Skip to Content

Blogues

P. URXENCIAS SANITARIAS. Accidentes por electricidade.

 

Accidentes por electricidade

 

Electricidade

 

Cando non sexa posible contactar cos servizos deurxencia: -- Cortar a corrente eléctrica.

 

- Illarse ao rescatar oferido:

 

Apartalo da corrente eléctrica coa axuda dunha pértega de material illante (por exemplo, o pau de madeira dunhaescoba).

 

Subirse sobre algo illante (cadeira de madeira, caixa de plástico de refrescos, etc.) para rescatar o accidentado.

 

- Valorar outros problemas de saúde que poidan estar asociados (queimaduras, contusións, etc.).

 

- Esperar a atención sanitaria.

 

P. URXENCIAS SANITARIAS. Actuacións básicas en urxencias de saúde e primeiros auxilios. Reanimación cardiopulmonar.

 

 

 ACTUACIÓNS BÁSICAS EN URXENCIAS DE SAÚDE E PRIMEIROS AUXILIOS

 

Fundamentos de primeiros auxilios en enfermidade repentina e accidentes

Primeiros auxilios son aqueles xestos ou medidas que se adoptan inicialmente cun accidentado ou enfermo repentino, no mesmo lugar dos feitos, ata que se poida obter unha asistencia especializada. Non se precisan equipos sofisticados.  Desta actuación dependerá a evolución dunha persoa.

 

 Os seus obxectivos básicos son:

  • Evitar a morte.
  • Impedir que se agrave a lesión.
  • Aliviar a dor.
  • Evitar infeccións ou lesións secundarias.
  • Axudar ou facilitar a recuperación do lesionado.

Podemos seguir un decálogo básico de actuación nos primeiros auxilios:

 

DECÁLOGO DE PRIMEIROS AUXILIOS

1. Ter uns coñecementos básicos como parte da formación en saúde e cidadanía responsable.

2. Observar a situación antes de actuar.

3. Actuar con tranquilidade e rapidez: intervención rápida pero serena, dominando a situación e evitando o pánico.

4. Non mover o accidentado sen saber antes o que ten: examinar ben o ferido, sen tocalo innecesariamente.

5. Non facer máis que o indispensable.

6. Xamais darlle de beber ou comer a un accidentado.

7. Abrigar ao ferido.

8. Tranquilizar e animar o accidentado, transmitíndolle seguridade na nosa actuación.

9. O accidentado deberá ser tratado, que non trasladado, con urxencia.

10.ATENCIÓN! A persoa que intervén debe protexerse sempre: asegurar a súa integridade, pór luvas, etc.

 

Na abordaxe das situacións que requiren intervención de urxencia por accidente hai que observar unha conduta PAS (Protexer – Avisar - Socorrer, por esta orde)

 

PROTEXER O LUGAR DOS FEITOS

 

Protexer o accidentado e a persoa que intervén.  É preferible afastar o perigo que mobilizar o accidentado. Por exemplo:

 

- Nunha fuga de gas: cortar o gas, non acender lume, non fumar.

- Nun coche: quitar o contacto, aparcar ben ou sinalizalo.

 - En danos por electricidade: desconectar a corrente antes de tocar o accidentado.

 

AVISAROS SERVIZOS DE SOCORRO

 

sempre que a urxencia, presumiblemente, non poida ser atendida desde o centro:

 

 061 – Número de urxencias sanitarias 112  - Número de urxencias xerais

 

O teléfono directo de referencia para o alumnado inscrito no programa Alerta Escolar é o 061; ademais recoméndase contactar co 061 directamente cando se estea seguro de que a natureza do problema que se quere comunicar sexa exclusivamente sanitaria. Recoméndase contactar co 112 en casos nos que existan dúbidas de que a natureza do problema e a súa resolución poidan necesitar da intervención de servizos non exclusivamente sanitarios. En calquera caso, as centrais de emerxencias están interconectadas polo que, no caso de chamar ao 112 e precisar atención médica, seremos remitidos directamente á Fundación 061. No caso contrario, unha vez contactado o 061, se fose manifesta a necesidade doutros medios técnicos como bombeiros ou policía, serán tamén mobilizados.

