Skip to Content

Animación á lectura

Subnormal

Parva, idiota, maricón, gordo, puta, marimacho, zombi, imbécil... subnormal! 

Subnormal, esta foi a lectura que este venres reuniu o alumnado que forma parte do clube "Narrando con imaxes". A obra, de Fernando Llor e Miguel Porto, baséase nas vivencias de Iñaki Zubizarreta, ex-xogador de baloncesto que cando tiña 11 anos sufriu acoso escolar, "ese monstro con cara de neno que estraga infancias, marca vidas e, nos casos máis extremos, chega a provocar que nenos de curta idade atenten contra si mesmos", tal e como afirma o protagonista no epílogo deste cómic.

Este libro xa esá dispoñible na nosa biblioteca para toda a comunidade educativa. Animámosvos a coñecer de primeira man as reflexións e a ollada dos rapaces e as rapazas do clube entrando no blogue da biblioteca

Supersorda de Cece Bell, nova recomendación lectora

O club de lectura Narrando con imaxes reuniuse esta mañá para facer unha posta en común de Supersorda, de Cece Bell, unha historia autobiográfica sobre a xordeira da protagonista que non deixou indiferentes aos mozos e mozas do club.

Por iso, queren partillar connosco as súas impresións e recomendar vivamente esta lectura que está dispoñible na Biblioteca do instituto.

Reencontrándose na lectura

Y entonces nos perdimos... Este foi o suxerente título do cómic de Ryan Andrews que reuniu unha vez máis o alumnado que forma parte do club "Narrando con imaxes".

É a Festa do Equinoccio e o pobo reúnese para lanzar ao río centos de farois. A lenda conta que unha vez que os perdes de vista, voan cara á Vía Láctea e se converten en estrelas, mais Ben e os seus amigos queren averiguar qué sucede realmente. O plan é ir en bici seguindo o río o tempo que faga falla ata descubrir a verdade.

E, para partillar esta emocionante aventura e moito máis, os rapaces e rapazas do club se reuniron nun lugar tamén orixinal para gardar as medidas de seguridade, o ximnasio, onde foron xurdindo conversas e ilustracións que vos animamos a ver no blogue da biblioteca. Para mostra, un exemplo.

Obradoiro de Sketchnoting no club de lectura "Narrando con imaxes"

Conseguir que unha actividade, unha clase, unha experiencia concreta... deixe pegada no alumnado é ben difícil pero tamén é o máis fermoso da escola. Onte iso aconteceu no obradoiro de sketchnoting impartido por Javier Alonso para a rapazada do Clube de lectura Narrando con Imaxes.

Non deixedes de ler a crónica da actividade no blogue da biblioteca.

Acceso libre aos recursos de Galiciale

Nestes días #quedanacasa e, se tes ganas de ler e de ver cine de xeito gratuíto, podes acceder a Galiciale, a plataforma dixital das Bibliotecas Públicas de Galicia.
 
En Galiciale atoparás moitas das lecturas de aula, e tamén moitas novidades de literatura xuvenil. Bótalle un ollo! A nosa Biblioteca fai as seguintes recomendacións.
 

De conversa con Iria Misa

O pasado venres 28 de febreiro visitounos a escritora Iria Misa, autora de obras xuvenís como Xa non estou aquí (2016) e O segredo do solpor (2018)... mais, sobre todo, de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, unha novela que deixou unha forte pegada no alumnado de 1º ESO na materia de Lingua Galega. 

Máis imaxes aquí.

Iria Misa mantivo unha conversa moi ben guiada polos moderadores Breixo, Uxía e Zaira, encargados de facer as primeiras preguntas e dar paso ás consultas dos compañeiros e compañeiras. Soubemos así as motivacións que levaron a Iria a escribir esta novela, como comezou a escribir e publicar e como entende a escritura, a fermosa pegada deste libro nos lectores e lectoras e nela mesma...

Tamén estiveron moi presentes con nós Aine, Thomas..., os protagonistas de Mamá, quero ser Ziggy Stardust, que encarnan unha realidade que está aí, a da infancia transexual, a dos prexuízos que nos impoñen dende moi pequenos para sinalarnos como debemos actuar e como debemos ser por nacermos nenos ou nenas, a das violencias que sofren as persoas que non seguen os roles establecidos... Mais tamén, grazas á firmeza de Aine, á complicidade e comprensión da súa nai, a empatía de moitos outros personaxes ou a David Bowie, que para Iria Misa foi e é un referente moi importante á hora de escribir esta historia, entendemos que debemos perseverar naquilo que cremos e en ser nós mesmos para facer unha sociedade mellor, onde os afectos, a empatía e o respecto á diversidade afectivo-sexual e de todo tipo venzan a ignorancia e a discriminación.

Ao final, a hora pasou voando, fixemos moitas preguntas e aínda fariamos máis, a sinatura de libros que seguiu foi longa e quedamos coas ganas de repetir un novo encontro con iria Misa, a quen lle agradecemos moito a súa visita, a súa proximidade e o seu cariño.

