Skip to Content

Animación á lectura

EXPOSICIÓN DE LIBROS E CARTEIS DE CINE NA BIBLIOTECA

Temos na Biblioteca ata o venres día 2 unha exposición sobre libros e carteis de cine en relación co 25 N, Día Internacional contra a violencia de xénero, elaborada polo equipo da biblioteca en colaboración co alumnado de 3º ESO E. Convidamos a visitala.

Clube de lectura SOUTOMAIORES

ANÓTATE!

Ø Constituimos un Club de Lectura para persoas adultas, que denominamos “Soutomaiores”, aberto á Comunidade Educativa (profesorado, exalumnado, nais, país, titoras/es legais, persoal de administración e servizos…). Animámosvos a quen queira participar a que vos anotedes canto antes (podemos poñer como data límite o martes día 8).
 
Ø    A idea é lermos por trimestre un libriño interesante e comentármolo entre todas e todos, de ser posíbel coa autora e autor: isto supón un mellor coñecemento tanto de quen o escribiu e da obra en si. A data e momento deste encontro están por determinar, mais, no que é o primeiro, barallamos algún martes pola tarde despois das clases a partir da segunda semana de decembro. Comezamos cunha obra chea de interese: nada máis e nada menos que As humanas proporcións de Xesús Constela, Premio Torrente Ballester e Premio da Crítica. O autor xa o sabe e comunícanos que contemos con el para a conversa.
 
Ø      Así que so desexamos que vos animedes a participar:  a lectura e o encontro de fala entre todas e todos (incluído quen escribiu o libro)  sempre resulta moi gratificante dende moitos puntos de vista.

Despedida do club de lectura de 1º ESO

A posta en común dun novo cómic e unha xincana detectivesca serviron de broche de ouro para a última sesión do Club de Lectura de 1º da ESO, que tivo lugar o pasado martes 14 de xuño na Biblioteca. A obra escollida foi A proba de auga, da escritora e debuxante viguesa Anémona de Río (Aldara Álvarez García).

Recomendámosvos repasar os títulos, coma a penúltima lectura deste grupo (La memoria del agua) que foron lendo os membros dos diferentes clubs de lectura do instituto, darlle os parabéns a tantos mozos e mozas por contaxiar e gozar a paixón da lectura e agradecer, especialmente á profesora Iria Cortegoso, a dinamización e o fomento da lectura e todo o traballo desenvolvido ao longo de todo o curso.

Que teñades boas e pracenteiras lecturas este verán!

Encontro con Sara Vila, autora de 'Oito días sen Eva Cortes'

O Club de Lectura de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato mantivo o xoves 16 de xuño un encontro coa escritora e xornalista Sara Vila. A autora compartiu con todo ese alumnado lector as opinións e sensacións da novela "Oito días sen Eva Cortes", coa que gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2021.

Nunha animada e participativa sesión abordáronse temas, presentes na obra, de tanto atractivo e actualidade como os prexuízos sociais, a situación laboral, a liberdade, o concepto de xornalismo, etc.

Os distintos planos e voces narrativos (a de Eva Cortes, a moza desaparecida; a de Antía Ubeira, a xornalista; a do Correo de Pontevella, o xornal; ou aas dos demais personaxes... como Gael) combínanse nunha trama chea de intriga e suspense que logra seducirnos absolutamente.

En fin, convidamos a ler, quen non o fixo aínda, esta grande novela

Estrea do Clube de lectura en galego para persoas adultas

Onte, martes 22 de abril, botou a andar o Clube de Lectura en Galego para Adultos do IES de Soutomaior con motivo da celebración da I Feira do Libro de Soutomaior e na véspera do Día do Libro. 

Máis imaxes do encontro aquí.

Para esta estrea, tivemos a sorte de contar coa presenza de María Rei Vilas, autora da primeira lectura escollida, Flores de ferro, coa que mantivemos unha agradable conversa sobre o proceso da escrita, sobre como se xestou a historia e aínda máis: o trasfondo histórico do golpe de estado franquista e a ditadura que abriron a porta de inferno da violencia e a represión, os silencios e os traumas que arrastramos sobre esa época nas familias e na sociedade, a evolución dun mundo rural en desaparición... e, sobre todo, dos personaxes nunha novela de marcado protagonismo feminino (Camila, Olga, Aurora, Helia, Lola, Matilde, Catarina, Esperanza, Nidia...) que nos arrastran cara á revelación dun segredo que vos convidamos a descubrir.