 

 É de vital importancia saber informar correctamente sobre as circunstancias ás que nos enfrontamos. Os servizos de urxencia só contan cos nosos datos polo que haberá que facilitar información acerca de:

 

 Lugar exacto: evitar referencias que dependan do coñecemento da zona na que estamos. O nome completo do centro, a dirección exacta ou calquera indicación que permita xeolocalizar o lugar do sinistro é clave para a chegada dos medios de axuda.

Tipo de accidente: tanta información como sexa posible sobre as circunstancias exactas do problema.

Número de feridos e situación dos mesmos: Hai que indicar cantas persoas están afectadas e cal é o seu estado segundo as pautas que nos marquen desde a central de urxencias (p.e. se está consciente, se respira ben...)

 Identificarse: é importante que lle digamos á central de urxencia quen somos, facendo constar que responsabilidades asumimos nese momento (director/a, profesor/a responsable, para que poidan dirixirse a nós e darnos indicacións precisas...)

 

Se nos poñen en contacto cun equipo médico, DEBEMOS SEGUIR SEMPRE AS SÚAS INSTRUCIÓNS e non facer nada sen consultalo primeiro.

NUNCA DEBEMOS CORTAR A COMUNICACIÓN ata que a central nolo indique. 

As chamadas ás centrais de urxencias quedan rexistradas e gravadas polo que, en todo momento, teremos a seguridade de actuar seguindo instrucións.

Nunca deixaremos a vítima soa. Se para avisar temos que afastarnos dela debemos asegurarnos de que queda alguén ao seu cargo con capacidade de actuar. Se non é posible, pediremos axuda a berros ou tentaremos estabilizar a vítima ata que poidamos conseguir axuda.

Se o centro conta con persoal formado en Primeiros Auxilios e Soporte Vital Básico, e o dito persoal se atopa no centro, deberá solicitarse a súa presenza inmediata para a súa intervención, conxuntamente co resto dos presentes e coordinadamente cos servizos de urxencia.

 

SOCORRER: APLICAR ESTAS INSTRUCIÓNS

 

Debemos actuar seguindo unha orde de prioridades básicas:

  •  Primeiro: salvar a vida. É o obxectivo prioritario da actuación.
  •  Segundo: evitar que se agraven as lesións. A nosa actuación, guiada polos servizos de urxencia, debe ir enfocada a evitar que as condicións da persoa afectada empeoren e, de ser posible, estabilizala e mellorar as súas condicións de espera.
  • Terceiro: Organizar. Afastar os curiosos, transmitir instrucións da central e dos servizos de urxencia, etc.

 

 

 

Reanimación cardiopulmonar

 

No caso de atopar unha vítima inconsciente, que non atende a estímulos verbais ou dolorosos (berrarlle polo seu nome, facerlle pequenos beliscos…), berramos pedindo axuda e contactamos INMEDIATAMENTE cos servizos de urxencia no teléfono de emerxencias sanitarias 061 e seguimos paso a paso as súas indicacións.

 Se contamos con compañeiros formados en Soporte Vital Básico ou SVB-DESA, requiriremos a súa axuda urxente, pero en ningún caso nos inhibiremos de actuar ata que alguén tome o relevo por indicación dos servizos de emerxencia.

Se estamos acompañados, unha persoa pedirá axuda e outra comezará coas manobras de reanimación. No caso de estar sós, e non poder contactar cos servizos de emerxencia, abandonamos a vítima e pedimos axuda canto antes. Sempre debemos volver despois de pedir axuda. Unha vez que solicitemos a axuda:

Deitamos a vítima boca arriba sobre unha superficie firme e axeonllámonos ao seu carón á altura do peito.

 Abrir as vías respiratorias. MANOBRA FRONTE-QUEIXO: Poñemos unha man sobre a fronte empuxando amodo cara abaixo (en diagonal) á vez que poñemos a outra man no queixo e empuxamos amodo cara arriba (na diagonal contraria), de xeito que as vías respiratorias queden perfectamente horizontais.

 Comprobar a respiración. Situamos a nosa cabeza de xeito que o oído quede sobre o nariz da vítima, a meixela sobre a boca e os ollos mirando cara ao seu peito para OÍRSENTIR-VER a respiración da vítima. OÍR A RESPIRACIÓN, SENTIR O ALENTO, VER O PEITO QUE SE LEVANTA. Comprobaremos se respira non menos de 5 segundos pero nunca máis de 10. No caso de que dubidemos se respira, onsideraremos que non respira.

