Skip to Content

Falemos de ti e min a través da BD e despedida dos Clubs de Lectura da Biblioteca

O Proxecto Falemos de ti e min tamén se concretou nun club de lectura de banda deseñada, Marcando a Diferenza, que dende o mes de outubro reuniu alumnado de diferentes cursos ao redor de obras que abordaron temáticas como a diversidade funcional, a diversidade de orientación sexual, a inmigración, as inxustizas, a guerra, a demencia senil, etc. As lecturas destes cómics achegaron vivencias e emocións doutras vidas que en moitas ocasións transitan de modo case invisible ao noso carón e que provocaron un grande impacto nun alumnado que, coas súas reflexións, converteu este club de lectura nunha experiencia moi enriquecedora. Podedes seguir o seu percorrido ao longo do curso nesta entrada do blog do proxecto.

Así mesmo, ao tempo que se despedía Marcando a Diferenza, os clubs de lectura de BD de 1º e 2º da ESO chegaron tamén á fin do curso coa lectura de Dad, de Nob, e Valiente, de Svetlana Chmakova, respectivamente. E fixérono cunha fermosa acción simbólica que recolle moi ben o espírito das lecturas deste ano: levantando muros "contra contra as desigualdades, contra as inxustizas, contra o acoso, o machismo, o racismo e todas esas actitudes que non queremos no centro".

Por último, o Equipo da Biblioteca quere agradecerlles ás bibliotecas escolares do IES de Poio, do IES Porto do Son e do CPI San Vicente A Baña o préstamo de exemplares dalgunhas obras de lectura dos diferentes clubs e proxectos do centro, xa que a optimización destes recursos públicos facilitou moito esta campaña de animación á lectura no noso centro.



book | by Dr. Radut