Conversamos con Eva Mejuto arredor da literatura e a vida

Este pasado mércores 19 de febreiro recibimos a visita da escritora Eva Mejuto, que fixo un oco na súa axenda, moi apretada por mor dos preparativos dunha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que ela coordina, para conversar sobre dúas das súas obras, 22 segundos e Memoria do silencio.

E non falamos apenas dun encontro, senón de varios (Galería de imaxes), pois a autora reuniuse en primeiro lugar co alumnado de 2º ESO e, posteriormente, cos membros do Clube de Lecturas pola Igualdade.

Lucía Castrillo e Sabela Magariños conduciron o encontro que Eva Mejuto mantivo co alumnado que leu 22 segundos. Nel, a escritora explicounos como deu o salto da literatura infantil a unha novela coma esta, como foi o seu proceso de creación, das vivencias dos e das adolescentes transexuais e da necesidade de empatizar tanto con este colectivo historicamente silenciado e coas persoas LGTBi como en xeral con todas as persoas que nalgún momento se senten bechos raros nunha sociedade que marca certos patróns de conduta e comportamento que limitan a nosa liberdade para expresármonos tal e como somos e que, en non poucas ocasións, oculta e mesmo persegue a diversidade. O alumnado de 2º ESO, ao que lle encantou a novela, quixo saber máis dos seus personaxes, tanto que Eva case nos anticipa por onde irá a segunda parte desta historia que nos fixo reflexionar sobre a vida e nos emocionou a partes iguais.

A seguir, Laura, Brais, Miguel, Lucía, Abril e a profesora Marta compartiron coa nosa convidada un café, unhas pastas e unha charla moi amena, cercana e enriquecedora sobre Memoria do silencio, unha novela baseada na historia das irmáns Touza, mulleres ourensás que na IIª Guerra Mundial salvaron a vida de centos de xudeus que fuxían da barbarie nazi. Con Eva Mejuto, os nosos lectores e lectoras foron debullando as claves dunha historia que os sorprendeu e atrapou e que xa fora obxecto dunha posta en común na sesión que na tarde anterior mantiveran coa profesora Cristina, a coordinadora do clube, e con Marta.

Dende aquí queremos agradecerlle a Eva a súa xenerosidade e o cariño que mostrou co noso alumnado (grazas pola visita!), así como a Lucía e Sabela pola súa magnífica estrea pública como presentadoras dun coloquio, aos rapaces e rapazas dos clubes de lectura porque nos fan medrar con eles e ás profesoras Merce, Marta e Cris por darlle ao alumnado a oportunidade de achegarse a estas historias. E, como non, á Edicións Xerais por facer posible esta visita.

Homenaxe a René Magritte no Club de lectura Petiscos de Arte

Os rapaces e as rapazas que forman parte dos diferentes clubes de lectura do instituto seguen a achegarse aos libros para partillar impresións e vivencias e para gozar, divertirse e aprender coas actividades propostas nas sesións conxuntas. 

Na última reunión do Clube Petiscos de Arte viviron unha sesión un tanto... surrealista. Achegáronse á obra La manzana de Magritte, da colección MOMA, e os resultados do reto proposto, atopar no libro as imaxes inspiradas polos cadros reais do artista, foron sorprendentes e moi creativos.

Non deixedes de visitar o blogue da biblioteca para coñecer o proceso creativo destes grandes artistas do surrealismo.

Primeiros pasos do Proxecto París e novidades dos clubes de lectura

Esta semana deu os seus primeiros pasos o Proxecto París, unha iniciativa na que colaboran diversas materias para dotar de contido didáctico a viaxe de fin de etapa de 4 ESO. E fíxoo cun Obradoiro de procura e tratamento de información guiado pola profesora de Lingua Castelá. Neste proxecto voluntario participan 23 alumnos e alumnas que realizarán, entre outros produtos, a Guía de viaxe da cidade visitada.

No blogue da Biblioteca tamén se dá conta das últimas sesións dos Clubes de Lectura. Así, no clube de Igualdade púxose en común a lectura da novela Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, mentres que no clube Historias de historia se partillou o cómic de Jaime Martín, Jamás tendré 20 años,

Préstamo de álbums ilustrados para as familias

A Biblioteca do IES conta cunha nova sección de álbum ilustrado aberta ao préstamo ás familias, alumnado e profesorado. Os álbumes foron escollidos de xeito que as temáticas fosen diversas, e así, hai sitio para a arte, a igualdade de xénero, os conflitos, os valores que queremos na nosa sociedade ou a diversidade.

Botádelle un ollo, especialmente os que teñades cativos na casa.

Ademais, os clubs de lectura "Historias de historia" e "Petiscos de arte" retomaron as súas reunións coa posta en común das obras Persépole e Sonia Delaunay, una vida de color, respectivamente.

Distribuir contido


by Dr. Radut