Abrir vías respiratorias

 

 

Se a vítima respira pero segue inconsciente:

Se non podemos vixiala directamente, colocarémola na posición lateral de seguridade (PLS). É unha postura de seguridade utilizada en primeiros auxilios na que pode situarse a un paciente inconsciente pero que mantén a respiración, de forma que non sufra posteriores danos debido á asfixia por falta de drenaxe de fluídos nas súas vías respiratorias. Polo tanto, esta posición prevén o esganamento e a aspiración de vómitos.

  • Colocamos a persoa deitada boca arriba. 
  • Coa perna do lado interno recta, flexionamos a perna do lado externo, ata formar un ángulo co corpo.
  • Flexionamos o brazo do lado interno para formar un ángulo recto co seu corpo.
  • Xiramos o corpo ata que quede de lado.
  • Colocamos o dorso da man do lado externo, baixo a meixela.

 

Esta posición non debe realizarse se a inconsciencia é debida a un traumatismo, porque podería agravar as súas lesións. En calquera caso, se colocamos a vítima nesta posición teremos que reavaliar con frecuencia se mantén a respiración.

Posición lateral de seguridade

 

Se a vítima non respira ou temos dúbidas:

 

Se non se aprecia respiración ou ten algunha dúbida de que estea respirando, cómpre avisar o servizo de urxencias sanitarias 061, e informar de que a vítima está inconsciente e non respira tras practicar a apertura da vía aérea. Os médicos da Central de  Coordinación de Urxencias Sanitarias 061 dispoñen dun protocolo pactado co resto dos Servizos de Emerxencias Sanitarios do estado para o soporte telefónico para a reanimación por testemuñas.

 Para practicar a reanimación cardiopulmonar siga as instrucións do médico da central de coordinación. En calquera caso, se por calquera motivo non puidera establecer comunicación ou esta se atrasase, iniciaremos a masaxe cardíaca:

 

  • Localizamos o punto da compresión: centro do tórax, xusto entre as dúas mamilas.
  •  Deprimimos 1/3 do diámetro do tórax. Con seguridade e forza comprimimos o peito da vítima, que debe baixar un pouco (de 2 a 5 cm, depende das persoas) trinta (30) veces a razón de unha compresión por segundo. Para manter o ritmo pódese contar 1001-1002-1003... 1030 ou ben pensar en temas musicais coñecidos que teñen esta cadencia. Para que as compresións torácicas sexan efectivas, o doente debe estar sobre unha superficie dura non deprimible. Colocarémonos no seu lateral e, cos brazos hiperestendidos e perpendiculares ao doente de xeito que todo o peso do noso corpo caia sobre os brazos, colocaremos o talón das mans no centro do peito. Sobre a man esquerda situamos a man dereita e agarramos ambas as dúas mans.

Deprimimos un tercio do tórax

 

 

·      Insuflamos aire. Unha vez que chegamos ás 30 compresións, volveremos a abrir as vías aéreas coa manobra fronte-queixo que ilustramos anteriormente. Taponamos o nariz da vítima e, coa nosa boca, cubrimos totalmente a súa insuflando aire nos seus pulmóns con potencia suficiente para que o peito se levante. No caso de nenos que acaban de nacer ou de vítimas moi pequenas, podémoslle cubrir o nariz e a boca coa nosa boca. Se a insuflación é boa o peito da vítima deberá elevarse lixeiramente.

 

 Insuflamos aire

 

·         Coordinamos ventilacións-compresións (30/2) +/- 100/min e continuaremos esa secuencia coas mínimas interrupcións posibles.

 

·         Soamente se deterá a reanimación cardiopulmonar nos seguintes casos:

•         A vítima mostra sinais de recuperación (respiración espontánea, movementos complexos…).

•         Chegan os servizos de emerxencias (non se debe deter a reanimación ata que eles o indiquen e se fagan cargo).

•         O reanimador está canso.

 

 

 

 

 

 

 

Protección de datos. Consideraccións xerais.

Ten por obxecto garantir e protexer, no que concirne ao tratamento dos datos persoais, as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, e especialmente do seu honor e intimidade persoal e familiar.

