaxe de fin de etapa en 4º E.S.O.).
  • Elaboración de trípticos e exposicións temporais.

Para seguir o desenvolvemento das distintas actividades, podes consultar o blog da biblioteca.

O alumnado dos Clubs de Lectura avalía a experiencia e despídese ata o próximo curso

Ao longo do curso fomos dando boa conta da marcha dos diferentes clubs que se activaron este ano no noso instituto e que implicaron a rapaces e rapazas de todos os cursos arredor dos libros e a lectura, entendida esta coma un acto social, lúdico e compartido no que agromaron vivencias e emocións únicas. 

Na mañá do luns 3 de xuño realizaron a sesión de avaliación final e completaron a enquisa un total de 32 participantes. Segundo as súas respostas, a experiencia foi moi positiva e parece que as boas sensacións os animará a repetir no curso que vén; de seguro que o boca a orella fará o resto e en setembro miraremos novas caras nos clubs. Se queredes coñecer máis polo miúdo a avaliación da actividade, non tedes máis que premer nesta ligazón.

Moitos parabéns ao alumnado participante! Vémonos en setembro!

Falemos de ti e min a través da BD e despedida dos Clubs de Lectura da Biblioteca

O Proxecto Falemos de ti e min tamén se concretou nun club de lectura de banda deseñada, Marcando a Diferenza, que dende o mes de outubro reuniu alumnado de diferentes cursos ao redor de obras que abordaron temáticas como a diversidade funcional, a diversidade de orientación sexual, a inmigración, as inxustizas, a guerra, a demencia senil, etc. As lecturas destes cómics achegaron vivencias e emocións doutras vidas que en moitas ocasións transitan de modo case invisible ao noso carón e que provocaron un grande impacto nun alumnado que, coas súas reflexións, converteu este club de lectura nunha experiencia moi enriquecedora. Podedes seguir o seu percorrido ao longo do curso nesta entrada do blog do proxecto.

Así mesmo, ao tempo que se despedía Marcando a Diferenza, os clubs de lectura de BD de 1º e 2º da ESO chegaron tamén á fin do curso coa lectura de Dad, de Nob, e Valiente, de Svetlana Chmakova, respectivamente. E fixérono cunha fermosa acción simbólica que recolle moi ben o espírito das lecturas deste ano: levantando muros "contra contra as desigualdades, contra as inxustizas, contra o acoso, o machismo, o racismo e todas esas actitudes que non queremos no centro".

Por último, o Equipo da Biblioteca quere agradecerlles ás bibliotecas escolares do IES de Poio, do IES Porto do Son e do CPI San Vicente A Baña o préstamo de exemplares dalgunhas obras de lectura dos diferentes clubs e proxectos do centro, xa que a optimización destes recursos públicos facilitou moito esta campaña de animación á lectura no noso centro.

Actividades de animación á lectura

A Biblioteca Escolar do IES Soutomaior coordinou, durante o curso académico 2018-2019, as seguintes actividades de animación á lectura desenvolvidas no centro:

  • Hora de Ler: Como nos cursos anteriores, continuamos coa Hora de Ler, na que o alumnado e profesorado dedicaron unha sesión semanal dentro do horario lectivo á lectura. As aulas de 1º a 4º de E.S.O. contan con caixas de libros diversos (novela, banda deseñada, poesía, divulgación...) e escollidos en función dos intereses e idades dos destinatarios. 
  • Clubs de lectura: Os clubs de lectura desenvolvéronse fóra do horario lectivo (recreos) e con participación voluntaria. No curso académico 2018-2019 funcionaron cinco clubs de lectura (banda deseñada a partir de 3º E.S.O., banda deseñada 1º E.S.O., banda deseñada 2º E.S.O., club de poesía e club de narrativa breve).
  • Elaboración de trípticos e exposicións temporais.

Para seguir o desenvolvemento das distintas actividades, podes consultar o blog da biblioteca.

Distribuir contido


by Dr. Radut