Skip to Content

RECORDATORIO E-DIXGAL PARA AS FAMILIAS

 

Os titores/as están a entregar estes días ao seu alumnado un impreso para entregar ás familias, a modo de recordatorio das normas e consellos de uso dos equipos E-Dixgal cedidos. Pódese consultar dita nota informativa no arquivo que se xunta.

Naqueles casos nos que se indique que se detectou algún golpe ou rotura a reparar antes de que haxa que proceder á devolución do equipo (ao rematar a ESO), prégase ás familias a entrega do impreso debidamente cuberto e asinado por un dos responsables legais do alumno/a e que contacten canto antes co Servizo Premium para proceder á reparación.

Lémbrase que o alumnado de 4º ESO será chamado a devolver os equipos E-Dixgal (caixa, maletín, ordenador e adaptador de corrente) ao remate das clases (22 de xuño), en data que será comunicada proximamente.

 

 

AUTOBÚS ABAU

O noso alumnado tivo a posibilidade de escoller facer uso dun autobús para asistir ás probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), que terán lugar o martes 7, mércores 8 e xoves 9 de xuño de 2022 na Escola de Enxeñería de Telecomunicación e na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo.

Dito autobús, da compañía Suárez Araújo, sairá da Praza de Abastos de Tui, co seguinte horario:

  • Martes 07: saída ás 08:00 e regreso ás 19:00
  • Mércores 08: saída ás 08:00 e regreso ás 19:30
  • Xoves 09: saída ás 08:00 e regreso ás 14:30.

Prégase puntualidade extrema, tanto na saída coma no regreso, para evitar retrasos innecesarios.

Premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico

 

O luns 30 de maio publicouse no DOG a Orde do 23 de maio de 2022 pola que se convocan os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico correspondentes ao curso 2021-2022. As solicitudes de participación presentaranse preferiblemente por medios electrónicos a través da aplicación informática «PremiosEdu» (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/, código de procedemento ED311D).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación comezou o día 31 de maio de 2022 e rematará o día 30 de xuño de 2022.

Máis información nesta ligazón.

AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS E MATERIAL ESCOLAR CURSO 2022-23

 

Onte, 18 de maio, publicouse no DOGA a convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, ESO e educación especial para o curso escolar 2022-23.

O prazo para presentar as solicitudes empeza o 19 de maio e remata o 22 de xuño de 2022. 

As solicitudes poderanse presentar de varias formas:

  1. Presentación da solicitude no centro cuberta de xeito manual (sen número de solicitude)
  2. Elaboración da solicitude e xeración do número de solicitude a través da aplicación Fondolibros. Unha vez realizada a solicitude a través da aplicación, esta poderase presentar:
    1. en papel de xeito presencial no centro educativo (con número de solicitude)
    2. na sede electrónica da Xunta de Galicia (con número de solicitude)

Unha vez resolta a convocatoria, a listaxe provisional de admitidos publicarase como máximo o 11 de xullo de 2022. O prazo de reclamación ás listaxes provisionais serán os dous días seguintes aos da súa publicación.

Documentación que deberá acompañar a solicitude:

  • Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).
  • Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figure o alumno e os demais membros computables da unidade familiar. En caso de separación ou divorcio, ademais deberán achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor. Excepcionalmente (cando non sexa posible facelo polos medios anteriores), poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios: 1º. Certificado ou volante de convivencia. 2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia. Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia en que deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar.
  • Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.
  • Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, cando o agresor forme parte da unidade familiar.
  • Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
  • Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.
  • Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor o titores carezan de DNI e NIE.

 

 

ANPA: xornadas educativas

As ANPAS do concello de Tui están a organizar unha serie de xornadas de formación para familias, docentes e persoas interesadas no eido da educación. 

Serán os días 12, 19 e 26 de maio ás 19:00 no salón de actos do Seminario Menor de Tui e abarcarán temas como a saúde mental na adolescencia, técnicas de estudo e disciplina positiva.

Máis información en anpastui@gmail.com.

Probas de Acceso ás Ensinanzas Artísticas Superiores e ás Ensinanzas Deportivas

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ven de publicar as instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás ensinanzas Artísticas Superiores e ás ensinanzas Deportivas para o curso 2022-23. 

O prazo de solicitude de admisión para as ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño estenderase dende o 22 de abril ata o 23 de maio, ambos os dous incluídos, no caso de precisar realizar a proba de acceso que substitúe ao requisito de titulación de bacharelato. Se este non é o caso, poderánse presentar as solicitudes ata o 23 de xuño incluído.

No caso das ensinanzas Deportivas, o prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de educación secundaria obrigatoria e/ou na proba específica de grao medio será o comprendido entre o 22 de abril e o 29 de xuño de 2022, ambos os dous incluídos. O prazo de inscrición na proba substitutiva do requisito de titulación de bacharelato será o comprendido entre o 22 de abril e o 23 de maio de 2022, ambos os dous incluídos.

Tes toda a información nos enlaces da sección Novas.

 

 

Pasatempos FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Despois de ler o traballo do equipo da biblio e o que a web https://primaveradasletras.gal nos ofrece, seredes quen de realizar estes pasatempos?

Se conseguides a resposta a todos os enigmas, pasade pola biblioteca!!!!

Pasatempos FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN de Amalia Otero

Un alfabeto para Florencio

Preme nas distintas teclas para coñecer mellor ao autor das Letras 2022:

CURRICULOS EDUCATIVOS LOMLOE

 

A semana pasada a Consellería de Educación, Cultura e Universidades presentou un breve resumo dos curriculos educativos da LOMLOE, que entra en vigor o vindeiro ano académico nos cursos impares (1º, 3º ESO e 1º BAC).

Pódese consultar este documento nesta ligazón.

Distribuir contido


by Dr. Radut