Dato de carácter persoal e calquera información concernente a persoas físicas identificadas ou identificables. Isto inclúe, no ámbito educativo, o nome e apelidos do alumnado, teléfono, residencia, cualificacións, datos de ausencias xustificadas ou inxustificadas, fotografía (imaxe persoal) etc.

 

DATOS ESPECIALMENTE PROTEXIDOS:

Os que revelen a ideoloxía, afiliación sindical, relixión e crenzas.

Os que fagan referencia á orixe racial, á saúde e á vida sexual.

Os relativos a infraccións penais ou administrativas.

Algúns dos datos manexados habitualmente nos contornos educativos que deben ser obxecto desta especial protección son:

Datos referentes á saúde do alumnado (intolerancias alimenticias, alerxias, problemas de saúde, datos psicolóxicos contidos no informe psicopedagóxico etc).

Datos relativos ao grao de minusvalía do alumnado ou dalgún dos proxenitores, datos relativos á orixe racial etc.

 

FICHEIROS DE DATOS:

Os centros públicos educativos dependentes da Consellería non deben proceder á creación de novos ficheiros de datos de carácter persoal, xa que os datos que tratan xa se inclúen nos ficheiros de titularidade da Consellería.

Respecto aos centros privados e centros privados concertados, neste caso existe autonomía dos centros para a creación dos seus propios ficheiros baixo a súa responsabilidade.

 

RESPONSABILIDADE:

As persoas que ocupan a dirección dos centros públicos son os responsables do tratamento dos datos de carácter persoal relativos ao seu centro xa que poden adoptar decisións sobre as actividades ás que se destinan os datos e nas que estes datos se empregan no día a día dos centros educativos.

 

TRATAMENTO: A norma xeral é que o tratamento dos datos de carácter persoal requirirá o consentimento inequívoco do afectado, salvo que a lei dispoña outra cousa.

 

CESIÓN: A regra xeral nesta materia é a necesidade de recadar consentimento das persoas afectadas para realizar a cesión de datos.

Protección de datos. Tratamento dos datos.

A norma xeral é que o tratamento dos datos de carácter persoal requirirá o consentimento inequívoco do afectado, salvo que a lei dispoña outra cousa.

Poderá procederse ao tratamento de datos de carácter persoal de maiores de 14 anos co seu consentimento.

No caso de menores de 14 anos requirirase sempre o consentimento dos pais ou titores.

Os datos dos proxenitores ou doutros membros da unidade familiar non se poden obter a través do menor senón que deben ser facilitados polos seus titulares (os proxenitores).

O que si está permitido é recadar do menor os datos de identidade e enderezo do pai, nai ou titor/a, co fin de recadar o seu consentimento.

Está expresamente prohibido recadar do alumnado datos sobre a situación laboral (por exemplo, a profesión) dos proxenitores.

Protocolo de datos. Cesión de datos.

A regra xeral nesta materia é a necesidade de recadar consentimento das persoas afectadas para realizar a cesión de datos.

 

Nos supostos de cambio de centro educativo, o centro de orixe pode remitir o expediente ao centro de destino sen necesidade de recadar consentimento das persoas afectadas.

Non podemos falar de cesión de datos aos Equipos de Orientación Específicos dado que o responsable de ficheiro é a mesma persoa, a Secretaría Xeral Técnica e, de feito, trátase do mesmo ficheiro. 

 

Está previsto expresamente no artigo 11 da Lei 15/1999, do 13 de decembro a posibilidade de cesión de datos ao Defensor del Pueblo, ao Ministerio Fiscal, aos xuíces ou tribunais ou ao Tribunal de Cuentas sen necesidade de recadar o consentimento do afectado.

 

O centro educativo nunca facilitará directamente a entidades ou asociacións información algunha sobre o seu alumnado e as súas familias, aínda que así se solicite por parte da familia e da asociación ou entidade á que pertence, salvo naqueles casos nos que a Consellería conte cun convenio de colaboración con esta entidade. Nese caso estarase ao disposto no devandito convenio.

 

A AEPD considerou que, sen prexuízo das posibles circunstancias de cada caso concreto, se pode entender que existe un interese lexítimo por parte dos proxenitores en coñecer as cualificacións dos seus fillos maiores de idade que, en xeral, pode prevalecer sobre o dereito dos fillos e fillas a que as ditas cualificacións non foran accesibles, o que xustificaría este acceso á información polos proxenitores en aplicación da Directiva europea 95/467CE

Protección de datos. Imaxes.