Horas antes, no acto de inauguración da I Feira do Libro de Soutomaior na Alameda Talo Río, algúns dos membros dos clubes de lectura do IES de Soutomaior improvisaron unha breve performance que incluíu unha solta de libros entre as persoas asistentes. Grazas Lucía, Sofía, Álvaro, Xiana e Clara por colaborar neste evento, no que tamén participaron tres alumnas do Colexio Santiago Apóstol que fixeron unha invitación á lectura a través dun texto de Xulio Verne e deron a coñecer o programa da feira acompañadas pola son excepcional do oboe.

A programación inclúe a presenza de dous profesores do centro, Irene Alonso, que estará presente cos libros A caca Cuca e As cicatrices do caranguexo, e Orlando Beares, con A historia do cómic en Galicia.  

'Flores de ferro', unha novela de María Rei Vilas para estrear o Clube de Lectura en Galego

Comprácenos anunciar a posta en marcha do "Clube de lectura en galego para persoas adultas". E para estrear esta nova proposta do instituto contaremos coa presenza da autora da primeira lectura escollida, a novela Flores de ferro (Premio García Barros 2020), de María Rei Vilas.

O encontro terá lugar o venres 22 de abril ás 19h no Centro Municipal de Maiores de Talo Río, coincidindo coa I Feira do Libro de Soutomaior. 

Para participar e recoller o voso exemplar no instituto, tedes que enviar un correo a landin@edu.xunta.gal. O Clube está aberto ás familias, ao ex-alumnado e á veciñanza de Soutomaior en xeral.

Coloquio sobre 'Flor de area' con Manuel Lourenzo González

Esta mañá o alumnado de 3º e 4º ESO e de 1º de Bacharelato dos clubes de lectura do instituto mantiveron un encontro con Manuel Lourenzo González, autor de Flor de area, novela que leron nas últimas semanas. 

Os rapaces e rapazas estiveron moi atentos e participativos e interesáronse tanto por diferentes aspectos da obra, como o labor de documentación necesario para plasmar o contexto cultural e social da historia (a cultura árabe, o Irak...) como por cuestións máis xerais da creación literaria. 

O noso convidado foi moi ameno e próximo, aprendemos moito con el e quedamos moi agradecidas e agradecidos pola súa visita.

Xuntanzas dos clubes de lectura

A actividade dos clubes de lectura do instituto non cesa e nas últimas semanas foron varias as lcturas que o alumnado participante gozou e partillou de maneira amena e creativa. Este foi o caso do cómic Y entonces nos perdimos, de Ryan Andrews, que reuniu o alumnado de 1º ESO.
 
As impresións sobre a historia e os temas abordados, a valoración das pasaxes máis emocionantes e dos personaxes máis interesantes, como o oso pescador, Madame Majestic, Nate e Ben, deixaron paso á creatividade. E así foron os mesmos alumnos e alumnas quen se converteron en guionistas e reinterpretaron a obra coas súas ideas, co lapis e as cores.
 
 
Velaquí tedes unha pequena mostra do resultado. Están feitos uns artistazos e grandes lectores e lectoras.

Reflexións acerca de "Matar un ruiseñor"

A última xuntanza do clube de lectura que reúne alumnado de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato tivo lugar en dúas xornadas nas que compartimos impresións sobre a obra "Matar un ruiseñor" (1960), de Harper Lee, adaptada a novela gráfica por Fred Fordham en 2018.

Os mozos e mozas do clube de lectura interpretaron diversas escenas clave da obra poñéndose na pel de diferentes personaxes. Tras cada unha das representacións, analizaron cada personaxe e achegaron interesantes reflexións que os levaron a conectar os tempos en que sucede a historia coa actualidade.

A lectura que os reunirá na próxima xuntanza será a novela Flor de area, de Manuel Lourenzo.

Matar un reiseñor, nova xuntanza do clube de lectura

 

O vindeiro venres, día 28 de xaneiro, reunirémonos na biblioteca, a 2ª hora, para intercambiar impresións sobre a novela gráfica Matar un ruiseñor, xenial adaptación, ilustrada por Fred Fordham, do clásico de Harper Lee.

Non esquezades traer o voso exemplar, xa que o empregaremos para algunha actividade...

Distribuir contido


by Dr. Radut