Debe partirse da consideración de que a imaxe é un dato de carácter persoal, que ademais ten unha especial relevancia e protección. O uso de imaxes en páxinas web, contornas dixitais ou instrumentos similares dos centros educativos, deberá contar co consentimento expreso do afectado.

 

Neste senso, no caso do alumnado menor de 14 anos deben prestar o consentimento os seus proxenitores, e no caso de maiores de 14 anos poden prestalo por si mesmos, segundo as regras xerais de consentimento. Cando o centro teña dúbidas respecto á posible validez do consentimento dos menores de idade, maiores de 14 anos, poderán recadar unicamente o consentimento dos seus representantes legais, quedando así sempre cuberta a responsabilidade polo uso das imaxes.

 

Como recomendación xenérica haberá que evitar imaxes nas que se vexan as caras claramente distinguibles e identificables dos membros da comunidade educativa.

 

O consentimento, particularmente no caso de imaxes, non pode ser xenérico, é dicir, que haberá de recadarse para cada fin concreto. Porén, facilítase neste protocolo (protocolo_proteccion_datos_v1.0.pdf) un modelo de autorización, que recolle e cubre a meirande parte das actividades, de xeito que os centros a poidan facilitar ao comezo de cada curso escolar quedando cubertas todas as actividades indicadas. Deste xeito, só excepcionalmente, para situacións distintas das previstas no modelo de autorización, será preciso recadar un consentimento individualizado.

Protección de datos. Cámaras de vixilancia.

A Axencia Española de Protección de Datos pronunciouse en diversas ocasións sobre o uso de cámaras de videovixilancia nos centros educativos.

Debe respectarse o principio de proporcionalidade dos datos, a AEPD admite o uso de cámaras de videovixilancia con fins de seguridade.

Deberá cumprirse co deber de información e colocarse nas zonas videovixiladas un distintivo indicativo ubicado nun lugar suficientemente visible, tanto en espazos abertos como pechados.

Non poderán obter imaxes de espazos públicos, salvo que resulte imprescindible ou resulte imposible evitalo.

As imaxes gravadas deberán cancelarse no prazo dun mes dende a súa captación.

Deben escollerse os lugares de colocación das cámaras de xeito que se respecten os dereitos dos usuarios do centro. Por exemplo, non se deben instalar cámaras nas aulas ou nos aseos, vestiarios, ximnasios etc.

 

Protección de datos. Proxenitores.

  • A AEPD considerou que, sen prexuízo das posibles circunstancias de cada caso concreto, se pode entender que existe un interese lexítimo por parte dos proxenitores en coñecer as cualificacións dos seus fillos maiores de idade que, en xeral, pode prevalecer sobre o dereito dos fillos e fillas a que as ditas cualificacións non foran accesibles, o que xustificaría este acceso á información polos proxenitores en aplicación da Directiva europea 95/467CE

 

  • A patria potestade corresponde a ambos proxenitores, salvo decisión xudicial expresa, con independencia de que a garda e custodia sexa compartida ou corresponda unicamente a un deles. Dentro dos deberes inherentes á patria potestade atópase o da educación dos menores. Ambos proxenitores, en tanto non se atopen xudicialmente privados da patria potestade, teñen dereito a recibir información sobre o proceso educativo do seu fillo ou filla.

Recomendacións:

– O proxenitor que non ostente a garda e custodia deberá solicitar esta información por escrito ao centro, acompañando a esta solicitude, se o centro non conta con ela, de copia fidedigna da resolución xudicial na que se recolla que se ostenta a patria potestade acompañada dunha declaración responsable de que non se teñen producido variacións respecto a dita resolución xudicial.

– Nos supostos en que o centro xa conte coa resolución xudicial, o proxenitor non custodio deberá remitir unicamente a solicitude acompañada da declaración responsable de que non se teñen producido variacións respecto a dita resolución xudicial, identificando correctamente a resolución xudicial co seu número e data.

- Non se facilitará ningún tipo de información relativa aos menores ás persoas privadas xudicialmente da patria potestade sobre o alumno ou alumna.

 

CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL AMPA SAN PAIO, CURSO 2017-2018

CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL AMPA SAN PAIO (TUI)

CURSO 2017-2018

 

Distribuir contido


by Dr. Radut